'María y los demás', triunfadora nuns Mestre Mateo que chaman á igualdade de oportunidades

Vista da gala de entrega dos XV Mestre Mateo © AGA

Noite de festa e reivindicación do oficio na décimo quinta edición dos Mestre Mateo. O gran encontro anual do audiovisual galego, que volveu ter como escenario o Palexco da Coruña, tivo desta volta a longametraxe 'María y los demás' como gran triunfadora, con cinco galardóns, entre eles mellor película e mellor actriz, Bárbara Lennie. A produción de Frida Films, Avalon, TVG, Movistar Plus e TVE foi así protagonista nunha noite que foi para a festa, para poñer o foco na diversidade da creación audiovisual do país e tamén para unha chamada recorrente: a igualdade de oportunidades.

Tras o filme dirixido por Nely Reguera, que tamén encabezaba a lista de candidaturas, o outro traballo máis recoñecido nestes Mestre Mateo foi unha serie televisiva, 'Dalia, a modista', e o seguinte un documental que é tamén un exercicio de memoria, 'Esquece Monelos', no que a realizadora Ángeles Huerta percorre a historia de desaparición do río que cruzaba a cidade da Coruña. 

Luís Tosar, como mellor actor protagonista, ou Óliver Laxe, mellor dirección por 'Mimosas', foron outros profesionais aplaudidos nunha noite na que o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares, repasou os principais retos do sector, a comezar poa precariedade laboral. "E isto non é algo que debamos descargar só nas Administracións, é unha situación que debemos tentar reverter entre todos e todas: Administración, profesionais e empresas", subliñou. "Esta Academia -di- quere ser un interlocutor para ese diálogo" sen pedir "privilexios, nin moito menos".

Neste contexto, Ares coida que cómpre poñer especialmente o foco "na situación de discriminación das mulleres no sector audiovisual". "Queremos non ter que celebrar que haxa o mesmo número de mulleres directoras que homes, que non sexa algo excepcional ter historias con mulleres protagonistas, que non sexa algo que resaltar". Ese compromiso da AGA coa igualdade "non pode ser doutro xeito", porque "é de xustiza", igual que ao seu xuízo tamén o é que a Arte e a Cultura poidan chegar a un estatuto laboral que permita aos profesionais "termos dereito ás mesmas prestacións por baixa laboral, enfermidade, maternidade, paternidade, desemprego ou xubilación".

A loita contra a desigualdade estivo tamén presente no discurso de Marta Villar, a directora de arte galardoada co premio de honra Fernando Rey nesta edición dos premios do audiovisual galego. Cómpre, a xuízo de Villar, que o sector teña en conta tamén outro tipo de desigualdade, a xeográfica: "Galicia tradicionalmente foi un gran estudio de cinema" e "a crise está a relegar este estudio a escasos quilómetros ao redor dunha cidade", xa que "dificilmente se poden asumir custos" que vaian alén de "40 minutos de desprazamento da oficina de produción".

A Academia Galega do Audiovisual chamou á implicación de "Administración, profesionais e empresas" na loita contra a precariedade no sector

"A nosa diversidade é tan in mensa como singular, e por iso universal", dixo Marta Villar, cun chamado a "recuperar a totalidade do noso territorio como estudo de cinema" e "así enriqueceremos o noso audiovisual ao mesmo tempo que á sociedade galega". "Moito traballo e moita igualdade", proclamou, nunha gala que estivo conducida por Iolanda Muíños e na que a música tivo un especial protagonismo, tanto con diferentes referencias ao cinema musical como coa estrea póstuma dun tema inédito de Narf, interpretada ao vivo pola banda formada para a ocasión, dirixida por Ramón Orencio. Na gala estiveron presentes cargos políticos como o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, así como diversos membros dos gobernos do Concello e da Deputación da Coruña e os tres líderes da oposición no Parlamento: Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón, xunto a diversos representantes de En Marea, PSdeG e BNG.

O equipo de María y los demás, tras recoller o premio á mellor longametraxe © AGA
Iolanda Muíños, conducindo a gala © AGA
Discurso de Carlos Ares durante a gala © AGA

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.