Feijóo coa nos orzamentos unha norma para que o PP siga controlando a dirección da RTVG

Texto orixinal da lei (esquerda) e reforma incluída na lei de acompañamento dos Orzamentos CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta disponse a tombar a esixencia de nomear o director xeral tras acordo no Parlamento coando unha nova norma na lei de acompañamento dos Orzamentos de 2016

En novembro de 2011 o pleno do Parlamento aprobaba a lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia cos votos do PP e tamén do PSdeG, que impulsara o acordo, tras dous anos de negociación entre os dous partidos. En aras da "pluralidade", a "desgobernamentalización" e a independencia da CRTVG, aprobouse o nomeamento por maioría reforzada da Cámara do seu consello de administración e do director xeral. Agora, o Goberno galego disponse a tombar esa esixencia coando unha nova norma na lei de acompañamento dos Orzamentos de 2016.

O cambio legal chega través da cuarta e penúltima disposición que "modifica a disposición transitoria terceira da lei 9/2001, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para asegurar o funcionamento da nova Corporación RTVG, no que atinxe a súa dirección xeral".

Alfonso Sánchez Izquierdo e Alberto Núñez Feijóo CC-BY-NC-SA Ana Varela

A modificación supón que, mentres que no anterior texto se especificaba que o consello da administración da CRTVG e a súa dirección xeral continúan no exercicio das súas funcións "ata que se proceda ao nomeamento dos órganos de dirección da Corporación RTVG", algo que xa sucedeu, o actual aclara que será "ata que se inicie pola Corporación RTVG a súa actividade de prestación do servizo público de radio e televisión". E engade, ademais, que "se neste momento non estivese elixida a persoa titular da súa dirección xeral, o exercicio das súas funcións corresponderá transitoriamente á persoa que fose titular da dirección xeral da Compañía".

O cambio normativo abre a porta a que o director nomeado polo PP siga no cargo se non hai un acordo entre partidos

Esta modificación lexislativa abre a porta a que se ao longo do ano que vén, e mesmo despois das eleccións, non hai un acordo entre partidos, o director nomeado polo PP podería continuar indefinidamente á fronte da CRTVG. Fontes sindicais da Compañía cualifican de "escándalo" esta variación legal feita "ás agachadas" e cren que pretende "limitar o aspecto máis democrático da nova norma para manter sine die o actual director xeral". "A falta de acordo cos socialistas, buscan manter a manipulación a través deste cambio", insisten.

Esta silenciosa iniciativa levada a cabo polo PP chega logo de que en setembro de 2014, o Parlamento aprobara o "cumprimento inmediato" das previsións da nova lei dos medios públicos. Meses máis tarde, no verán deste 2015, un pacto entre PP e PSOE -duramente criticado por AGE e BNG- permitiu a elección dos novos membros do consello de administración da CRTVG, un total de seis en lugar dos doce anteriores, cumprindo así o mandato da nova normativa pero deixando fóra do pacto o resto da oposición. Nada se avanzou, no entanto, para a elección do director xeral ante a falta de acordo entre populares e socialistas.

Catro anos despois de aprobarse a lei dos medios públicos, mantense o seu incumprimento ao non consensuarse na Cámara o nomeamento do director da CRTVG

Así, catro anos despois de que o Parlamento a aprobase, séguese a incumprir unha lei que obriga a que o director da Compañía sexa elixido co apoio dos dous terzos do Parlamento en primeira votación ou, de non acadárense, tres quintos en segunda volta. E non se cumpre tampouco da lei a parte que contempla que a elección do director debe ser simultánea á dos novos membros do consello.

O texto aprobado en 2011 fixaba prazos moi claros para o despregamento da nova normativa. Así, o 17 de xuño do ano seguinte tiñan que estar nomeados por maioría cualificada do Parlamento o novo director ou directora xeral da radio televisión pública e tamén o novo consello de administración. Pero nada diso se fixo. En seis meses, a norma xa estaba incumprida. Catro anos despois, segue sen cumprirse. E, de saír adiante a modificación lexislativa inserida pola Xunta nos orzamentos, o nomeamento do director pode adiarse indefinidamente.

Sánchez Izquierdo mantense na dirección xeral da CRTVG desde 2009, cando Feijóo o elixiu ao chegar ao poder

O bloqueo mantense e no posto mantense tamén o actual director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, elixido polo presidente Feijóo en 2009, nada máis chegar á Xunta, e entre acusacións de "manipulación informativa" por parte da oposición e dos seus propios traballadores. Acumula máis de seis anos no cargo malia que a lei para a súa elección consensuada remóntase a 2011. Ante esta parálise, o PP pareceu atopar unha nova fórmula para blindar o actual máximo mandatario da Compañía no seu cargo: a través da lei de acompañamento dos Orzamentos Xerais e dunha norma que permitirá aos populares seguir controlando a dirección dos medios públicos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.