Novo clamor contra as represalias no trixésimo quinto venres negro na CRTVG

Participantes no trixésimo quinto venres negro, na sede da CRTVG en San Marcos CC-BY-SA Defende a Galega

Dende o pasado outubro a CRTVG ten aberto un expediente disciplinario ao locutor Carlos Jiménez, unha das voces máis populares dos medios públicos galegos nos últimos vinte e cinco anos. Tamén activo participante nas mobilizacións dos venres negros a prol do cumprimento da lei de medios do ano 2011 e mais contra a "manipulación" e o "desmantelamento" da corporación pública. As razóns esgrimidas para expedientalo era a suposta incompatibilidade do seu labor na CRTVG coa locución dun programa elaborado por unha produtora e emitido pola propia Televisión de Galicia.

Carlos Jiménez alegou contra o proceso sancionador esgrimindo, entre outros motivos, a compatibilidade concedida pola propia empresa hai máis dunha década

Nos primeiros días do ano transcendía que as eventuais consecuencias do expediente foran suavizadas pola Corporación: dun posible despedimento pasara á consideración de suposta falta grave, o que implicaría unha posible suspensión de emprego e soldo de entre 3 e 15 días. Pero Jiménez esgrime, entre outros argumentos, a compatibilidade laboral concedida pola propia empresa no ano 2008. 

Así o defende nas alegacións xa formuladas ante a CRTVG nas que, segundo puido saber Praza.gal, subliña a relación laboral de Jiménez coa empresa dende 1993, así recoñecido pola xustiza -os tribunais, subliña, déronlle a razón en preitos laborais unha ducia de veces-. Tamén encadra nas mesmas a apertura do expediente na súa participación nos venres negros. Concretamente, nun intento de "reprendelo" e "desactivar con sancións exemplarizantes" estas mobilizacións, que se estenden xa durante trinta e cinco semanas.

Máis de 400 sinaturas piden o arquivo do expediente a Jiménez, que enmarca a posible sanción nun intento por reprimir as protestas dos venres negros, nas que participa activamente

De xeito paralelo ás alegacións formais contra o expediente chegou tamén unha nova vaga de solidariedade a prol de Carlos Jiménez. Como sucedera coa xornalista Tati Moyano, cuxo expediente foi finalmente arquivado, boa parte do cadro de persoal da CRTVG asinou no seu apoio. Foron, segundo fontes do persoal consultadas por este diario, un total de 417 persoas as que asinaron un documento no que reclaman o arquivo do expediente. No caso da Radio Galega, afirman as mesmas fontes, o apoio atinxe arredor das tres cuartas partes do persoal.

Ana Pérez, flanqueada por Marga Pazos e Alfonso Hermida, no 35º venres negro CC-BY-SA Defende a Galega

Adeus de Ana Pérez como presentadora 23 anos despois

Ana Pérez: "O fácil sería pensar que é unha represalia, pero sería arrogarme unha importancia que non me corresponde e unha decisión tan burda que prefiro pensar que ninguén xuizoso tomaría"

A solidariedade con Carlos Jiménez non foi o único fito que marcou este trixésimo quinto venres negro. Esta xornada tamén foi a última na que Ana Pérez, veterana xornalista e presentadora do Telexornal e outros espazos, tivo encomendado este labor. Segundo ela mesma divulgou, "por motivos persoais e de conciliación non podo asumir as esixencias da dirección de incorporarme media hora antes, malia que ata agora si era posible" e "prescinden, polo tanto, da miña presenza no informativo Bos Días, que viña presentando dende 2017.

"Tampouco tiven proposta de poñer me á fronte de calquera outro espazo, así que despois de 23 anos diante das cámaras, a partir do luns volverei ao traballo a pé de rúa", anuncia. Faino "con ilusión" e "despois de 24 semanas a vestirme de negro cada venres e defendendo uns medios públicos sen inxerencias políticas, independentes, plurais honestos". "O fácil -di- sería pensar que esta decisión é unha represalia" pola participación nas mobilizacións. Pero "sería arrogarme unha importancia que creo que non me corresponde", ademais "dunha decisión tan evidente e burda que prefiro pensar que ninguén xuizoso tomaría". Tampouco, advirte, "estou rabiosa porque me quiten ningún plus".

"Cantas novas quedan sen contar porque alguén decide que, se na Galega non se dá, os galegos non se enteran"

Entre o "agradecemento" a público e compañeiros Ana Pérez deixa tamén unha petición de defensa dos medios públicos. "Debemos demandar que respondan ao interese xeral e non ao Goberno de quenda, sexa da cor que sexa". "Cantas novas -lamenta- quedan no tinteiro sen contar porque alguén decide que, se na Galega non se dá, os galegos non se enteran" ou "se se conta só a versión dunha parte, os galegos xa están adoutrinados nese sentido". "Señores políticos, asesórense ben, porque as mentiras, ocultacións e verdades a medias fan máis dano que recoñecer un problema e buscarlle unha solución", recomenda. "Por que non proban, a ver que tal? Se cadra, sorprenderíanse de que gañarían eleccións sen enganar a ninguén".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.