A lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia afronta xa os seus últimos pasos antes de ver a luz logo de que o pasado luns fose aprobado o seu ditame --coa abstención de BNG e PSdeG-- na Comisión de Agricultura do Parlamento, que acollerá nun pleno a semana que vén o debate para a súa aprobación definitiva.
Impulsada polo PP, e coa incorporación dunhas 200 emendas da oposición e un total de 250, entre as aceptadas, transaccionadas e subsumidas, esta lei clave para o futuro agrícola, forestal, climático e demográfico de Galicia entrará en vigor un mes despois da súa publicación no DOG. Incluirá medidas que non hai moito eran desdeñadas e ridiculizadas polos populares, como o reforzamento do Banco de Terras e a inclusión nel de leiras abandonadas, proposta que cando chegou do goberno bipartito o PP cualificara de "sovietización encuberta" ou "incautación" de terras.
A lei aposta pola a inclusión de leiras abandonadas no Banco de Terras, medida que o PP cualificaba de comunista cando a propuxo o goberno bipartito
O documento que chegará á Cámara inclúe varias propostas dos grupos nacionalista e socialista que modifican ou matizan a proposta inicial dos populares. Unha lei que marca como obxectivo fundamental "loitar contra o abandono e a infrautilización das terras, facilitando base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan", ademais de "anticiparse aos incendios e traballar, en definitiva, pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural".
Velaquí unha guía sobre como queda finalmente e o que supón a lei que pretende ser unha achega fundamental ao desenvolvemento rural e agrario en Galicia.
Dez anos para reclamar terras sen dono coñecido
Entre as emendas incluídas destaca a impulsada polo PSdeG e pola que se amplía de cinco a dez anos o prazo para que os donos de terras que no catastro figuran con propietario descoñecido poidan reclamalas antes de que pasen a mans da Administración, aínda que sempre baixo a propiedade da Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) que, en última instancia, podería cedelas ao concello onde se sitúen.
De confirmarse o descoñecemento do propietario dunha leira, pasaría a ser da Xunta e incorporada, como norma xeral, ao Banco de Terras
As pescudas sobre eses terreos sen dono coñecido poderán "ser iniciadas de oficio pola Agader, ben por iniciativa propia, por comunicación ou por denuncia". Ademais, e mentres a Xunta investiga a propiedade dunha parcela, esta poderá ser integrada "transitoriamente" no Banco de Terras como medida cautelar e a Agader será quen a xestione de maneira "provisional".
De aparecer a persoa titular, a Xunta instaríaa a facerse cargo da leira e das súas obrigas, pero se foi abandonada ou segue a descoñecerse o propietario, pasará a ser propiedade da Xunta a través da Agader --antes, pasaba ao patrimonio do Estado-- e, como norma xeral, incorporada finalmente ao Banco de Terras. "A xestión do predio pasará a rexerse polo réxime ordinario previsto para estes supostos e manterase ata a súa extinción a cesión de uso e aproveitamento que puider estar vixente", aclara o texto que será remitido ao Parlamento.
Abandono ou infrautilización de predios
Entre os procedementos de mobilización da terra agroforestal, establécese a posibilidade de declaración de abandono ou infrautilización de predios, que será iniciado de oficio polo órgano territorial competente onde radique o terreo, ben por iniciativa propia, por comunicación ou por denuncia.
Medio Rural elaborará o informe e a Agader unha proposta de resolución e o procedemento de declaración de abandono ou infrautilización deberá ser realizado no prazo dun ano.
Se a Xunta considera infrautilizado un predio, o propietario deberá aceptar a proposta de Agader, traballala segundo o ditaminado ou cedela a un terceiro
Unha vez rematado o proceso, a persoa afectada terá un prazo de quince días para alegar ou elixir algunha das seguintes opcións: no caso de declaración de abandono, comprometerse a respectar as condicións mínimas que lle comunicase a Agader na proposta remitida; no caso de declaración de infrautilización, comprometerse tamén á realización dunha práctica agroforestal axustada aos usos previstos no Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia, acreditar a cesión a un terceiro do uso e do aproveitamento do predio ou a solicitude da incorporación do terreo ao Banco de Terras logo da realización, á custa da persoa propietaria ou da titular dos usos, dos traballos de limpeza e mantemento nas condicións que establecese a Xunta.
Eucaliptos
A lei inclúe unha moratoria para a plantación de máis eucaliptos en determinadas zonas e circunstancias. A suspensión "transitoria" ten unha duración máxima de catro anos (ata o 31 de decembro de 2025) pero a data "poderá ser obxecto de revisión" atendendo aos datos do inventario forestal continuo de Galicia e á "revisión das medidas establecidas no Plan forestal de Galicia 2021-2040".
