Durante o ano 2022 cortáronse nos montes galegos dez millóns e medio de metros cúbicos de madeira. Os datos que o IGE vén de actualizar, elaborados a partir das solicitudes de corta que xestiona a Consellería do Medio Rural, acreditan a tendencia á alza no sector despois da caída no primeiro ano da pandemia da COVID e, alén dos principais números das cortas, permiten tamén coñecer mellor as características socioeconómicas da persoas propietarias dos montes.
Durante o ano 2022 cortáronse dez millóns e medio de metros cúbicos de madeira, case a metade en parcelas de pensionistas
Malia existir unha certa tendencia á baixa dende 2019 -ano do inicio da serie estatística-, o perfil máis habitual entre a poboación que solicita cortas de madeira é o dunha persoa que percibe unha pensión contributiva da Seguridade Social. Seguen sendo practicamente a metade do total das persoas físicas que tramitan estas solicitudes (as persoas xurídicas son apenas o 2%) e polas súas mans pasa tamén case a metade da madeira cortada.
Concretamente, durante o ano 2022 o 48,6% das cortas foron solicitadas por estes pensionistas, que cortaron o 48,7% do total de madeira obtida dos montes do noso país. A súa media de idade é de 73,9 anos. Mentres, as persoas traballadoras en activo -afiliadas á Seguridade Social- representan algo máis do 36% de solicitantes e unha proporción similar da madeira cortada, cunha idade media de 51,2 anos. Por primeira vez, a estatística reflicte solicitudes formuladas por poboación parada, se ben representan apenas o 2% do total.
O 60%, eucalipto
No que atinxe ás especies cortadas, o eucalipto segue sendo o gran protagonista cun peso de practicamente o 60% de toda a madeira cortada. Ségueno as diversas especies de piñeiro, con algo menos dun 40%. Outras especies, como as frondosas, son residuais no rexistro total.
Ortigueira e A Coruña, 'líderes'
Territorialmente, o norte de Galicia segue concentrando o maior volume de madeira cortada, co concello de Ortigueira á cabeza. Na capital do Ortegal obtivéronse durante 2022 case 200.000 metros cúbicos de madeira. A continuación sitúase o concello do Pino, lindeiro a Santiago, con algo máis de 145.000 metros cúbicos, e o terceiro posto é para Lugo, en cuxa ampla contorna rural se cortaron case 140.000 metros cúbicos de madeira durante o ano 2022.
Ortigueira é o concello con máis madeira cortada e as solicitudes tramitadas dende a cidade da Coruña, as que suman un maior volume de aproveitamento forestal
Resulta significativo, non obstante, que o concello no que as solicitudes de corta suman un maior volume de madeira obtida non é ningún dos mencionados, senón a cidade da Coruña. Os permisos rexistrados dende este municipio suman case medio millón de metros cúbicos de leña, mentres que no seu territorio foron cortados apenas 6.000 metros cúbicos. Dende Lugo cidade, na segunda posición neste rexistro, as solicitudes de corta superan os 464.000 metros cúbicos de madeira, o que supón triplicar amplamente a madeira obtida dentro do propio termo municipal.
O contraste é aínda maior en Santiago. Poboación residente na capital galega tramitou durante 2022 solicitudes para cortar algo máis de 280.000 metros cúbicos de madeira, pero en parcelas situadas dentro do concello compostelán cortáronse uns 93.000 metros cúbicos. Carballo, Narón e Viveiro son os seguintes concellos nos que as solicitudes suman un maior volume de madeira cortada.
Malia estes contrastes, o certo é que os datos acreditan que, en xeral, as persoas solicitantes de cortas de madeira adoitan vivir relativamente preto do lugar onde se obtén a madeira. Sempre atendendo aos datos de 2022, algo máis do 79% da poboación que solicita cortar madeira vive na mesma comarca onde se atopa o recurso e dous terzos, no mesmo concello.