O audiovisual galego reivindica o dereito a "existir" nos Mestre Mateo do público

Vista xeral da gala © Moncho Fuentes / AGA

"Producimos a esgalla e somos pobres". A actriz Isabel Risco subiu este sábado ao escenario do Palexco da Coruña para recoller o premio á mellor interpretación feminina de reparto por Era Visto! e, cando baixou, xa incendiara a parroquia do audiovisual galego e, polo mesmo prezo, as redes sociais que a fixeron trending topic na noite. Co estilo explosivo que a caracteriza Risco non se limitou, nin moito menos, a dar as grazas protocolarias. Pediu "traballo, en todos os sectores", lembrou que "para poder traballar hai que estar ben de saúde" e aí xoga un papel fundamental a sanidade pública e culminou lembrnado que "somos galegos e non lle restamos ao mundo, sumámoslle a hostia!". O público, posto en pé, agradeceu cunha pechada ovación un discurso que ben puido servir de resumo dos Mestre Mateo 2014.

O espectáculo conducido por Roberto Vilar, que xa se autodenominou con graza Tonecho nos primeiros compases da gala, cando saudaba con agarimo a audiencia, foi sobre todo unha reivindicación do sector pola súa propia existencia. Xa o avanzara o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelos, e volveuno facer no seu discurso protocolario. "Mentres sigan confiando en nós neste país non faltarán creadores", díxolle Mourelos ao público. "Existimos, queremos seguir existindo", sinalou nunha intervención na que mesturou reivindicación cun chisco de retranca para pedir das autoridades "algo máis de sentido; con que sexa do común debera bastar".

Mourelos reclama "sentido común" e "sensibilidade" para o sector

Ese sentido e a "sensibilidade que un digno gobernante debería ter con todo aquel sector que xera moito máis que beneficios económicos" deberían servir para que lle vaia un pouco mellor a un sector do que, lembrou, tamén forma parte a televisión pública que retransmitía a gala ao vivo e que informou "puntualmente" da traxedia de Angrois. "Na medida do posible, sexan moi felices", recomendou para rematar, xusto antes de entregarlle, acompañado por un bo feixe de compañeiros e compañeiras, o premio de honra Fernando Rey a Manolo González.

'Somos xente honrada', a triunfadora

Baixo a atenta mirada dunha familia da Arousa, os Rey Abal, que comentaban, eloxiaban ou criticaban dende o salón da súa casa algúns dos aspectos da gala, os e as profesionais foron pasando polo escenario para recoller os premios. Quen máis veces tiveron que facelo foron os responsables do filme Somos xente honrada, producida por Vaca Films e El Terrat e dirixida por Alejandro Marzoa. As distincións de mellor longametraxe, mellor dirección, mellor guión, interpretación masculina protagonista, interpretación masculina de reparto e maquillaxe e perruquería convertérona na gran triunfadora da noite.

A lembranza das primeiras longametraxes en galego e o recordo a Pico foron os momentos máis emotivos da noite

Encallados, Salgadura ou a serie Era Visto! foron algunhas das producións máis destacadas nunha noite na que tamén tivo a súa pinga de protagonismo o incombustible Xosé Ramón Gayoso, premio Mestre Mateo a mellor comunicador de televisión que, co seu fiel micrófono na man, se fixo coa gala en apenas uns segundos e tamén lembrou que moitos profesionais están forzosamente parados. Para a TVG foron tamén premios como o recibidos por Galegos no Mundo, mellor realización, ou por Zig Zag Diario, mellor programa de televisión cuxos responsables lembraron que, malia ser este o seu terceiro Mestre Mateo, "seguimos na segunda canle", comentario que os máximos responsables da casa recibiron dende o patio de butacas con cara de circunstancias.

A lembranza do vixésimo quinto aniversario das primeiras longametraxes en galego e, sobre todo, a sentida homenaxe ao falecido Xosé Manuel Olveira, Pico, foron a parte máis emotiva dunha gala que tamén estivo notablemente animada a través do Twitter, onde algúns dos galardoados non se puideron resistir á febre do selfie. "Que a esperanza e non o medo sexan a base do desenvolvemento", pediu Mónica Ares, galardoada por Galegos no mundo

Antonio Mourelos e Roberto Vilar, coa familia Rey Abal na pantalla da gala © Moncho Fuentes / AGA
Emma Lustres e Borja Pena, de Vaca Films, recollen o Mestre Mateo á Mellor longametraxe © Moncho Fuentes / AGA

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.