Rueda non descarta expropiacións para Altri e responde ás críticas: "Non podemos deixar pasar oportunidades"

Rueda fala coa conselleira de Medio Ambiente no Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente asegura que "xamais se autorizará algo que non cumpra estritamente todos os requisitos" e pide "diálogo" e "actitude pedagóxica"

Este mércores responsables de Greenfiber, a sociedade creada por Altri e Greenalia para levantar unha fábrica de celulosa e fibras téxtiles en Palas de Rei, comezaron unha serie de encontros con veciñanza da comarca na que se implantará para expoñer o proxecto. Veciñanza que xa amosou a súa oposición polo impacto que tería a factoría e que mesmo formulou dúbidas sobre o futuro do proxecto ante o feito de que os seus responsables aínda non se puxeron en contacto cos propietarios dos terreos nos que se pretenden instalar.

Ante isto, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi preguntado este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta e na súa resposta non descartou que o Goberno galego aprobe expropiacións en favor da empresa e apelou a "non deixar pasar oportunidades" de instalación de novas industrias. 

Protestas durante a presentación dos representantes de Altri, este 20 de marzo

Segundo Rueda, ante "o impacto das industrias no territorio" hai que "ter moito respecto, diálogo e actitude pedagóxica con quen vive alí". O presidente asegura que a Xunta debe "respectar moitísimo a normativa" e que "xamais se autorizará algo que non cumpra estritamente todos os requisitos". Pero a continuación engadiu que "non podemos deixar pasar oportunidades que outros aproveitarán sempre e cando eses proxectos cumpran a normativa", idea na que insistiu en varias ocasións.

Rueda di que "a primeira obriga é tentar chegar a acordos voluntarios" para a compra dos terreos pero "non sería a primeira vez que houbera que acudir a outros procedementos"

Na súa primeira resposta Rueda evitou valorar a cuestión que se lle formulara sobre a propiedade dos terreos, ante o que foi repreguntado sobre se a Xunta contempla a posibilidade dunha expropiación se a veciñanza afectada se opón a vender. A súa resposta comezou pedindo tempo porque "o procedemento acaba de empezar". Pero despois admitiu que, aínda que "a primeira obriga é tentar chegar a acordos voluntarios" cos propietarios, "non sería a primeira vez que houbera que acudir a outros procedementos".

Plano da futura localización da planta de Altri en Palas de Rei © Altri

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.