A gala de entrega dos XVII Premios Mestre Mateo pechouse cun claro gañador, o filme A sombra da lei, dirixido por Dani de la Torre, que se fixo con 10 galardóns. Sen esquecer os 5 premios obtidos por Trote, a primeira longametraxe de Xacio Baño. A gran noite do audiovisual galego foi unha festa de comezo a fin, nunha cerimonia que se puido seguir en directo na TVG e en twitter a través da etiqueta #MestreMateo19. Podes consultar aquí o palmarés completo.
A sombra da lei fíxose cos premios á mellor longametraxe e mellor dirección. E Trote levou o de mellor guión e tres dos catro nas categorías interpretativas
O espectáculo, dirixido por Sonia Méndez, estivo conducido por Camila Bossa, David Amor, Xúlio Abonjo, Fernando Epelde e Carolina Iglesias -Percebes y Grelos-, que cunha estética futurista guiaron o público a través dunha viaxe temporal polo audiovisual galego.
Ademais dos galardóns competitivos, a Academia Galega do Audiovisual entregou o Premio de Honra “Fernando Rey” e o Premio Especial “José Sellier” á actriz Mela Casal e á Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA). "Non deixemos ningunha ponte sen cruzar por moito que nolas queiran derribar", dixo Mela Casal ao recoller o seu galardón, que recoñeceu toda unha vida dedicada ao audiovisual galego. FECIGA, pola súa banda, viu salientado o feito de que “os cineclubes son un dos principais promotores da cultura cinematográfica entre a sociedade”.
A sombra da lei (de Vaca Films Studio, Atresmedia Cine, La Ley del Plomo AIE e Playtime Production Sarl) obtivo o premio á mellor longametraxe e á mellor dirección, para Dani de la Torre. Ademais, levou o de dirección de arte (Juan Pedro de Gaspar), dirección de produción (María Liaño), interpretación protagonista (Luis Tosar), maquillaxe e perruquería (Raquel Fidalgo e Noé Montes), montaxe (Jorge Coira), música orixinal (Manu Riveiro e Xavi Font), son (David Machado, James Muñoz e José Antonio Manovel) e vestiario (Clara Bilbao).
"Non deixemos ningunha ponte sen cruzar por moito que nolas queiran derribar", dixo Mela Casal ao recoller o seu galardón
Pola súa banda, Trote fíxose con 5, entre eles o de mellor guión para Xacio Baño e Diego Ameixeiras e mellor dirección de fotografía (Lucía C. Pan). E conseguiu tres dos catro galardóns interpretativos, con Melania Cruz como mellor interpretación feminina de reparto, Federico Pérez como mellor interpretación masculina de reparto e María Vázquez como mellor interpretación feminina protagonista.
Polo demais, Idénticas, dirixido por Luis Avilés, gañou o premio ao mellor documental. Dinosaurio, de Carballo Interplay Producións, fíxose co premio á mellor serie web. A nena azul, de Sandra Sánchez, acadou o de mellor curtametraxe de imaxe real e Soy una tumba o de mellor curtametraxe de animación. Ti conquistou o de mellor anuncio e Ahora o nunca (Pegatina feat Macaco) de Manu Viqueira, o de mellor videoclip. O sabor das margaridas acadou o premio á mellor serie de TV, mentres que Buscadores de naufraxios gañou o de mellor programa de TV e Rodrigo Vázquez o de mellor comunicador polo seu traballo no Ti verás!
Na gala houbo ademais varias mencións á situación que se vive na CRTVG, en apoio das súas traballadoras e traballadores e demandando "unha televisión pública e de calidade", como fixo Manu Viqueira ao recoller o premio ao mellor videoclip ("defende a Galega e defende o galego", dixo), ou Federico Pérez ao gañar o Mestre Mateo ao mellor actor de reparto.