A sombra da lei, de Dani de la Torre, e Trote, de Xacio Baño serán as grandes protagonistas da gala de entrega da XVII edición dos Premios Mestre Mateo, que se entregarán o vindeiro 2 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña. Ambos os dous filmes suman un total de 15 candidaturas, entre elas as de mellor película, dirección e guión. A moita distancia aparecen outras producións, como a serie O sabor das margaridas, que suma oito opcións de premio, o telefilme Contou Rosalía con sete, e o programa Land Rober Tunai Show e o documental Versogramas con catro cada unha.
Ambos os dous filmes suman un total de 15 candidaturas, entre elas as de mellor película, dirección e guión
A pasada fin de semana A sombra da lei fíxose con tres Premios Goya, dos seis galardóns aos que optaba. Nesta ocasión pelexará por ser a mellor película galega do ano coa primeira longametraxe de Xacio Baño, co que falamos hai uns meses nesta entrevista.
As candidaturas dos galardóns que entrega a Academia Galega do Audiovisual anunciáronse este xoves nun acto conducido por Nieves Rodríguez e Adrián Díaz no Centro Ágora da Coruña. A listaxe completa de finalistas pódese consultar nesta ligazón. A cerimonia de entrega será dirixida pola guionista, actriz e directora Sonia Méndez.
Os premios entregaranse o vindeiro 2 de marzo na Coruña
Ademais de A sombra da lei e Trote, tamén optan tamén ao premio á mellor longametraxe Memorias dun home en pixama e Contou Rosalía. Na categoría de mellor documental as candidatas son Idénticas, O caso Diana Quer 500 días, Tódalas mulleres que coñezo e Versogramas. Mentres, A nena azul, Beautiful boy, Limbo e Mouras son as finalistas na categoría de mellor curtametraxe de imaxe real. E Fin de la cita, Luscofusco, Peixes e Soy una tumba na de mellor curtametraxe de animación.
Buscadores de naufraxios, Land Rober Tunai Show, Malo será! e Zig Zag Fin de semana compiten polo premio ao mellor programa de TV, mentres que O sabor das margaridas, Os Mariachi, Serramoura e Viradeira optarán ao de mellor serie de TV.
As cousas do choio (Román Castaño Frieiro), Dinosaurio, a serie (Carballo Interplay Producións), Hai vida en Bran? (Ángela Andrada) e Sorrisos transformadores (Islandia Producións), son finalistas na categoría de mellor Webserie. Finalmente, Ahora o nunca (Pegatina feat Macaco), El astronauta que vio a Elvis (Love of Lesbian), Eu non sei porqué (Boyanka Kostova) e La gran ola (Delafé) son finalistas no apartado de mellor videoclip.
Guión e interpretación
A serie O sabor das margaridas suma oito opcións de premio, a longametraxe Contou Rosalía sete, e o programa Land Rober Tunai Show e o documental Versogramas catro cada unha
En canto ás categorías profesonais, compiten polo mellor guión Angel de la Cruz, Diana López Varela e Paco Roca (Memorias dun Home en Pixama), Ghaleb Jaber, Raquel Arias e Eligio Montero (O Sabor das Margaridas), Patxi Amezcua (A Sombra da Lei), Xacio Baño e Diego Ameixeiras (Trote).
Nos apartados de interpretación, a actriz Rosa Álvarez (Sea Bests), María Vázquez (Trote), Melania Cruz (Contou Rosalía) e Michelle Jenner (A sombra da lei) compite polo premio á mellor interpretación feminina protagonista. Pola súa banda, enfróntanse na categoría de mellor interpretación masculina protagonista Antonio Durán “Morris” (Os Mariachi), Luis Tosar (A sombra da lei), Toni Salgado (O sabor das margaridas) e Xosé A. Touriñán (Land Rober Tunai Show).
Optan ao premio á mellor interpretación feminina de reparto Adriana Torrebejano (A sombra da lei), Beatriz Serén (Pazo de Familia), Melania Cruz e Tamara Canosa (ambas por Trote); mentres que na categoría de mellor interpretación masculina de reparto compiten Celso Bugallo (Trote), Denis Gómez (O sabor das margaridas), Ernesto Alterio (A sombra da lei) e Fede Pérez (Trote).