0 Gardados para despois

A CRTVG apercibe a xornalista que dimitiu do Telexornal tras participar nunha gala benéfica

José PrecedoJosé Precedo | @joseprecedo


Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) apercibiu unha das traballadoras que presentou a súa dimisión do Telexornal Serán en protesta polo control informativo. A compañía dos medios públicos abriu "un proceso informativo" a Beatriz Moyano logo da súa participación nunha gala benéfica contra o cancro celebrada o pasado 22 de xuño en Compostela. 

A Corporación aclara que lle abriu "un proceso informativo" por un "posible incumprimento" da norma que impide usar medios da CRTVG para actos alleos á compañía

Desde a Corporación aclárase que o expediente informativo abriuse "ante o posible incumprimento" por parte da traballadora da norma que advirte de que "os medios públicos só se poden usar se se actúa en representación da CRTVG", algo para o que, en todo caso, "fai falta, obviamente, un recoñecemento expreso". De feito, a compañía dos medios públicos, ante as informacións que advertían do apercibimento, aclara a Praza.gal que se viu "na obriga de recordar ao persoal algo que parece lóxico: que non se poden utilizar medios públicos para fins particulares". 

O motivo do expediente, segundo se tira das aclaracións que fai a CRTVG, teríase debido ao suposto uso de material ou servizos da compañía pública para o evento que organizaba a Asociación Española contra o Cancro (AECC). Fontes do persoal entenden que a reclamación da empresa refírese ao suposto uso do servizo de maquillaxe, algo que admiten como habitual entre os traballadores para calquera gala, mesmo remunerada.

Estas mesmas fontes aseguran que na devandita gala "só se utilizaron medios materiais e humanos da propia AECC" e ven no apercibimento, no requirimento de información e nas advertencias difundidas a todos os traballadores da empresa unha forma de presión e mesmo represalia polas protestas que desde hai semanas levan a cabo nos venres negros.

Beatriz Moyano reivindicou as mobilizacións do persoal da CRTVG na gala contra o cancro

Tamén sospeitan que todo é un castigo á propia Moyano, que dimitiu do seu posto de presentadora do Telexornal Serán e que nese acto contra o cancro fixo unha breve reivindicación --vestida de negro-- das protestas dos seus compañeiros na CRTVG ante membros da corporación do Concello de Santiago e ante o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A principal reprimenda á xornalista e a petición de explicacións referiuse sempre á suposta incompatibilidade da gala co seu labor na empresa, pero foi o uso do servizo da maquillaxe a escusa empregada pola CRTVG para apercibila, segundo contan desde o cadro de persoal. 

Máis dunha semana antes da celebración da gala, Beatriz Moyano solicita esa xornada como día de asuntos propios e comunica á Dirección de Proxección Social da CRTVG a súa intención de participar nela, malia que non é unha actividade remunerada. Cumpre así, segundo fontes do persoal, co protocolo marcado na empresa --que non contesta--, o mesmo que seguen todas as persoas que participan en eventos semellantes. 

Cinco días despois da gala, a presentadora foi requirida pola CRTVG para que aclarase a "compatibilidade" da súa participación no evento co seu labor no medio público

Cinco días despois da gala, a presentadora é requirida pola Dirección de Recursos Humanos da CRTVG para que aclare a "compatibilidade" da súa participación no evento co seu labor no medio público. Moyano entende que, ao non haber retribución nin beneficio económico, o acto non está suxeito a réxime de incompatibilidade ningún e que o protocolo seguido foi o mesmo que o dos seus compañeiros en casos semellantes. 

A CRTVG aclara que os actos aos que acode persoal da empresa "poden non ser retribuídos nun caso, para logo acadar outros que si o son"

A CRTVG aclara a Praza.gal que "os actos que realice persoal da CRTVG de forma particular, sexan retribuídos ou non, son, dentro da lei, a súa responsabilidade, e para iso deberán aterse á lexislación correspondente, que coñecen e que está colgada na intranet" da compañía. Os traballadores dos medios públicos está suxeitos á normativa de incompatibilidades dos empregados do sector público establecida na Lei 53/1984, do 26 de decembro. 

Ademais, en resposta a este medio, a CRTVG aclara que os actos aos que acoden os traballadores da empresa "poden non ser retribuídos nun caso, para logo acadar outros que si o son". 

Sede da CRTVG, en San Marcos / © CRTVG

Ante os requirimentos de información, a inmensa maioría de presentadores da TVG difunden un escrito no que expoñen a súa solidariedade con Beatriz Moyano e solicitan un protocolo de actuación claro que especifique que proceso seguir á hora de participar nestes eventos benéficos. Poucos días despois, a CRTVG publica na intranet (rede de comunicación interna) da compañía un recordatorio para todo o persoal sobre as esixencias da compatibilidade á hora de participar nestas galas. 

A maioría de presentadores da TVG apoiou nun escrito a Moyano e pediu á empresa un protocolo claro de actuación

Segundo a Corporación, o texto publicado na intranet foi o seguinte: "Lémbrase aos traballadores e traballadoras que os servizos de maquillaxe da CRTVG, e tamén os servizos externos de perruquería e estilismo, só poden ser empregados por aqueles traballadores/as que o precisen, en horario de traballo e para o exercicio das súas funcións en estudio, directos ou personalizacións. No caso de que os traballadores deban utilizar estos servizos nalgún acto, expresa e únicamente en representación da CRTVG, deberán informar e agardar a aprobación dos seus superiores tal e como se viña facendo. Lémbrase tamén que o material de oficina (impresoras, folios etc), así como as ferramentas de traballo son para uso exclusivo de labores relacionadas coa actividade profesional".

Fontes do persoal, no entanto, aseguran que a maioría das preguntas e requirimentos a Beatriz Moyano tiñan que ver coa compatibilidade do acto co seu labor na TVG e non sobre o presunto uso de medios públicos da CRTVG. As mesmas fontes entenden que o cuestionamento da participación da presentadora no acto pode supoñer mesmo o socavamento de dereitos fundamentais da xornalista e entenden que o proceso contra ela é algo excepcional e diferente ao dado a outras na mesma situación. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.