Alcaldes populares salientan que foron eles quen pediron que a Xunta lles ceda os permisos de Patrimonio, como está a tramitar de xeito acelerado coa oposición do Consello da Cultura Galega
Hai dúas semanas Praza.gal avanzou un informe do Consello da Cultura Galega (CCG) crítico coa decisión da Xunta e o PPdeG de deixar en mans dos concellos permisos de Patrimonio que ata agora debía outorgar o Goberno galego. O documento fora remitido polo ente estatutario que vela pola cultura galega aos grupos parlamentarios e á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que tamén se amosa crítica coa medida. Hai uns días esas críticas foron contestadas desde o PPdeG, que pon como principal argumento para dar aos concellos o control de Patrimonio que así o pediron os propios concellos.
O informe do Consello da Cultura advertiu que as novas medidas previstas pola Xunta, que tramita de xeito acelerado a través da lei de acompañamento dos orzamentos para o vindeiro ano, "poden poñer en risco de perda, destrución ou deterioración irreversible moitos dos bens protexidos que integran o patrimonio cultural de Galicia". O CCG considera que a reforma "liberaliza" a xestión do patrimonio deixándoo en mans das administracións "máis expostas" ás presións urbanísticas e con persoal insuficiente ou incorrectamente formado para poder supervisar esas actuacións.
O PP defende "que o coidado do noso patrimonio non supoña un impedimento para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais"
Porén, o PPdeG reuniu o pasado venres alcaldes propios para asegurar asegurar que o cambio dá "resposta a demandas históricas dos concellos, xa que permitirán adaptar a normativa actual á realidade, axilizando trámites". Os populares poñen como exemplo de actuacións que se van facilitar se os permisos de Patrimonio dependen dos concellos "trámites tan básicos como cambiar unha fiestra ou poder reasfaltar unha estrada na que hai un cruceiro protexido".
Para os populares que os concellos pasen a controlar os permisos de Patrimonio "é unha medida que facilita a vida dos concellos e da cidadanía" para "que o coidado do noso patrimonio non supoña un impedimento para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais". O PPdeG tamén puntualiza que "se algún alcalde considera que esta medida non lle beneficia, sempre poderá continuar co procedemento como ata o de agora".
Ademais, o PP critica que a Fegamp, na que PSdeG e BNG controlan os seus órganos de goberno, se opoña á medida sen representar o sentir dos alcaldes populares.
Hai un ano o Consello da Cultura emitiu outro informe tamén moi crítico co proxecto de Altri apoiado pola Xunta, que non lle pedira a súa opinión. Daquela o PP respondeu criticando que o órgano encargado polo Estatuto de velar pola "defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego" se atrevese a opinar sobre o proxecto industrial e atribuíu as súas críticas a "supostos especialistas" encadrados "na órbita do BNG".