Feijóo: “O de TVE non é o modelo serio, independente e profesional da TVG”

Feijóo, durante a sesión de control á Xunta deste mércores no Parlamento de Galicia Dominio Público @GrupoPopularGal

No ecuador do seu terceiro mandato, o presidente xustifica que leve sete anos incumprindo a súa propia lei para dar independencia aos medios públicos galegos argumentando que era peor cos seus antecesores hai unha década

Este martes 25 de setembro cumpríronse dous anos das últimas eleccións autonómicas en Galicia que deron a Alberto Núñez Feijóo a súa terceira maioría absoluta. E este mércores, nove anos e medio despois da súa chegada á Xunta, o presidente galego volveu tirar do seu tradicional argumentario de que os seus antecesores o facían peor para xustificar que el mesmo leve sete anos sen cumprir a súa propia lei para dar independencia aos medios públicos galegos. Pero desta volta Feijóo non só reiterou que a situación era peor co bipartito de PSdeG e BNG que gobernou Galicia entre 2005 e 2009, senón que asegurou que o mesmo está a producirse co suposto control actual de PSOE e Podemos sobre RTVE.

A Feijóo preguntáronlle este mércores En Marea e PSdeG no Parlamento de Galicia sobre o seu reiterado incumprimento da lei dos medios públicos galegos impulsada polo PP en 2011, que está a provocar masivas protestas entre os profesionais da radio e a televisión galegas evidenciados nos venres negros e a manifestación que o pasado 8 de setembro recorreu as rúas de Santiago. As respostas do presidente galego foron do tipo “entre TVE e a televisión galega hai unha gran diferencia, sen ningunha dúbida, pregúntenllo aos profesionais das dúas” ou “o modelo de TVE non é o modelo serio, independente e profesional da TVG”.

En Marea e PSdeG lembran que sete anos despois aínda están sen cumprir a creación dun consello de informativos, dun estatuto profesional ou a elección parlamentaria por maioría cualificada do director xeral da CRTVG

Os portavoces de En Marea e PSdeG, Luís Villares e Xoaquín Fernández Leiceaga, lembraron que sete anos despois aínda están sen cumprir esixencias da lei autonómica como a creación dun consello de informativos, a aprobación dun estatuto profesional ou a elección parlamentaria por maioría cualificada do director xeral da CRTVG (pola contra, en 2015 o PP blindou a través doutra lei que o actual director, Alfonso Sánchez Izquierdo, siga no cargo de xeito indefinido).

Alfonso Sánchez Izquierdo e Alberto Núñez Feijóo [Xunta de Galicia]

Para Villares, eses e outros incumprimentos deberan levar ao presidente galego, ao que chamou “Alberto Putin Feijóo, o tsar dos Peares”,  a “revogar o director xeral por incumprimento notorio das funcións do seu cargo”. Para Leiceaga, a situación supón un “incumprimento premeditado e desleal, porque nós apoiamos aquela lei, e a apoiamos íntegra, non por partes”.

Feijóo xustifica a situación na TVG co seu liderado en audiencia: “O importante é o respaldo do pobo galego”, di

A ningunha desas cuestións deu resposta Feijóo na súa quenda de palabra. Pola contra, ademais de reiterar que a situación era peor durante o goberno galego previo ao seu hai case unha década, asegurou que aquela mesma situación está a darse agora a nivel estatal, atribuíndo a PSOE e Podemos unha “gran cacicada” para controlar RTVE. “O primeiro que fixeron vostedes foi un real decreto lei para incumprir a lei, para cesar todo o consello de administración de RTVE”, dixo Feijóo, que en ningún momento mencionou o concurso público en marcha para elixir o novo responsable con criterios profesionais. Feijóo tamén se preguntou se o modelo que quere a oposición galega para a CRTVG é o de “La Tuerka”, o programa presentado por Pablo Iglesias. Outro dos argumentos empregados polo presidente galego fronte ás críticas foi o do liderado da audiencia da TVG: “O importante é o respaldo do pobo galego”, dixo.

Premio estatal a Ana Romaní polo histórico Diario Cultural

Villares salienta que Ana Romaní vén de recibir o Premio Nacional de Xornalismo Cultural ao tempo que é "vítima do control represivo da CRTVG"

No debate sobre a censura na CRTVG, o portavoz de En Marea salientou que este martes a xornalista Ana Romaní foi recoñecida a nivel estatal co Premio Nacional de Xornalismo Cultural ao tempo que a dirección da radio autonómica vén de cancelar o seu Diario Cultural no seu formato habitual tornando en microespazos en diferentes puntos da programación. “Ana Romaní é vítima do seu control represivo da CRTVG”, asegurou Villares, para engadir que “o máis patético é que vostede nin saiba quen é porque é o exótico presidente que non escoita a radio ou ve a televisión do seu país”, lembrando unha afirmación de Feijóo hai uns días na que este admitía que non ve nin escoita os medios públicos galegos pero que le os resumos que lle preparan os seus asesores.

A resposta de Feijóo foi argumentar que el non decide nin os nomeamentos nin os cesamentos na CRTVG pero criticando unha suposta dobre vara de medir de En Marea: “Resulta que cando se nomea a Ana Romaní para dirixir o programa é correcto”, dixo o presidente. O Diario Cultural foi creado por Ana Romaní na Radio Galega en 1990, cando Feijóo aínda non entrara en política.

Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón © Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.