0 Gardados para despois

O 18º venres negro na CRTVG esixe cumprir a lei de medios públicos "aparcada desde hai sete anos"

Redacción | @prazapublica

O persoal da CRTVG continúa mobilizado contra a "manipulación" e o "control informativo" por parte do goberno da Xunta. Protestan vestidos de loito outro venres negro máis, o 18º, que chega dúas semanas despois da manifestación que traballadoras e traballadores dos medios públicos galegos e da delegación en Galicia da CRTVE protagonizaron en Compostela. Desta vez, e insistindo na reclamación, céntranse na necesidade de cumprir coa Lei dos Medios Públicos "que non se cumpre desde hai sete anos" e que incluiría a creación dun Consello de Informativos "que ampare a pluralidade". "Será moito pedir?", pregúntanse. 

O persoal da CRTVG centra a mobilización do 18º venres negro en reclamar que se cumpra a Lei dos Medios Públicos "aparcada desde hai sete anos"

O cadro de persoal mobilizado anda #NaBuscaDaLeiPerdida, como indican no cancelo empregado este venres. "Non imos esperar sentados ata que se cumpra a Lei dos Medios Públicos aparcada dende hai sete anos", advirten traballadores e traballadoras que lembran que esa lexislación incumprida suporía dotalos "dun Consello de Informativos, que aposte pola produción propia, que diga non ao desmantelamento dos medios públicos". 

A Lei dos Medios Públicos foi aprobada no Parlamento en novembro de 2011 pero apenas se cumpriu a elaboración do mandato marco

O 2 de novembro de 2011 o pleno do Parlamento aprobaba a Lei dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia cos votos do PP e tamén do PSdeG, que encetara o proceso en febreiro do ano anterior logrado sacar adiante unha proposta de reforma da lei de creación da CRTVG en aras da "pluralidade" e da "desgobernamentalización". O 17 de decembro dese ano a lei entraba en vigor, pero xa estaba incumprida a mediados de 2012 xa estaba incumprida.

Persoal da CRTVG, en San Marcos, no 18º venres negro / © DefendeAGalega

O texto aprobado en 2011 fixaba prazos moi claros para o despregamento da nova lei. Así, o 17 de xuño do ano seguinte tiñan que estar nomeados por maioría cualificada do Parlamento o novo director ou directora xeral da radio televisión pública e tamén o novo consello de administración. Ese era o mesmo prazo para que a Xunta elaborase "o primeiro mandato marco" da nova RTVG, que foi aprobado finalmente en 2015.

No verán dese 2015, un pacto entre PP e PSOE --duramente criticado por AGE e BNG-- permitiu a elección dos novos membros do consello de administración da CRTVG, un total de seis en lugar dos doce anteriores, cumprindo así o mandato da nova normativa pero deixando fóra do pacto o resto da oposición. Nada se avanzou, no entanto, para a elección do director xeral ante a falta de acordo entre populares e socialistas.

O Consello de Informativos ten o obxectivo de "velar pola independencia, pola veracidade e pola obxectividade dos contidos informativos difundidos"

Ante esta situación, Feijóo coou nos Orzamentos de 2016 unha norma para que o PP seguise controlando a dirección da Corporación, permitindo que o director xeral nomeado polos populares siga no cargo se non hai un acordo entre partidos. Aí segue. E leva nove anos no cargo. 

A outra gran reivindicación do persoal desde hai anos é a creación do Consello de Informativos, concibido como "órgano interno de participación dos profesionais da información da Corporación RTVG, co fin de velar pola independencia, pola veracidade e pola obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles", segundo a Lei dos Medios Públicos. Ademais, as normas de organización e funcionamento deste Consello "aprobaranse polo consello de administración, logo de escoitar as organizacións sindicais representativas".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.