O impacto da instalación de Altri en Palas de Rei poría en risco o acceso a auga potable nos concellos da zona ata os da ría de Arousa, sobre todo no verán
A empresa papeleira portuguesa Altri manifesta que a fábrica que pretende instalar en Palas de Rei collería 46.000 metros cúbicos (m3) de auga doce ao día do encoro de Portodemouros (en Agolada) e devolvería, no mellor dos escenarios, uns 30.000 m3 de auga. Polo tanto, perderíanse arredor de 16.000 m3 de auga diarios dun embalse que foi construído para outra cousa, non para abastecer a unha industria de celulosa.
"Pero é que eses 30.000 m3 de auga que devolve están contaminados", advirte Xaquín Rubido, portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA). "A empresa manifestou, segundo se recolleu nos medios despois da primeira reunión informativa coa veciñanza, que se devolve a auga 'en mellores condicións das que se colle'. E iso é unha falacia, literalmente. Se devolvesen a auga cunha mellor calidade da que toman, carece de sentido gastar os cartos en coller esa auga a diario, reutilizaríana xa eles na fábrica", engade Rubido.
"A auga é o recurso que ten valor", salienta Rubén Lois, catedrático de Análise Xeográfica na Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Xeografía, que incide en que "nun escenario de cambio climático non sabemos de canta auga imos dispoñer nas vindeiras décadas". Tanto Rubido como Lois apuntan a que o impacto da instalación de Altri en Palas de Rei poría en risco a dispoñibilidade de auga potable nos concellos da zona ata os da ría de Arousa, sobre todo no verán, cando chove menos e a poboación aumenta polo turismo.
"A auga é o recurso que ten valor", salienta Rubén Lois, catedrático de Análise Xeográfica na USC
"En principio, unha industria da madeira non ten por que ser mala se fai transformación máis ou menos avanzada. Nun inicio dixeron que ía fabricar fibras téxtiles, pero nos atopamos con que o 80% da produción vai ser celulosa soluble, é dicir, vai ser unha fábrica de celulosa e pode ser que introduzan fíos de lyocell, pero dá a impresión de que aínda non teñen a patente para producilos", detalla Rubén Lois, que lembra o motivo polo que Altri mira a Galicia para instalar esta fábrica: a moratoria da plantación de eucaliptos en Portugal, que se está a cumprir.
Ademais das implicacións que ten aumentar a eucaliptización do país, que tamén afecta (e moito) ao consumo de auga, Lois sinala que a área da Ulloa está a medio camiño entre a celulosa de Pontevedra (Ence) e a de Navia (en Asturias) polo que "é unha localización estratéxica porque está máis ou menos equidistante de ambas, e ten facilidades para saír aos portos de Vilagarcía, Vigo ou A Coruña por autovía".
"Os técnicos de Altri viñeron a vendernos outra vez as mentiras que din na prensa, que son eco, bio e súper sostibles", di a voceira da Plataforma Ulloa Viva
Marta Gontá, voceira da Plataforma Ulloa Viva, explica que "os técnicos de Altri viñeron a vendernos outra vez as mentiras que din na prensa, que son eco, bio e súper sostibles. E que van crear non sei cantos postos de traballo que tamén son unha mentira tras outra. Dixeron que viñan informar os veciños, non só non o fixeron senón que se negaron a responder ás preguntas da xente e ao final tiveron o descaro de acusarnos de violentos e marchar deixando plantada a veciñanza de Agolada, Santiso e Antas. O que conseguiron foi mobilizar máis á xente en contra do seu proxecto".
A propia empresa portuguesa define a fábrica que planea instalar en Palas de Rei como unha "industria de enclave", que non deixa riqueza na zona e que segue un modelo expoliador: "Só busca custes baixos e exportar o que produce para fóra. Un modelo practicamente neocolonial que non xera un tecido industrial ao seu arredor, como pode facer Stellantis en Vigo", detalla Xaquín Rubido.
