Altri escolleu usar auga do Ulla e non do Miño por ser competencia estatal e os permisos, "máis difíciles"

Argumentación empregada por Altri para elixir o Ulla e non o Miño para a súa fábrica de celulosa e fibra téxtil CC-BY-SA Praza Pública

A empresa analizou sete posibles emprazamentos no norte do país e foinos descartando por distintos motivos ata optar por Palas de Rei

Altri decidiu instalar o seu proxecto de fábrica de celulosa e fibra téxtil a carón do río Ulla, en Palas de Rei, e non do Miño, nalgún punto entre Outeiro de Rei e Portomarín, porque os permisos para abastecerse do primeiro dependen da Xunta mentres que no segundo, competencia do Estado, "os outorgamentos de concesións de aproveitamento e vertido ían ser máis difíciles". Así o sinala a propia empresa no estudo de impacto ambiental do proxecto, no que conta como analizou sete posibles áreas de instalación no norte do país e como as foi descartando progresivamente ata quedarse só co Miño e o Ulla como finalistas, optando polo segundo por unha suposta maior facilidade na obtención dos permisos.

Sete posibles emprazamentos de Altri a carón de ríos que foron estudados antes de elixir o Ulla en Palas de Rei © Altri

A documentación que a Xunta ten a exposición pública sobre o proxecto de Altri inclúe unha descrición do proceso que seguiu a empresa para decidir o seu emprazamento, condicionado de inicio pola esixencia de auga suficiente para os seus procesos industriais. Porén, ese proceso de valoración de alternativas, esixido pola lexislación, despáchase en pouco máis dun folio. 

Cando a Xunta fixo pública a posibilidade de que a empresa se instalase en Galicia, o Parlamento aprobou unha proposición non vinculante na que pediu "que se propicie a súa localización, preferentemente, na comarca da Mariña" e, no seu defecto, "en todo caso na provincia de Lugo". E a documentación de Altri sinala que así se estudou, xa que nunha primeira aproximación estudáronse "7 posibles áreas do centro e norte de Galicia asociadas a grandes concas hidrolóxicas: Cervo (Río Covo), Alfoz (Río Ouro), As Pontes (Río Eume), Forcadas (Río Mera), Baamonde (ríos Ladra e Parga), Lugo (Río Miño Alto) e Palas de Rei (Río Ulla)".

Desas sete áreas descartáronse as catro primeiras tras comprobar que a auga "non era suficiente". O seguinte descarte foi o río Eume e a contorna das Pontes, ante "a dificultade de establecer infraestruturas (captacións, impulsións, canalizacións, etc.) nun espazo protexido (Fragas do Eume)", cunha orografía "complicada" e coa "dificultade para atopar unha gran superficie de topografía favorable".

Relato que fai Altri do proceso seguido para descartar progresivamente os sete posibles emprazamentos estudados CC-BY-SA Praza Pública

No Miño a empresa admite que había "posibilidades de implantación no treito comprendido entre Outeiro de Rei e o encoro de Belesar"

A elección final quedou así reducida ao Miño e o Ulla. No primeiro a documentación sinala que "existen posibilidades de implantación no treito comprendido entre Outeiro de Rei e o encoro de Belesar, en Portomarín, cun caudal mínimo de subministro de 2,5 metros cúbicos por segundo", isto é, 2.500 litros por segundo, moito máis dos 535 litros por segundo que esixe o proxecto finalmente presentado.

Porén, engade a documentación de Altri, "o feito de ser un cauce internacional cuxa xestión non depende da administración autonómica fixo pensar en que os outorgamentos de concesións de aproveitamento e vertido ían ser máis difíciles". Mentres o Ulla forma parte da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, dependente da Xunta, o Miño é xestionado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, dependente do Goberno de España, e Altri considerou que sería máis sinxelo obter os permisos da administración galega, que vén amosando abertamente o seu apoio político ao proxecto.

Plano da futura localización da planta de Altri en Palas de Rei © Altri

Despois, unha vez elixido o Ulla, valoráronse dúas alternativas, a finalmente elixida en Palas de Rei e outra en Antas de Ulla, que foi descartada por estar máis afastada do río, e haber peores accesos viarios e restos arqueolóxicos na contorna. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.