A Xunta oponse por primeira vez en 20 anos a que a oposición impulse unha lei no Parlamento

Informe negativo da Xunta sobre a toma en consideración da proposición de lei do PSdeG CC-BY-SA Praza Pública

No outono de 2014 o Parlamento deu luz verde a unha proposta pouco habitual. Por iniciativa do PSdeG o lexislativo aprobaba unha proposición non de lei para reclamar o cumprimento da nova lei dos medios públicos de comunicación audiovisual, a norma que substituíra en 2011 a lei de creación da CRTVG cun calendario de aplicación que naquela altura xa se incumpría en diversos puntos. Máis de dous anos despois, o pasado abril, o voceiro dos socialistas na Cámara, Xoaquín Fernández Leiceaga, instaba o presidente da Xunta a promover o cumprimento das partes da lei que aínda non se aplican. O debate saldouse cunha esixencia de "desculpas" de Alberto Núñez Feijóo a Leiceaga e, pola banda do PSdeG, coa presentación dunha proposición de lei ao respecto que, alén do seu contido, vén de dar lugar a unha circunstancia que o Parlamento non vivía dende tempos de Fraga. Por primeira vez en máis de dúas décadas o Goberno galego oponse formalmente a que a oposición impulse unha lei no Parlamento.

O artigo 123 do Regulamento do Parlamento estipula, dentro do apartado que regula a presentación de proposicións de lei -iniciativas coas que os grupos políticos propoñen textos legais novos ou modificacións nos vixentes-, que cando unha destas iniciativas chega á Cámara, a Mesa remítelle o texto á Xunta para que "manifeste o seu criterio respecto da toma en consideración", así como "a súa conformidade ou non á tramitación" se o texto supón incremento dos gastos ou diminución dos ingresos -precepto semellante ao vixente no Congreso e no que, por exemplo, o gabinete de Rajoy se apoiou para vetar a lei do traspaso da AP-9 a Galicia-. A Xunta non ten a obriga de pronunciarse e, de feito, as máis das veces non o fai. Pero desta volta si o fixo, en sentido negativo, algo que non sucedía dende a segunda lexislatura con Manuel Fraga na presidencia do Goberno. Nomeadamente, dende o 2 de novembro de 1995, cando o daquela Conselleiro da Presidencia, Dositeo Rodríguez, se opuxo a unha lei para a creación de consorcios de transportes que asinaba quen na altura era voceiro socialista, Miguel Cortizo.

O Goberno pode pronunciarse sobre se apoia a tramitación das leis propostas pola oposición, aínda que na maioría das ocasións non o fai

Foi o pasado 8 de maio cando Leiceaga concretou por escrito a reclamación que, sen éxito, formulara días antes ante Feijóo. O texto pretende, fundamentalmente, poñer prazos concretos a tarefas pendentes nos medios públicos xa fóra de data, como a aprobación dun contrato programa e do Estatuto Profesional do seu persoal, así como a regulamentación dunha autoridade audiovisual independente, ademais da derrogación da reforma sobre a elección da dirección xeral aprobada pola Xunta e o PP xunto aos orzamentos de 2016

A Xunta indica que a proposta do PSdeG para cumprir a lei dos medios públicos "non mellora" a norma, que "precisa dos seus propios tempos"

Ao día seguinte o Parlamento notificou ao Goberno, como corresponde, a presentación da iniciativa, e o pasado 29 de maio o Executivo rexistrou no Parlamento o seu criterio. Nunha breve resposta asinada pola Secretaria Xeral de Medios, Mar Sánchez, o Goberno manifesta o seu "criterio contrario á toma en consideración da proposición de lei" porque, indica, "esa iniciativa non mellora en absoluto a lei vixente". A proposición dos socialistas, abonda, "simplemente establece prazos para o desenvolvemento de determinados aspectos da lei actual", apartados que "precisan dos seus propios tempos, como así o ten posto de manifesto a experiencia dende a entrada en vigor da lei", conclúe o texto, que opón á toma en consideración pero non se pronuncia sobre a tramitación por motivos orzamentarios, xa que a proposta non ten compoñente económico.

Máis rixidez que co bipartito ou con Fraga

O gabinete de Feijóo emite deste xeito o seu primeiro ditame negativo á toma en consideración nunha lei dende o retorno dos conservadores ao poder na primavera de 2009. Nas súas dúas primeiras lexislaturas o Executivo rexistrou un total de 11 destes criterios formais, todos eles positivos. Durante o pasado período lexislativo (2012-2016) a Xunta fixou criterio sobre un total de 7 proposicións de lei, todas formuladas polo PP. Na lexislatura de 2009 a 2012 foron 4 os informes coma estes, tamén afirmativos e, paradoxalmente, dous deles referíanse, como o de agora, aos medios públicos. Tratábanse, precisamente, da proposición de reforma da lei da CRTVG defendida polo BNG e do texto rexistrado conxuntamente por socialistas e populares, o que o PSdeG reclama sen éxito que se cumpra. Os outros dous textos eran propostas do PP.

É o primeiro ditame negativo do Goberno de Feijóo; o bipartito só emitiu dous, ambos positivos

Na lexislatura do bipartito a Cámara tramitou ata 19 proposicións de lei e o Goberno de PSdeG e BNG emitiu o seu criterio positivo sobre dúas elas, ambas asinadas polos todos os grupos para modificar aspectos do dereito civil galego. Nas tres lexislaturas anteriores, con maiorías absolutas de Fraga -a base de datos do Parlamento só ofrece información ao respecto dende 1993-, a Xunta emitiu o seu criterio formal sobre 7 proposicións de lei, 5 delas da oposición, e só se opuxo a devandita proposta do PSdeG sobre transporte. Mesmo nun caso, o dunha proposición de Anxo Guerreiro (EU-EG) sobre incentivos á redución de xornadas laborais presentada en 1998, o Executivo de Fraga expresou diversos reparos pola gran repercusión económica que implicaría a medida, se ben indicou que non era "contraria á súa toma en consideración nin á súa tramitación".

Leiceaga: "O PP vai ter oportunidade de retratarse, e dicir se comparte o criterio do Goberno contra a lei que eles mesmos apoiaron en 2011"

Este ditame da Xunta contrario á toma en consideración da proposición de lei non impide, a priori, que sexa tramitada, pero si é un xesto político de relevancia que anticipa cal será a posición do PP na propia Cámara. A xuízo de Leiceaga os conservadores va ter a "oportunidade de retratarse" e "dicir se comparten o criterio do Goberno en contra da lei que eles mesmos apoiaron en 2011. Para o voceiro socialista a recepción deste escrito contrario á toma en consideración da lei é "unha sorpresa", por tratarse dunha operación moi pouco frecuente no Parlamento de Galicia, pero tamén unha constatación de que no Executivo segue sen haber "ningunha intención de cumprir" a lei que, dende o seu punto de vista, de aplicarse integramente "garantiría a pluralidade e obxectividade" dos medios públicos.

Páxina do anterior informe negativo da Xunta, datado en novembro de 1995 (premer para ampliar) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.