Menos emprego do prometido, máis eucalipto e riscos: duro informe do Consello da Cultura sobre Altri

Recreación da factoría de Altri en Palas, divulgada pola empresa, e estimación dos empregos que xeraría o proxecto, tirada do informe do CCG CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Recreación: © Greenfiber | Cadro: CCG

"Tanto desde a oposición ao proxecto como desde a súa defensa, acusouse a posición contraria de ser unha posición política, pero isto non debería ser tanto unha denominación descualificadora como o recoñecemento de que, en efecto, unhas decisións do alcance da que nos ocupa son precisamente políticas en sentido estrito: isto é, relativas ao «conxunto de asuntos públicos dun estado e actividade de quen se dedica a eles ou de quen participa na vida pública».

Unha decena de persoas expertas en eidos coma patrimonio, edafoloxía, agro, hidroloxía, economía, desenvolvemento rural ou saúde elaboran para o CCG un documento tan amplo coma crítico sobre a fábrica de celulosa que Altri promove da man da Xunta e Greenalia

O Consello da Cultura Galega encadra deste xeito o informe tan amplo coma crítico que vén de facer público sobre o denominado proxecto Gama. Isto é, a fábrica que a celulosa portuguesa Altri quere instalar en Palas de Rei a través da sociedade Greenfiber da man da Xunta e coa enerxética galega Greenalia como parceira. 

O CCG xuntou, baixo a coordinación da arquitecta Teresa Nieto, unha decena de persoas expertas en ámbitos coma o patrimonio cultural e a paisaxe, a edafoloxía, políticas agrarias, hidroloxía, turismo, desenvolvemento rural ou saúde para elaborar un documento inzado de alertas. Dende a posibilidade de que o emprego que poida xerar Altri sexa moito menos do prometido ata riscos como un incremento da extensión do eucalipto en Galicia ou fortes impactos no territorio e na saúde das persoas.

Sen atender o territorio e sen ligazón co téxtil galego

Ao longo de case 180 páxinas, as persoas autoras do informe debullan en oito documentos temáticos as súas posturas "técnico-científicos" sobre un proxecto cuxa localización en Palas "responde a necesidades esóxenas ao territorio". Isto é, só atende "as necesidades da propia instalación" e "reduce o territorio a soporte da actividade económica dunha forma que xustificaría sacrificar os valores socioculturais e socioambientais". Nesa contorna, coidan, pode causar "unha grave fractura".

O traballo destaca que o emprazamento de Altri en Palas "responde a necesidades esóxenas ao territorio", reducido a "soporte da actividade económica" e exposto a "unha grave fractura"

Cómpre ter en conta ademais, salientan as conclusións do documento, que o proxecto de Altri foi "anunciado" como "oportunidade para engadir unha nova liña á cadea forestal-madeira en Galicia coa elaboración de fibras téxtiles a partir da madeira de eucalipto". Pero o certo é que , se sae adiante, "vai producir celulosa soluble e só de forma secundaria Lyocell", a fibra téxtil. 

Así, lonxe de pechar ciclos produtivos ou diversificar o sector forestal galego, "reforzaría a especialización actual da cadea na produción de materias primas, madeira de eucalipto, e na de primeira transformación, celulosa soluble", subliña. "Non se perciben -subliña o informe do CCG- os seus vínculos coa cadea téxtil-confección, que na economía galega está concentrada nas fases finais da cadea, loxística e distribución" e "non na fabricación de tecidos nin na confección".

Recreación da fábrica de Altri en Palas divulgada pola propia empresa © Greenfiber

Menos empregos dos prometidos

A comisión técnica que traballou no informe do CCG pon tamén no albo un dos principais argumentos da empresa e da Xunta para defender a implantación de Altri en Palas: o emprego. A factoría, analizan, requiriría "un volume de investimento do dobre da media do sector de pasta de papel en España" pero, en troques, prevé "unha facturación modesta en relación co investimento, a metade da media" do sector, cuns 200 millóns anuais.

O informe estima que Altri xeraría uns 550 empregos totais na economía galega, 281 deles directos, cifras "moi inferiores ás anunciadas" pola compañía, que estima medio milleiro directos e uns 2.000 indirectos

Os números manexados pola propia empresa na documentación divulgada para tramitar os permisos da Xunta, advirten, retratan un proxecto con "elevada intensidade en capital" pero "baixa intensidade en traballo". Concretamente, as súas análises conclúen que "o número de empregos directos que se crearían" na primeira fase do proxecto sería de "entre 161 e 281 a partir de 2026", o que supón "a metade dos anunciados polo promotor".

