A captación de auga é un dos elementos clave do proxecto da portuguesa Altri para instalar a súa fábrica de celulosa para xerar fibras téxtiles en Palas de Rei. Os documentos expostos ao público pola Xunta para a súa tramitación ambiental acreditaron que as necesidades de auga da factoría serían duns 16 millóns de metros cúbicos anuais, equivalente á décima parte do consumo anual de toda Galicia.
Altri evidenciou na súa documentación que optou por captar auga do Ulla porque o Miño é de competencia estatal e os permisos, "máis difíciles"
Nesa mesma documentación a compañía evidencia que escolleu usar auga do río Ulla e non do Miño por ser de competencia da Xunta. Os permisos na cunca do Miño terían que tramitarse ante o Estado e ían ser "máis difíciles de obter". Nesa captación de augas do Ulla -a empresa reitera que non consume auga, senón que a utiliza e a devolve ao río en boas condicións- é clave o encoro de Portodemouros, en cuxo estado pon o foco a Comisión Europea ao fío do proxecto da celulosa.
En resposta a unha pregunta da eurodeputada María Eugenia Rodríguez Palop -cabeza de cartel de Podemos nas europeas de 2019, actualmente próxima a Sumar-, o aínda comisario europeo de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevičius, respondeu o pasado día 13 que a Comisión "sabe que as autoridades competentes de Galicia iniciaron recentemente unha consulta pública de avaliación de impacto ambiental" do proxecto de Altri. Concretamente sobre a "concesión do permiso para a extracción de auga do encoro de Portodemouros". E lembra que alí a Xunta aínda ten melloras ambientais por aplicar.
O comisario de Medio Ambiente subliña que a UE "está avaliando" o Plan Hidrolóxico no que a Xunta reflicte que o "estado total" do encoro de Portodemouros é "peor que bo" e no que o cumprimento de obxectivos medioambientais foi adiado a 2027
"Segundo os informes das autoridades españolas sobre o segundo Plan Hidrolóxico de Cunca, a masa de auga moi modificada do encoro de Portodemouros ten un potencial ecolóxico inferior a bo e foi obxecto dunha ampliación de prazo ata 2021 para acadar os obxectivos establecidos" na lexislación ambiental. "A Comisión está avaliando actualmente o terceiro plan hidrolóxico de cunca para o ciclo 2021-2027", agrega.
Estado "peor que bo" na avaliación da Xunta
Ese terceiro plan é o Plan Hidrolóxico Galicia-Costa 2021-2027, dependente da Xunta. Nese plan, Augas de Galicia evidencia que o "estado total" do encoro de Portodemouros continúa sendo "peor que bo" -nesta ligazón pódese consultar o baremo que se aplica-, mentres que o seu estado ecolóxico é "moderado" e o estado químico, "bo". Como "incumprimentos", ese mesmo informe oficial reflicte que os anteriores plans hidrolóxicos xa os detectaran tamén por "fitoplancto, transparencia e fósforo total e osíxeno". Todo isto leva a unha "prórroga do cumprimento dos obxectivos medioambientais a 2027".
Con este pano de fondo, o comisario subliña que "as autoridades españolas son responsables de garantir as condicións para evitar o deterioro do estado da masa de auga afectada e deben tomar medidas se se produce algunha desviación do previsto nos permisos". A autoridade, neste caso, sería o Goberno galego.
Rodríguez Palop preguntaba tamén a respecto da posibilidade de que Altri reciba fondos europeos de recuperación, nun contexto no que a empresa liga a viabilidade do seu proxecto a obter 250 millóns de euros públicos. Neste sentido, Sinkevičius evidencia que as normas dos fondos esixen "o cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo" á natureza, alén do cumprimento do conxunto da lexislación ambiental xeral da Unión Europea.
Advertencia do PSdeG
A resposta do comisario europeo de Medio Ambiente chamou tamén a atención do PSdeG cuxo eurodeputado, Nicolás González Casares, insta a Xunta a "tomar en serio a preocupación amosada pola Comisión Europea" sobre o impacto do proxecto de Altri no encoro de Portodemouros". "É unha evidencia clara de que hai elementos" no plan da compañía avalada polo Goberno galego que "xeran inquietude nas autoridades comunitarias".
Neste sentido, González Casares subliña que "non é habitual" que a Comisión fixen posición sobre un proxecto que "nin chegou ás súas portas" e ao tempo, alerte "das dificultades polo mal estado das augas do encoro". Neste sentido, coida que é aínda máis "serio e responsable falar cos datos na man, como sempre fixemos". "Non imos colorear as mentiras de Rueda nin os cambios de posición continuos do PP" e por iso manterá na Eurocámara unha "posición vixilante" ao respecto, afirma.