0 Gardados para despois

Ángeles Huerta: "As verdades negadas retornan como síntomas"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"O que me levou a facer esta película, o que realmente me interesa do río Monelos é ese carácter de río soterrado, que discorre baixo terra por un sumidoiro. Parecíame unha metáfora cun contido brutal. Unha cidade oculta dentro doutra cidade". Ángeles Huerta é a directora de Esquece Monelos, unha longametraxe documental que xa se puido ver no Festival de Cine de Ourense e que o vindeiro 14 de decembro se estreará no Teatro Rosalía da Coruña. O filme percorre a historia e a desaparición do río Monelos, na Coruña, varias veces desviado e canalizado e definitivamente soterrado nos anos sesenta, cando foi visto como un incómodo obstáculo nun proceso de expansión urbana marcado pola especulación.

Porque A Coruña tivo río e aínda hoxe discorre polos sumidoiros da cidade, dende o Polígono de Pocomaco ata o Peirao de San Diego, onde as súas augas van dar ao mar. Un río presente aínda na memoria dos que o viron ata ben entrados os anos sesenta, presente en fotografías e mesmo no rueiro (a rúa Río Monelos amosa os seus últimos metros de percorrido), un río que ata hai poucos anos reivindicaba a súa existencia, emerxendo en días de enchente ou mareas vivas, e inundando as rúas, reclamando o seu lugar. O recordo do Río Monelos permanece nun momento no que noutras cidades se levan a cabo proxectos de recuperación de ríos urbanos, convertidos en pulmón verde (o Gafos en Pontevedra, o Zadorra en Vitoria-Gasteiz ou o Manzanares en Madrid).

Ángeles Huerta naceu en Xixón, aínda que leva 14 anos en Galicia. Doutora en Literatura Comparada, realizou estudos de dirección cinematográfica na Met Film School de Londres. A súa última curta, The Fetch, foi seleccionada no Short Film Corner do Festival de Cannes. Comezou a traballar no proxecto en 2011, realizando o guión conxuntamente con Antón Núñez. "Ao comezo interesoume sobre todo o concepto do esquecemento, da memoria e da súa perda. Foi xusto nun momento no que alguén moi próximo a min comezaba a ter ese tipo de problemas. Porén, pouco a pouco foi gañando importancia para min ese valor do segredo, do río-agochado, e acabou desprazando ese outro concepto de río-memoria", explica.

O filme estrutúrase en cinco partes (A imposibilidade de ver un río, o baleiro, a destrución, o segredo, a auga dentro da auga), seguindo o curso do río dende o seu nacemento ata a súa desembocadura. E no percorrido vanse atopando os veciños, os habitantes do río, as historias ao seu redor. Dende veciños e veciñas "que aínda senten a dor da perda do río, con esa dor dos membros pantasmas", ata o propio alcalde José Manuel Liaño Flores (rexedor entre 1976 e 1979) ou o Patriarca das Rañas, mediador da comunidade xitana (desprazada dende a zona da Cubela ata Penamoa, nun proceso que levou á súa marxinalización), ambos os dous habitantes do río a pesar de seren tan distintos entre si. A cámara visita os lugares no que o río aínda corre sobre a terra, e tamén penetra no sumidoiro que o canaliza actualmente, onde aínda se conserva, baixo terra, unha das súas pontes.

A historia do río é a propia historia da cidade da Coruña, do seu crecemento e transformación. Desviado da súa súa desembocadura orixinal, na Palloza, o río Monelos foi testemuña do derrubo en 1965 do castelo de San Diego (que coas fortificacións de San Antón e San Cruz formaba o sistema defensivo do porto coruñés. Desviado tamén para construír a xa desaparecida Estación do Norte, o río marcaba a fronteira entre os concellos da Coruña e Oza (absorbido en 1912) e as súas beiras, nas que creceron industrias, nas que xogaban os rapaces e lavaban as lavandeiras, outorgábanlle á cidade un carácter mestizo, entre o urbano e o rural. Unha Coruña limiar que pouco a pouco foi desaparecendo ou foi sendo agochada. "No documental amosamos fotos do ano 1961, que é como dicir onte, nas que se ve como estaba a zona que hoxe sería Salvador de Madariaga ou Avenida de Monelos, co río, con muíños. Ou fotos da zona da Cubela, aínda co río, un espazo hoxe ocupado por El Corte Inglés. Era outra Coruña", destaca Ángeles Huerta. 

A directora recoñece a influencia que á hora de realizar este traballo tivo o filme de Patricio Guzman, La nostalgia de la luz, filmado no deserto de Atacama. "Por unha banda, amósase a actividade dun grupo de astrónomos e astrofísicos que procuran no ceo a orixe do universo nun dos observatorios que alí se atopan. E pola outra vese a un grupo de persoas, sobre todo mulleres, buscando no deserto os ósos dos seus familiares desaparecidos e asasinados pola ditadura, pois preto do deserto funcionaron varias penitenciarías". A capacidade de relacionar a procura máis persoal e particular coa máis holística.

"A importancia dun río non está tanto no seu caudal de auga, senón na súa capacidade de crear vida, no seu poder de reprodución simbólica das formas de vida social. Un río marca unha paisaxe e crea determinadas formas de comunidade", destaca. "O río Monelos non é unha cousa que desapareceu soa: é algo que nos negaron e que nos quitaron. E que segue aí, agochado. O río somos nós, somos esa cidade á que lle están poñendo a bota enriba da cabeza. É tamén un símbolo desa batalla polo discurso de cidade", subliña. "Pero as verdades negadas sempre retornan como síntomas", engade.

 

Un mes de cinema galego na Coruña

Entre decembro e xaneiro A Coruña acollerá a estrea de catro longametraxes galegas, nunha programación “en apoio á difusión e visibilización do cinema galego”, en palabras do concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, que será acompañada doutras actividades. Este domingo no Teatro Colón puido verse Migas de Pan, unha coprodución con Uruguai dirixida por Manane Rodríguez, un drama inspirado no relato de Liliana Pereira, unha ex-presa política da ditadura uruguaia. Este luns o Teatro Rosalía Castro acolleu a estrea de María (y los demás), a primeira película de Nely Reguera, unha comedia que vén de participar no Festival de Cine de San Sebastián. Antes da proxección no Kiosko Alfonso celebrouse a mesa redonda A muller no cine. María (y las demás), un exemplo de cine feito por mulleres.

A terceira estrea galega é a de Esquece Monelos, que será precedida o martes 13 pola tarde por un roteiro que percorrerá os lugares polos que discorría o río (e o propio filme) coa presenza da directora e doutros integrantes do equipo. E, finalmente, o 4 de xaneiro terá lugar a estrea na Coruña de Mimosas, o segundo traballo de Oliver Laxe, filmado en Marrocos e que vén de ser recoñecido tanto no Festival de Cannes (Premio Semana da Crítica) coma no Festival de Sevilla (Premio Especial do Xurado e Mellor son).

ESQUECE MONELOS - TRAILER from DangaDanga on Vimeo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.