“Eu non dirixo a TVG”, di Feijóo, que se desentende do cumprimento da lei que el mesmo aprobou

O director xeral da CRTVG (esquerda), co presidente da Xunta © Ana Varela

“Eu non dirixo a televisión galega”. Así respondeu este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao ser preguntado en varias ocasións polas protestas reiteradas dos traballadores contra a manipulación e o control informativo dos medios públicos e que veñen de desembocar na dimisión dos presentadores do Telexornal Serán. Unha das principais peticións do persoal é a creación, como está contemplada na lei de 2011 sobre os medios públicos galegos, dun consello de informativos que vele pola independencia e obxectividade da información. Porén, Feijóo desentendeuse do incumprimento da lei que el mesmo impulsou e remitiu todas as explicacións sobre a cuestión á dirección da CRTVG, que non as ofrece.

O presidente amosa a súa ignorancia sobre a reclamación de que se cree o consello de informativos previsto na lei de 2011

A Feijóo preguntóuselle este xoves se está preocupado pola imaxe que está a transmitir a CRTVG polas reiteradas protestas do seu persoal reclamando a creación do consello de informativos. “Eu non teño competencias”, dixo Feijóo, desentendéndose desa lei aprobada hai case sete anos. En varias ocasións o presidente fixo ver que non sabía nada do consello de informativos e optou por referirse ao consello de administración, o órgano de dirección que controla o PP, e ao seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, cuxo nomeamento insistiu en que foi consensuado en 2009, antes da aprobación da lei de 2011, co daquela líder do PSdeG, Pachi Vázquez, algo que este negou.

“As cuestións da TVG debe contestalas a TVG”, di Feijóo, deixando en evidencia o silencio  da compañía

O presidente tamén dixo que el non ten “nin idea” de que presentadores son “ratificados ou cambiados” pola dirección dos medios públicos. Segundo o presidente, “as cuestións da TVG debe contestalas a TVG”, cuxa dirección, dixo, a el non o “consulta”.

Porén, a dirección dos medios públicos de información non sempre responde ás preguntas que lle formulan outros medios de información, como vén de ocorrer coa recente polémica sobre a dimisión dos presentadores do Telexornal, na que este e outros medios tiveron que recorrer a outras fontes para poder publicar a versión da compañía. A Feijóo preguntóuselle se considera que un medio público debe responder ás preguntas que lle formulan outros medios pero a súa resposta non foi clara: “Supoño que si”, dixo, para engadir que a dirección da empresa pública xa comparece no Parlamento de Galicia para dar explicacións da súa actuación. Sobre as preguntas xornalísticas, a súa resposta limitouse a que “entre xornalistas anda o xogo”.

Director xeral por tempo indefinido

Feijóo chegou a esixir "desculpas" á oposición por instalo a cumprir a lei da CRTVG dous anos despois de modificala para manter o actual director xeral por tempo indefinido no seu cargo

Esta non é a primeira ocasión na que o presidente da Xunta se desliga do cumprimento da lei da CRTVG aprobada en 2011. Así, por exemplo, en abril de 2017 deu en esixir "desculpas" ao PSdeG por lle esixir o cumprimento íntegro da normativa en aspectos como a creación do consello de informativos. Meses despois, en xuño do mesmo ano, a Xunta opúxose por primeira vez en 20 anos a que a oposición impulsase unha lei no Parlamento para rexeitar, tamén por esta vía, fixar legalmente un calendario para despresgar por completo a norma dos medios públicos. Pouco máis tarde, en setembro, os votos do PP evitaron de vez poñer prazos ao cumprimento da norma.

Todos estes atrancos producíronse nun contexto no que o incumprimento da lei dende seis meses despois da súa entrada en vigor non impediu que os populares xa a modificasen unha vez. Fixérono a través da lei de acompañamento dos Orzamentos Xerais de 2016 cunha reforma que, na práctica, supuxo manter por tempo indefinido no seu cargo ao actual director xeral da compañía, evitando así que sexa substituído por unha persoa avalada por cando menos dous terzos do Parlamento -50 escanos- ou, de non lograrse, por un mínimo de tres quintos -45-, o que en todo caso obriga a que sexa apoiado por algún grupo máis que o propio PP.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.