A moratoria aos eucaliptos permite as plantacións onde xa os houbese, as que estivesen en tramitación ou as que 'compensen' con outras especies
Este veto limítase a aquelas zonas nas que o eucalipto non fose plantado con anterioridade, aínda que son posibles as "repoboacións que, en superficie, sexan equivalentes a outras xa existentes e que teñan unha ocupación dominante de individuos do xénero Eucalyptus, e cuxos titulares decidan transformalas noutras formacións específicas, sexan masas de coníferas ou de frondosas caducifolias".
Esta nova superficie de repoboación "pertencerá ao mesmo titular e non poderá superar aquela que foi obxecto de transformación". É dicir, se un propietario decide substituír nos seus terreos o eucalipto por outras especies, a cambio poderá plantar unha superficie equivalente de eucalipto noutro lugar.
No caso das reforestacións "unicamente estarán permitidas cando a ocupación anterior do terreo obxecto da reforestación constituíse unha masa pura ou mixta dominante deste xénero".
Tal e como explica o texto da lei, entenderase por dominante aquela ocupación que, "dentro da mesma parcela catastral, supoña unha porcentaxe de pés maiores do xénero Eucalyptus superior ao 50 % do total da masa" considéranse pés maiores aqueles que presenten "un diámetro normal igual ou superior a 7,5 centímetros". No caso de que a ocupación do eucalipto sexa superior ao 50 % e inferior ao 80 % do total da masa, "será necesaria autorización previa emitida polo órgano territorial competente en materia de medio rural onde radique o monte ou terreo forestal".
Viveiros de eucalipto confirman o auxe nas plantacións nas semanas previas á aplicación da moratoria
Tamén se permitirán as plantacións cuxa solicitude de aprobación fose aprobada antes da aplicación da lei ou estivera en tramitación e o prazo para a plantación de eucalipto nestes casos finalizará aos 30 días da entrada en vigor desta lei.
Este último aspecto estaría provocando no último mes e medio un incremento nas plantacións de eucaliptos e na tramitación de solicitudes, polo que o anuncio da moratoria (adiantada polo conselleiro de Medio Rural a finais de febreiro) estaría xerando un "efecto chamada" que leva o eucalipto a zonas onde chegara anteriormente, como denunciaron ADEGA ou o Sindicato Labrego Galego e as forzas da oposición.
Dentro das excepcións inclúese tamén a posibilidade de solicitar autorización para as parcelas con eucaliptos que estean a ser xestionadas consonte a adhesión a modelos silvícolas orientativos para a produción de "madeira para serra, chapa ou bateas en quendas superiores a 25 anos".
Órganos de control
A lei incorpora tamén mecanismos de control impulsados pola oposición e obrigará a comprobar a utilidade da nova lexislación. Comporase de expertos na materia que analizarán os informes de control da xestión económico-financeira, proporá estratexias e analizará os recursos que poña a Xunta. Ademais, Agader deberá elaborar un plan de accion anual para recuperación agraria (obxectivos, orzamentos, recursos e previsión) e outro bianual coa avaliación do desenvolvemento da lei "que será exposto no Consello Forestal de Galicia e no Consello Agrario Galego, así como no Parlamento de Galicia".
Polígonos agroforestais
Esta figura ten por obxectivo "pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal".
O desenvolvemento destes polígonos agroforestais poderá efectuarse "mediante iniciativas públicas a través da Agader ou de iniciativas privadas por medio dun ou varios axentes promotores produtivos". En ambos os casos será necesario dispor do acordo das persoas titulares da superficie que represente, como mínimo, o 70 % das terras incluídas no perímetro proposto de polígono agroforestal, agás no caso dos polígonos cortalumes. Ademais, nestes polígonos agroforestais deberá existir "unha situación produtiva que permita presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal".
Do mesmo xeito, impulsaranse as agrupacións agroforestais de xestión conxunta, que poderán solicitar a declaración da utilidade pública e interese social da súa actuación e que "deberán dispor da xestión dunha superficie mínima de 10 hectáreas".
Aldeas modelo
Coas aldeas modelo, a Xunta procura "a recuperación da actividade económica e social dos terreos de antigo uso agrícola, gandeiro e forestal circundantes á aldea, e particularmente daqueles que se encontren en situación de abandono e infrautilización, así como dos núcleos incluídos nelas, co obxectivo de permitir a súa recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida da súa poboación".
