Altri dá un paso máis para a futura fábrica de fibras téxtiles que prevé en Palas de Rei. A Xunta vén de sacar a información pública o estudo de impacto ambiental do proxecto da empresa portuguesa, cun investimento previsto de máis de 900 millóns na súa primeira fase. A Secretaría Xeral de Industria, segundo informou o Diario Oficial de Galicia (DOG) este pasado luns, somete a exame público a solicitude de autorización ambiental integrada, o estudo de impacto ambiental e a súa declaración de utilidade pública.
A fábrica de fibras téxtiles de Altri prevé producir 400.000 toneladas de celulosa soluble e 200.000 de 'lyocell' ao ano
A documentación sometida a este trámite burocrático, e actualizada pola compañía, permite debullar algunhas das características desta iniciativa empresarial que foi declarada Proxecto Industrial Estratéxico (PEI) pola Xunta e cuxo obxectivo fundamental é a produción de 400.000 toneladas métricas de celulosa soluble, pasta secada ao aire materia prima para diversas fibras téxtiles, así como 200.000 toneladas ao ano de lyocell, tecido artificial e ecolóxico fabricado a partir de pasta de madeira. Nunha primeira fase, a produción sería de 250.000 toneladas anuais de celulosa e 60.000 de lyocell.
Altri precisa 1,2 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto ao ano, equivalente ao 20% do total de cortas desta especie en Galicia
Para levalo a cabo, e nesa fase 1, Altri utilizará como materia prima básica arredor de 1,2 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto (globulus e nitens) por ano. Esta cantidade suporía, aproximadamente, o 20% do total dos aproveitamentos forestais solicitados en Galicia anualmente, segundo os últimos datos, de 2022. Dúas de cada dez toneladas das cortas de eucalipto.
Ademais, e en canto ao consumo de auga da planta, a idea é pór en marcha un sistema de captación no encoro de Portodemouros, no municipio de Agolada, cun caudal de 46.000 metros cúbicos (46 millóns) por día, 31.000 para cubrir a demanda da celulosa soluble e 15.000 para o lyocell.
Serían, xa que logo, 535 litros por segundo de demanda máxima e 16 millóns de metros cúbicos por ano (16.000 millóns de litros), un consumo de auga semellante ao da celulosa Ence na ría de Pontevedra, que capta do río Lérez entre 12 e 17 millóns de metros cúbicos. Segundo denuncian entidades como Ecoloxistas en Acción, o consumo sería aínda superior en Altri que na pasteira pontevedresa.
"Unha factoría que precisará dun consumo diario de auga superior ao que consume toda a poboación de toda a provincia de Lugo no mesmo día. Auga que terá que obtela da cunca do río Ulla, que cada ano se ve máis diminuída e con maiores restricións de auga para o consumo humano", di Ecoloxistas en Acción.
Tendo en conta os datos de consumo de auga de Galicia —cos últimos datos publicados polo INE, de 2020—, o de Altri suporía case unha décima parte dos 177,8 millóns de metros cúbicos totais de auga rexistrada e distribuída en Galicia, tanto nos fogares, como nos diferentes sectores económicos e nos municipios.
O consumo de auga previsto na planta é de 16 millóns de metros cúbicos anuais, semellante ao de Ence, e arredor dunha décima parte de todo o consumo de Galicia nun ano
Xa logo de que Altri presentase en Augas de Galicia o proxecto, a asociación ecoloxista Adega cualificou a avaliación sobre a captación hídrica como "nesgada" por "non ter en conta todos os usos acumulados da bacía" ou por empregar como referencia do volume máximo do encoro "un valor non representativo para contrastar o que representa o caudal solicitado". A media da serie de datos é de 182,3 hm3, polo que o caudal solicitado supón un 9,2% sobre o encoro, unha cifra moi alarmante e lonxe dese 1% ou 2% que presenta a peticionaria", criticaba.
Greenfiber, nome do proxecto galego de Altri, explica que a obra de toma "consistirá nunha estrutura flotante sobre a que se instalarán as motobombas que eleven o caudal do encoro ata unha estación de bombeo en terra firme". "A tubaxe de impulsión terá unha lonxitude total de 12.530 metros cadrados, cun final en dous depósitos de formigón armando prefabricados, cunha capacidade de 2.500 metros cúbicos cada un e unha altura útil de 9,2 metros", di a empresa, que aclara que desde estes depósitos prevé "bombear a auga cara á planta de tratamento, obténdose as diferentes calidades de augas de proceso: auga industrial, auga osmotizada e auga desmineralizada para caldeiras".
Ademais, Altri advirte da creación de 2.500 empregos entre directos e indirectos e prevé ocupar en Palas de Rei unha superficie de 250 hectáreas con diferentes áreas, máis alá da fábrica de fibra téxtil a base de celulosa. Haberá unha zona de preparación de madeira, unha liña de fibra, instalacións de produción de enerxía eléctrica ou outra de secado. Tamén unha planta de recuperación e outra de manipulación, preparación e almacenamento de produtos químicos.
Prevese, ademais, unha planta de produción de oxíxeno ou outra de produción de ozono. Os principais elementos de combustión das instalacións serán: unha caldeira de recuperación de 500 MWt, outra de biomasa de 250 MWt, turboxeradores de 140 MW, un forno de cal de 45 MWt e unha caldeira de emerxencia de 35 MWt.
Ademais, Altri advirte que, aínda que a planta é "autosuficiente enerxeticamente de maneira xeral", prevese que para aqueles casos de oscilación natural da operación será necesaria unha conexión de 110MW para o que se considera a "construción dunha liña eléctrica de 220 kV para o abastecemento eléctrico da planta en situacións puntuais".
A iniciativa de Altri avanza logo de que nas últimas semanas vise como as súas negociacións co Ministerio de Industria para desbloquear a chegada de fondos e créditos europeos saísen adiante, despois de que quedase fóra dos Next Generation o pasado mes de xuño.