Dende o inicio do seu apoio ao proxecto a través da sociedade público-privada que encabeza xunto a Abanca, a Xunta dixo estimar que, se chega a instalarse en Palas de Rei -inicialmente apuntara á Mariña-, a fábrica de celulosa de Altri tería "capacidade para xerar 2.500 empregos directos e indirectos". Así o repetiron diferentes responsables do Goberno galego durante os últimos anos.
A Xunta vén sostendo que Altri terá "capacidade para xerar 2.500 empregos directos e indirectos" coa factoría de Palas
Alén das diversas declaracións ao respecto, nos últimos días foi posible acceder á primeira documentación pública con datos reais sobre a factoría da compañía portuguesa, ao ser publicados pola Xunta dentro do trámite ambiental obrigatorio. Deses documentos é posible tirar, por exemplo, que Greenfiber, S.L. -a filial de Altri que leva adiante o proxecto en Galicia- prevé consumir tanta auga como Ence en Pontevedra nunha factoría que precisará o equivalente ao 20% do eucalipto que se corta en Galicia nun ano.
Neles, así como no anuncio da Consellería de Economía publicado no DOG para expoñelos, tamén figuran detalles de, por exemplo, as instalacións de depuración de augas que inclúen. É nese punto no que a plataforma Ulloa Viva, colectivo veciñal e ecoloxista que vén aglutinando boa parte da oposición a Altri na zona, recea das cifras de emprego prometidas. Porque, advirten, prevén que a fábrica teña que xestionar augas residuais sanitarias "para 200 persoas".
A documentación ambiental que está a tramitar a empresa indica que prevé ter que depurar 50 metros cúbicos diarios de augas residuais sanitarias, o que supón "200 habitantes equivalentes"
A referencia á que apunta Ulloa Viva inclúese no apartado dedicado ás verteduras de augas residuais dentro do devandito anuncio oficial. Por unha banda apunta ás augas residuais resultado "do proceso produtivo" pero por outro, ás "augas residuais sanitarias", isto é, á de servizos hixiénicos utilizados polo persoal como baños ou duchas. "Trataranse nunha estación depuradora de augas residuais compacta e modular cunha capacidade de 50 metros cúbicos ao día", isto é "200 habitantes equivalentes", indicador habitual no deseño deste tipo de instalacións de depuración.
Esta mesma estimación atópanse na documentación a exposición pública. Por exemplo, na páxina 35 dun dos tomos da súa proposta de autorización ambiental integrada. "A produción máxima de augas sanitarias da fábrica será de arredor de 50 metros cúbicos / día, que, considerando unha carga orgánica media, supoñen uns 200 habitantes equivalentes para depurar", indica.
Ulloa Viva di estar en condicións de afirmar que, con estes datos "reais e oficiais", queda claro o "engano" que suporía anunciar milleiros de postos de traballo. "Os anuncios na prensa nada teñen que ver co que ao final aparece no DOG", sinala Marta Gontá, voceira da plataforma, quen tamén lembra que "o director do proxecto de Altri en Palas, Bruno da Pena", expuxo o ano pasado "en varios medios de comunicación" que a fábrica vai xerar "500 empregos directos", afirmación que si se correspondería coas cifras de depuración indicadas para unha fábrica que traballe mediante quendas.
"Os veciños e veciñas non somos parvos e, malia á falta de transparencia e información, estamos tomando a molestia de ler polo miúdo un proxecto que nos afecta"
Gontá tamén pon o foco en que o anuncio no DOG reflicte tamén a estimación de augas residuais xeradas durante as obras, "cun caudal de 350 metros cúbicos ao día", traducidos nuns "1.500 habitantes equivalentes". Esa, di a empresa, sería a depuración necesaria para "augas sanitarias" e mais as "necesarias para as diferentes actividades da obra".
"Os veciños e veciñas non somos parvos e, malia á falta de transparencia e información, estamos tomando a molestia de ler polo miúdo un proxecto que nos afecta", sinalan dende Ulloa Viva. Por iso, agregan, Xunta e Concello de Palas, "que son os que deben velar polo noso benestar", deberan "deixar de mentirnos e desinformar". "Aínda están a tempo de volver ao sentido común", cre.