Folga na CRTVG: nove días de paros "contra a manipulación e o desmantelamento"

Mobilización de persoal da CRTVG en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Máis de sete anos despois, o persoal da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) volve á folga. É a primeira convocatoria para os traballadores e traballadoras dos medios públicos --á marxe dos paros xerais e feminista dos últimos anos-- desde aquela de outubro de 2011, cando amosaran o seu rexeitamento á reforma da lei de medios públicos acordada entre PP e PSdeG. 

A convocatoria de folga na CRTVG é a primeira interna nos últimos sete anos, á marxe dos paros xerais e feminista

Agora, a folga volve reivindicar, entre outros moitos aspectos, o cumprimento desa lei e a conseguinte creación do Consello de Informativos e Estatuto Profesional. Sete anos e dúas lexislaturas e media despois, a lexislación segue sen cumprirse e o persoal apoia moi maioritariamente nove xornadas de paro a desenvolver entre o vindeiro martes 20 e o sábado 22 de decembro. No fondo, o fastío dun persoal que leva 25 semanas seguidas mobilizándose nos venres negros, compartindo moitas as demandas expresadas polo comité intercentros na convocatoria desta folga, tamén as que reclaman pola fin da "manipulación" e do "control informativo" na CRTVG.

Uns 900 traballadores están chamados a unha folga con paros parciais de dúas horas en cada quenda os días 20, 22, 24, 26, 28 e 30 de novembro e 2 de Nadal

Son, en total, uns 900 traballadores --entre fixos e eventuais-- os chamados a unha folga contra o "desmantelamento" que comezará con paros parciais de dúas horas os días 20, 22, 24, 26, 28 e 30 de novembro e 2 de decembro. Están convocados de 12:30 a 14:30 na quenda de mañá, de 18:30 a 20:30 na de tarde e nas dúas últimas horas da quenda de noite. Ademais, o 19 de decembro haberá un paro de 24 horas, ademais dunha manifestación, mentres que o sábado 22 de Nadal levarase a cabo de 8 da mañá a 2 da tarde. Afecta ao persoal de San Marcos e de todas as delegacións (Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo). 

O 19 de decembro haberá unha folga de 24 horas e o sábado 22 o paro será das 8 da mañá ás dúas da tarde

Defende A Galega, o colectivo que une o persoal dos medios públicos galegos, xa aclarou que "defende e apoia esta e calquera outra reivindicación que afecte a calidade do servizo público", aínda que entende que "son os sindicatos os que deben levar a voz das mobilizacións que convocan". 

O comité intercentros, no que están representados CUT, CIG, UGT, CCOO e USO, entregou á dirección xeral o preaviso de folga a pasada semana, no que se especifican os obxectivos da protesta. Reclama, por exemplo, a recuperación da produción propia interna da CRTVG xa que, segundo fontes do persoal, non é estraño que en calquera semana até o 70% dos programas da televisión pública, sen contar redifusións, sexan de produción allea. Na súa última comparecencia no Parlamento, o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, advertiu de que os informativos serían o "único que lles quede" aos medios públicos. 

Protesta do persoal da CRTVG contra a manipulación nun dos venres negros / Defende A Galega

O comité demanda, xa que logo, a "supresión da externalización da produción e dos servizos" e pide unha "negociación" para determinar o cadro de persoal necesario para "a prestación do servizo público en todos os centros de traballo". Ademais, pide "garantía de mantemento do emprego" e a fin da contratatación mercantil e de colaboradores "que encobren relacións laborais ordinarias", da utilización fraudulenta da contratación en prácticas e da "desviación da natureza dos contratos de formación e de bolsas Feuga". 

O persoal demanda a recuperación da produción propia, a supresión da externalización ou garantía de mantemento de emprego

Tamén demanda o respecto ao exercicio dos dereitos de conciliación da vida laboral e familiar que recolle o convenio colectivo, a substitución do persoal acollido a licenzas retribuídas conforme tamén a ese convenio e a negociación efectiva do Plan de Igualdade. 

Os representantes do persoal dos medios públicos pide tamén "erradicar a manipulación informativa da CRTVG" e poñer fin á "política represiva". Estas demandas chegan un mes despois de que se arquivase un expediente que a Corporación abrira a Beatriz Moyano, ex-presentadora do Telexornal Serán, labor do que dimitira xunto ao tamén xornalista Alfonso Hermida como protesta polo control informativo. Logo da alusión aos venres negros nunha gala contra o cancro ao que asistira Feijóo, a profesional foi apercibida por haber "indicios" de que se maquillara na TVG para asistir ao acto. O apoio do persoal á periodista foi masivo e naquel expediente viuse un castigo polo seu explícito apoio ás protestas. 

A folga chega tras meses de mobilizacións, a dimisión de Hermida e Moyano do Telexornal e o expediente aberto a esta última

Antes, o pasado 8 de setembro, traballadores da CRTVG esixiron na rúa independencia informativa co apoio de oposición e sindicatos. Mentres, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tentou sempre desentenderse da cuestión: “Eu non dirixo a TVG”, chegou a dicir, obviando que el impulsou hai sete anos a lei de medios públicos da que se reclama o seu cumprimento. 

A previsión é que o apoio á folga sexa "moi maioritario", segundo fontes do comité consultadas por Praza.gal. De servir as asembleas convocadas nos últimos días como termómetro, o apoio masivo está garantido. Na convocada o sábado o apoio aos paros foi "case unánime", ao igual que nas xuntanzas que se están a realizar nas diferentes delegacións.

Queda agora por saber que tipo de servizos mínimos decreta a Corporación. Aínda que o comité de folga agarda xa que sexan "abusivos", lembran tamén que o persoal ten agora "máis armas" ante esta posibilidade logo de que a Xustiza condenase a CRTVG por vulnerar o dereito á folga e á Xunta por establecer uns servizos minimos "maliciosos" no paro feminista do pasado 8 de marzo

Daquela, os tribunais viron "encadrable na esquirolaxe interna" a substitución dunha presentadora que foi á folga por un home que realizou o seu traballo no programa do 8 de marzo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.