O pasado luns, o persoal da CRTVG recibiu por vía interna unha nova circular da Dirección de Recursos Humanos advertindo do “obrigado cumprimento” dunha serie de indicacións sobre a vestimenta, os símbolos ou a imaxe que os traballadores deben lucir durante o seu labor informativo, mesmo detrás das pantallas. A mensaxe é, en realidade, a reprodución e recordatorio da polémica circular enviada xa hai máis de cinco anos – o 30 de xaneiro de 2013 –, tamén en medio de mobilizacións e denuncias pola “manipulación” nos medios públicos, na que se advirte de posibles medidas disciplinarias. Agora, coas protestas dos venres negros activas e a piques de cumprir un ano e o loito aínda presente cada semana nas reivindicacións, boa parte do persoal ve no documento un intento por deter o uso das camisetas mouras co lema #DefendeAGalega por parte dos seus profesionais.
A circular enviada lembra as normas de "obrigado cumprimento" sobre a vestimenta e impide calquera simboloxía ou mensaxe por parte do persoal mesmo "non saíndo en pantalla"
“Estará pensando a CRTVG en sancionar centos de traballadores por vestir unha camiseta? Seríamos noticia polo primeiro expediente colectivo da historia dos medios públicos”, di, precisamente, o colectivo Defende A Galega ante unha circular que insta a “protexer a imaxe” da Corporación e vestir de maneira “sobria, correcta e moderada”, e con "neutralidade" e evitando a “utilización de calquera tipo de símbolos que poñan de manifesto a súa filiación ou proximidade cunha opción política, social, deportiva ou económica”. E faino advertindo de que todas as consideracións “serán de aplicación tamén ao exercicio profesional de todo o persoal da TVG en entrevistas, roldas de prensa ou outras actuacións nas que, non saíndo en pantalla, proxecten a imaxe da CRTVG”, explica.
Boa parte do persoal dos medios públicos ve nesta aplicación da norma mesmo a quen non sae en antena un intento por acalar as protestas e evitar que se lance unha mensaxe que callou nos últimos meses non só entre o persoal da CRTVG, senón tamén entre persoeiros do ámbito cultural que non dubidaron en amosar o seu apoio ás demandas dos venres negros. Varios sindicatos alertaron tamén desas intencións por parte dos directivos cun documento que advirte da "corrección disciplinaria" correspondente no caso de incumprírense as indicacións.
Malia todo, e segundo puido saber Praza.gal, a dirección da Corporación non ten previsto actuar polo feito de que parte dos seus profesionais continúen a lucir prendas co lema #DefendeAGalega durante o seu labor, pero si se mostrarán inflexibles con calquera aparición de mensaxes dese tipo por parte dos traballadores en pantalla, o seu principal temor e motivo polo que se recordou esta antiga circular, xa lembrada no verán.
A dirección da CRTVG non ten previsto actuar contra quen luza camisetas traballando pero si será inflexible no caso de que as mensaxes saian en pantalla
Esta nova polémica chega logo da que arrodeou a non emisión por parte da TVG dos Premios María Casares de teatro e as críticas que a vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Mabel Rivera, verteu neste diario sobre o tratamento que os medios públicos están a dar á cultura. Ademais, chega tamén logo de que a compositora e cantante María Xosé Silvar, Sés, denunciara nunha entrevista en Onda Cero ter sufrido “represalias” por parte dalgún concello ou da CRTVG por “posicionarse”.
“Acábanme de anular unha entrevista na Televisión de Galicia, se cadra porque na última delas fun cunha camisola de #DefendeAGalega”, dixo Sés, que cre que “posicionarse” ten consecuencias coma esa. “Aos que non os están vetando é porque non se están posicionando”, dixo.
Ante estas novas denuncias, o PSdeG levou ao Parlamento o caso. A portavoz socialista na Comisión da CRTVG, Noela Blanco, presentou xa unha serie de iniciativas sobre as “ameazas da dirección da Corporación contra os traballadores que vistan as camisetas co lema #DefendeAGalega”.
Para Blanco, “a situación provocada pola dirección da CRTVG ten elevado a conflitividade laboral nos últimos tempos, acrecentada pola política de fustrigación contra os traballadores e traballadoras, a través da apertura de expedientes disciplinarios a profesionais das canles públicas que de maneira continuada veñen denunciando a manipulación da radio e televisión públicas galegas”. Refírese aos casos abertos, e denunciados polo persoal, contra profesionais como Marga Pazos, Beatriz Moyano, Alfonso Hermida ou Carlos Jiménez nos últimos tempos e que atribúen o seu apoio visible e activo ás reivindicacións polo cumprimento da Lei de Medios e contra a manipulación.
Noela Blanco (PSdeG) ve no recordatorio do regulamento interno sobre a apareciencia do persoal "un subterfuxio para impedir vestir as camisetas de #DefendeAGalega"
Para a deputada, o “último paso nesta escalada emprendida polos directivos do ente público ten chegado a través dunha nota interna enviada ao persoal lembrando o regulamento interno que sinala que ‘a aparencia persoal debe ser o máis despreocupada e neutral posible”. Nestas recomendacións, Noela Blanco ve “un subterfuxio para impedirlles vestir as camisetas de #DefendeAGalega”.
A circular no centro de polémica, agora reenviada, foi recibida por primeira vez polo persoal da CRTVG a finais de xaneiro de 2013. Foi tan só uns días despois doutra instrucción interna polo director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, na que advertía de que a Corporación podía "monitorizar" en calquera momento os sitios web que consultan os traballadores e traballadoras, así como ler as mensaxes que enviaban e recibían nas súas contas corporativas de correo. Ao tempo, a norma prohibía que o persoal acceda ás instalacións da TVG ou da Radio Galega con ordenadores, tabletas ou dispositivos semellantes, polo que o único xeito de acceder á rede é facelo baixo o ollo da dirección.
Poucos meses despois, o TSXG invalidaba os cinco artigos máis polémicos daquela resolución, entre eles o que permitía a vixilancia do correo persoal dos traballadores por parte da dirección.