A portavoz da Plataforma Ulloa Viva engade que a fábrica vai ter "unha cheminea de 75 metros de alto pola que van saír gases contaminantes con produtos tan perigosos para a saúde coma o xofre, provocando unha chuvia ácida –'a peste'– que vai poñer en risco a nosa saúde e vai arruinar o noso sector agrogandeiro". "Falamos dunha das áreas gandeiras máis importantes de Galicia. Calcúlase que entre o Deza, Terra de Melide, a Terra de Arzúa e A Ulloa hai sobre cinco mil explotacións gandeiras, a maioría de leite", destaca o catedrático da USC.
Na declaración de impacto ambiental que presenta Greenfiber –a sociedade coa que Altri prevé implantarse en Galicia da man de Greenalia– "o territorio non existe", critica Rubén Lois
Nesta zona prodúcese tamén millo, o alimento para as vacas, así que se hai unha extracción masiva de auga, e por outro lado cunha sobreplantación de eucaliptos "nos meses de verán podemos desestabilizar uns sectores que dan de comer a máis de catro mil familias". Palas de Rei ten sete mil cabezas de gando e a Terra de Melide ten máis gando que habitantes, Rubén Lois fai fincapé en que "se o escenario do cambio climático é certo, nun prazo de dez anos podería empezar a haber problemas; sobre todo no verán".
"Os datos que están en exposición pública son correctos, son do Plan hidrolóxico nacional, pero este plan traballa sobre seis anos de promedio de escenario de dispoñibilidade de augas. Esta empresa pode durar sesenta anos e todo o mundo que está facendo predicións do clima dos vindeiros cincuenta anos di que vai chover menos e que a desregularidade das precipitacións vai ser moito maior porque todo o mundo considera que se vai producir un cambio climático importante nas seguintes cinco ou seis décadas", debulla Lois, para lembrar que a afectación do río Ulla sería no seu curso alto e que a auga que quere sacar Altri "supón o 40% do caudal do río Ulla pasado Melide".
Na declaración de impacto ambiental que presenta Greenfiber –a sociedade coa que Altri prevé implantarse en Galicia da man de Greenalia– "o territorio non existe", critica Rubén Lois, quen destaca que de feito a zona de Palas conta cun tecido económico bastante coherente cuxas empresas terían dificultades para ampliar e contratar máis man de obra "porque se vai poñer moi cara nun contexto de pleno emprego".
Xaquín Rubido advirte que se non se toman medidas, unha maior contaminación "sitúa a ría de Arousa en emerxencia e nunha posible inviabilidade como ecosistema ultraprodutivo"
Ademais, o catedrático apunta que os hipotéticos traballadores a traballadoras da papeleira non poderían quedar a vivir na zona porque non hai oferta de vivenda, e a Xunta non ten previsión de construír vivenda pública alí. "Hai empresas en Palas de Rei que poden crear ese nivel de emprego, nesta zona hai un 2% de desemprego. No momento actual non hai paro entre o Camiño de Santiago, as empresas e a gandería", asegura Lois.
"Vai supoñer un efecto negativo sobre un sector económico tan potente na zona coma o Camiño de Santiago, as afectacións á Rede Natura, ao comercio local, ao turismo... Se nos dan a nós os 250 millóns de cartos públicos duplicamos os postos de traballo que Altri contempla, e con pemes locais e sostibles", afirma Marta Gontá.
Afectación na ría de Arousa
"Se non se toman medidas por parte da Xunta, que é a que ten todas as competencias, e non parece que as vaia tomar, o problema é moi grave e sitúa a ría de Arousa en emerxencia e nunha posible inviabilidade como ecosistema ultraprodutivo. A produtividade desta ría foi sempre moi elevada, o que xustifica que o 70% do mexillón de Galicia proceda dela e que o faga o 60% de todas as ameixas", argumenta Xaquín Rubido, voceiro da PDRA.