O discreto impacto en materia de emprego ten que ver, debullan, con que a fábrica de Altri "tería un impacto moi reducido na economía galega, de "0,30 euros/euro producido" e "só un 25% dese impacto se produciría nas comarcas da área de influencia" e o resto, "noutras zonas de Galicia". Non obstante o groso do beneficio para, por exemplo, o fornecemento de diversos materiais precisados pola fábrica sería "fundamentalmente" para "empresas situadas fóra de Galicia".

Directivos de Altri implicados no proxecto para Palas de Rei, nunha comparecencia ante a prensa o pasado xuño en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Neste sentido, advirten, "o emprego indirecto sería moi reducido nas comarcas da área de influencia da fábrica, onde se xerarían uns 62 empregos" e no resto de Galicia, "arredor de 201". Deste xeito, afirman, "o total de empregos directos e indirectos xerados pola fábrica sería duns 550 na economía galega (281 directos e 263 indirectos), unhas "cifras de emprego total moi inferiores ás anunciadas", medio milleiro directos e uns 2.000 indirectos.

"Non sería posible abastecer a nova planta sen incrementar substancialmente a área ocupada por plantacións de eucalipto en Galicia" ou, no seu defecto, sen importar madeira. "Calquera dos dous escenarios resultan opostos aos intereses da política forestal en Galicia", resaltan

"Risco de deterioración da imaxe turística", especialmente sobre o Camiño de Santiago, ou perigos ambientais "nun dos hábitats xeoedáficos e ecolóxicos máis singulares e interesantes de Galicia" son outras das advertencias dun documento que amosa a convicción de que, ao contrario do sostido por Altri e pola Xunta, a instalación desta factoría traería consigo "un considerable incremento da demanda total de madeira de eucalipto para pasta de celulosa en España, dado que na súa fase II chegaría a consumir arredor de 2,28 millóns de metros cúbicos con casca por ano cando o consumo actual de todo o sector en España se sitúa en arredor de 5 millóns de metros cúbicos anuais"

Máis eucalipto

Neste sentido, consideran que "en contra do que afirman os promotores do proxecto", "non é razoable soster que a madeira de eucalipto producida en Galicia non conta con mercado actualmente", toda vez que "o principal destino da madeira de eucalipto que sae" do territorio galego " é a planta que o grupo Ence ten en funcionamento en Navia, Asturias", con "arredor de 1,2 millóns de metros cúbicos por ano", seguida de Navigator e da propia Altri en Portugal. 

Plantación de eucaliptos en Palas de Rei, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Simon Burchell

"Non sería posible abastecer a nova planta sen incrementar substancialmente a área ocupada por plantacións de eucalipto en Galicia", aseguran tras calcularen que "ás 409.000 hectáreas" actuais habería que engadir "entre 80.000 e 190.000" co conseguinte incremento do perigo de incendios ou, no seu defecto, "importar un volume considerable de madeira desde o exterior, probablemente desde América do Sur". "Calquera dos dous escenarios resultan opostos aos intereses da política forestal en Galicia", resaltan.

Impacto na saúde

O aire da comarca pode virar "en ameaza invisible para a saúde", consideran

O informe presentado polo CCG conclúe cun capítulo dedicado aos impactos na saúde do proxecto de Altri, cuxa implantación nunha contorna onde "a calidade do aire precisa melloras", virará "o aire da comarca nunha ameaza invisible para a saúde" por mor de factores como "as partículas finas (...) ás que non se lles da importancia" na documentación da empresa, así como "outros contaminantes que non se definen". e que "causarán estragos".

Neste sentido, o traballo do Consello tamén reprocha que Altri non "cuantifique" as "emisións de dióxido de carbono, monóxido de carbono" que traería consigo a fábrica e o mesmo suceda con "metais pesados, compostos orgánicos volátiles, vapor de auga ou metano". "A exposición a eses contaminantes, un espectro de produtos químicos con efectos a longo prazo potencialmente alarmantes e non ben documentados pode provocar problemas de saúde crónicos e aumentar o risco de enfermidades graves", aseguran.

Manifestación contra o proxecto de Altri, o pasado xuño en Santiago CC-BY-NC-SA Praza.gal

A parte do informe dedicada á saúde foi elaborada por Sonia Villapol, neurocientífica e Profesora do Instituto de Investigación Methodist do Centro Médico de Texas e da Universidade Weill Cornell, nos EUA. Canda ela traballaron nas diversas áreas do documento do CCG Teresa Nieto Freire (patrimonio cultural e as cuestións sociais), Eduardo Corbelle Rico (patrimonio natural e medio ambiente), Rebeca Blanco-Rotea (paisaxe cultural), María Josefa Fernández Sanjurjo (edafoloxía), Ana Isabel García Arias (economía, socioloxía e política agraria), Horacio García (impacto hidrolóxico), Juan Manuel Lema Rodicio (emisións e contaminación ambiental), Edelmiro López Iglesias (desenvolvemento rural) e  Xosé Manuel Santos Solla (turismo).

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.