Montes no rural, propietarios nas cidades: residentes na Coruña, Lugo e Santiago encabezan as solicitudes de cortas de madeira

Madeira cortada nun monte galego e gráficos de evolución das cortas e os seus propietarios CC-BY-NC-SA Praza.gal

No ano 2021 solicitáronse 111 mil autorizacións para realizar aproveitamentos forestais. Nesas cortas obtivéronse case dez millóns de metros cúbicos de madeira. A maior parte do volume de madeira obtida correspondeu a eucalipto, que sumou máis da metade do total, moi por riba da cantidade procedente das distintas variedades de piñeiro

No ano 2021 solicitáronse en Galicia algo máis de 111 mil autorizacións para realizar aproveitamentos forestais. Nesas cortas obtivéronse case dez millóns de metros cúbicos de madeira, segundo os datos da Consellaría de Medio Rural que este venres publicou o Instituto Galego de Estatística. O volume dos aproveitamentos foi lixeiramente superior ao rexistrado no ano 2019, aínda que nas pequenas variacións puideron influír os efectos das restricións introducidas, sobre todo no ano 2020, por por da pandemia de COVID.

A maior parte do volume de madeira obtida correspondeu a eucalipto, que sumou máis da metade do total, moi por riba da cantidade procedente das distintas variedades de piñeiro. O resto de especies, coma as frondosas, sumaron volumes moi cativos, por debaixo de 400.000 metros cúbicos, sumando caducifolias e non caducifolias.

Ao redor da metade das solicitudes foron realizadas por persoas de máis de 65 anos 

Quen corta a madeira en Galicia? Quen solicita os permisos para os aproveitamentos forestais nos montes galegos? A estatística de Medio Rural revela que a maior parte das autorizacións son solicitadas por persoas físicas e que as cortas demandadas por persoas xurídicas só representan o 2% do total e supoñen, iso si, o 12% do volume. Dentro das persoas xurídicas a maior porcentaxe de cortas corresponde a montes veciñais. 

Seis de cada dez cortas son solicitadas por homes e as solicitudes proveñen maioritariamente de persoas de idade avanzada. De feito, ao redor da metade das solicitudes foron realizadas por persoas de máis de 65 anos e case o 83% corresponderon a persoas de máis de 50 anos.

A maior parte dos aproveitamentos forestais se levan a cabo nas provincias da Coruña (51%) e Lugo (38%)

E onde se realizan as cortas? Os datos de Medio Rural indican que a maior parte dos aproveitamentos forestais se levan a cabo nas provincias da Coruña (51%) e Lugo (38%), sendo moito máis cativas as porcentaxes en Pontevedra (9%) e Ourense, con apenas o 2% do volume total extraído. 

Ortigueira, A Fonsagrada, Oza-Cesuras, Carballo, Lugo, A Pontenova, Ourol, Arzúa, Mondoñedo e San Sadurniño son os dez concellos que sumaron no ano 2021 un maior volume de aproveitamentos forestais realizados nos seus termos municipais.

Ortigueira, A Fonsagrada, Oza-Cesuras, Carballo, Lugo, A Pontenova, Ourol, Arzúa, Mondoñedo e San Sadurniño son os dez concellos que sumaron no ano 2021 un maior volume de aproveitamentos forestais

Porén, o concello onde se realiza a corta e o concello de residencia da persoa solicitante non sempre coinciden. De feito, a localidade dende a que se elevaron máis solicitudes para realizar aproveitamentos forestais foi A Coruña, cun volume total que superou o medio millón de metros cúbicos de madeira. As cortas realizadas no propio termo municipal herculino apenas sumaron algo máis de 12 mil metros cúbicos.

Despois da Coruña, Lugo e Compostela foron os seguintes concellos cuxos residentes realizaron solicitudes de aproveitamentos forestais de maior importancia, nunha lista na que tamén aparecen Narón, Vigo e Ferrol entre os dez primeiros postos. Cómpre sinalar, iso si, que no termo municipal de Lugo si se levou a cabo un volume importante de cortas de madeira (117 mil metros cúbicos), inferior en todo caso ao resultado total das cortas realizadas polos seus residentes, máis de 419 mil.

No 67% das solicitudes o concello de residencia e a localidade onde se realizou a corta foron os mesmos

A estatística publicada polo IGE informa, en todo caso, que no 67% das solicitudes o concello de residencia e a localidade onde se realizou a corta foron os mesmos, sendo diferente no 33% do total. No 24% dos casos, ademais, tratouse dun concello distinto e, ademais, de carácter urbano. 

Os dous seguintes mapas permiten comprobar a distribución xeográfica dos aproveitamentos forestais, moi concentrados na metade norte de Galicia, especialmente no Ortegal, a Mariña, Bergantiños, a Terra Chá e A Fonsagrada.

A Coruña, Lugo e Santiago encabezan as solicitudes de corta. Narón, Ferrol e Vigo tamén aparecen entre os dez primeiros concellos

No segundo mapa, que representa a distribución xeográfica das autorización segundo o concello de residencia da persoa solicitante, destacan en cambio as cidades da Coruña, Lugo e Compostela, e gañan importancia Narón, Viveiro, Ferrol ou Vigo, ademais de manter datos elevados Ortigueira ou Fonsagrada, que encabezan as cortas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.