Será a Agader quen coordine as actuación xunto cos concellos, consellerías e entidades competentes para, entre outros fins, "recuperar a capacidade agronómica do perímetro da aldea modelo, a rehabilitación e recuperación arquitectónica e urbanística do seu núcleo e a promoción do emprego".
O impulso ás aldeas modelo pretende recuperar o uso agrícola, gandeiro e forestal, a recuperación do núcleo e a promoción do emprego
A declaración de aldea modelo irá precedida da elaboración, por parte da Agader dun proxecto de ordenación produtiva con cultivos que "deberán desenvolverse sempre mediante métodos e técnicas de produción sustentable". Ademais, a Agader impulsará a creación dunha "rede de aldeas modelo de Galicia" como instrumento de colaboración para a posta en común de experiencias e información, a coordinación de producións e xeración de sinerxías, a promoción e posta en valor dos produtos procedentes destas aldeas e a consecución de estándares de excelencia polos produtos procedentes.
Ao tempo, a Xunta impulsará plans de dinamización do núcleo rural destas aldeas modelo, que inclúan programas de financiamento para a recuparación dos núcleos por parte dos propietarios, concellos ou entidades.
Os concellos interesados na declaración dunha aldea modelo no seu termo municipal deberán presentar unha solicitude acompañada dunha proposta de perímetro e da documentación que xustifique que dispón do acordo das persoas titulares dos dereitos de aproveitamento que alcancen o mínimo do 70 % da superficie do perímetro proposto. Ademias, as persoas donas das parcelas que se inclúen nestes proxectos para arrendalas "deberán asumir o permiso de entrada nelas para a realización das actuacións preparatorias necesarias para materializar a cesión e incluír adicionalmente un compromiso de incorporación das ditas parcelas ao Banco de Terras para a súa cesión por un período mínimo de dez anos".
Medidas fiscais e financeiras
A lei establece que a Xunta regulará os incentivos fiscais de incentivo á recuperación da terra agraria de Galicia adecuados nos impostos de carácter autonómico ou cedidos e que proporá medidas ao Estado naqueles da súa competencia.
Entre os obxectivos, establecer incentivos fiscais nos tributos estatais para promover o arrendamento das parcelas rústicas ao Banco de Terras, a transmisión ou arrendamento das parcelas rústicas que se incorporen aos polígonos agroforestais, ás agrupacións de xestión conxunta ou ás aldeas modelo, ao desenvolvemento destas agrupacións agroforestais de xestión conxunta ou ao impulso das permutas que se fagan en solo rústico e de especial interese agrario. Tamén, de xeito xeral, vantaxes para a mobilidade da terra mediante bonificacións nas compravendas ou cesións que eviten a tributación das rendas percibidas e os seus efectos negativos noutras rendas percibidas polas persoas propietarias.
Tamén se aposta por incentivos fiscais nos tributos estatais para o impulso da xestión forestal sustentable, nos tributos estatais para o impulso da competitividade das explotacións agrícolas e gandeiras ou para favorecer o asentamento da poboación no territorio rural.
Entre as medidas financeiras, a lei aposta por axudas públicas, liñas de créditos bonificadas ou préstamos garantidos cofinanciados por fondos estruturais ou de investimento europeos, así como a potenciación do investimento en terra agroforestal dentro dos plans de responsabilidade social corporativa das empresas. Tamén o impulso de vehículos de investimento ligados aos instrumentos de recuperación da terra agraria e contratos temporais de xestión pública para o caso das agrupacións de xestión conxunta.
A lei establece un réxime sancionador con multas que van desde os 600 euros ata os 6.000
Réxime sancionador
A lei establece tamén un réxime sancionador con multas que van desde os 600 euros ata os 6.000, dependendo da gravidade da infracción. Entre as graves e moi graves inclúense a ocupación de predios do Banco de Terras cando estean ocupados por aproveitamentos forestais, a realización de aproveitamentos distintos dos admitidos, a obstrución ou a negativa a facilitar as inspeccións ou a existencia de graves deficiencias ou o abandono por un axente promotor dun polígono agroforestal ou unha aldea modelo.
Ademais, ás persoas responsables de infraccións moi graves poderá aplicárselles a inhabilitación durante un período de dous anos para seren adxudicatarias en calquera concepto de predios incorporados ao Banco de Terras ou o comiso definitivo da madeira correspondente ás especies arbóreas retiradas pola Administración no caso de ocupación ilegal con aproveitamento forestal.