Esa elevada produtividade está estreitamente vencellada co afloramento, un fenómeno costeiro que se dá de maneira moi intensa na ría de Arousa a consecuencia da súa orografía: o vento do nordés baleira as capas superficiais da auga cara a fóra e esa auga provoca que entre unha masa de auga fría polo fondo, arrastrando os nutrientes que están depositados alí derivados da descomposición aeróbica da materia orgánica. Esa auga que aflora polo fondo, explica Rubido, vai virando en sentido antihorario e arrastrando os nutrientes á zona onde dá a luz e, desta maneira, activa a cadea alimentaria. É o que fai que se produza o plancto en grandes cantidades e que esta sexa unha ría tan produtiva, pois produce "cinco veces máis materia orgánica que o mar en xeral, por dicilo dalgunha forma".
"Xa estamos nunha situación moi crítica e a isto teríamos que engadirlle que imos ter menos auga doce no río e máis contaminada coa instalación de Altri", critica o portavoz da PDRA
Nestes momentos hai menos afloramento na ría porque hai menos vento do nordés e, polo tanto, existe unha menor renovación das augas. Isto significa que a auga pasa máis tempo dentro da ría, así que a contaminación tamén queda durante máis tempo e a súa concentración increméntase porque as augas non se renovan. Os bivalvos, eminentemente filtradores e que se alimentan en grande medida do plancto, sofren esta falta e están debilitados. Non tanto os mexillóns, que tamén se alimentan doutra materia orgánica, o que os fai máis fortes. Mais o resto, nestas circunstancias, deféndese reproducíndose cada vez máis, pero non engorda. Desta forma, ao seren máis sensibles e estaren debilitados a contaminación aféctalles aínda máis.
A pesar da súa maior resistencia, a produción de mexillón no ano 2022 foi un 12,5% menos en relación á do ano 2021, segundo os datos oficiais . "No ano 2023 xa hai unha baixada da produción estimada nun 30% con relación ao ano anterior, segundo os datos que me pasaron as organizacións máis importantes do sector", apunta Rubido. "Xa estamos nunha situación moi crítica e a isto teríamos que engadirlle que imos ter menos auga doce no río e máis contaminada coa instalación de Altri", critica o portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.
"Se a eutrofización é crónica, afecta a todo o curso do río Ulla porque as cianobacterias producen unha serie de toxinas que danan a todos os seres vivos", di Rubido
O encoro de Portodemouros
A contaminación da factoría de Altri será fundamentalmente materia orgánica e os produtos químicos que utilicen no proceso de elaboración. Isto chegará directamente ao encoro de Portodemouros, que xa sofre episodios de eutrofización –unha proliferación descontrolada de materia orgánica que provoca efectos adversos na auga– desde hai tempo, con formación de cianobacterias de forma reiterada na época estival.
"Esa auga que lle meterían de volta, contaminada con materia orgánica, vai a máis temperatura, e iso afecta á capacidade da auga para disolver o osíxeno. Polo tanto, o vertido vai acentuar a eutrofización e convertela nunha circunstancia practicamente crónica. E se a eutrofización é crónica, afecta a todo o curso do río Ulla porque as cianobacterias producen unha serie de toxinas que danan a todos os seres vivos", manifesta Rubido, que traza unha relación directa coa auga potable que moitos concellos collen da ría de Arousa: "Imos tomar auga dos vertidos deles e iso é un problema de saúde pública".
Ademais, Xaquín Rubido alerta de que na época estival coincide que hai menos auga e hai máis poboación flotante por todo o turismo e que a auga é un vector básico de saúde pública. "Aquí non estamos coidando ese vector porque estamos permitindo que se instale unha empresa deste estilo na cabeceira do río Ulla. Isto vai mudalo, se deixa de haber bateas e mariscadoras xa non será o noso país, será outro", critica mentres defende que a produción de bivalvos é sostible, fixa CO2 e garante a soberanía alimentaria, e "vaise destruír ese capital a cambio de nada". "A paisaxe cultural que ten o noso mar forma parte da nosa identidade", asevera.