Adega e SLG alertan de que a moratoria do eucalipto anunciada pola Xunta provoca un "efecto chamada" con máis plantacións

Repoboación con eucaliptos realizada en Begonte © Adega

Na última semana de febreiro o conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou no Parlamento unha "suspensión temporal" da plantación do eucalipto nalgunhas zonas. Fíxoo no marco do debate sobre a revisión do plan forestal, aprobado entre críticas da oposición, e no que a moratoria prometida non foi incluída. En cambio, o PP si detallou a súa proposta a través dunha emenda á Lei de recuperación da terra agraria, presentada o pasado 5 de marzo

Denuncian que o anuncio "acelerou" plantacións de eucaliptos "tanto ilegais como legais" co obxectivo de "ocupar a máxima superficie posible con esta especie antes de que se faga efectiva a moratoria"

De aprobarse a moratoria no marco desta Lei de recuperación da terra agraria, esta tería unha duración máxima de catro anos (ata o 31 de decembro de 2025) e limitaríase a aquelas zonas nas que o eucalipto non fora plantado con anterioridade. Ademais, respectaríanse as plantacións cuxa solicitude de aprobación estivera en tramitación. A pesar de figurar por escrito nunha emenda parlamentaria, a moratoria non é aínda unha realidade. Porén, o seu anuncio podería estar xa provocando efectos, aínda que nun sentido contrario aos aparentemente proxectados. 

Segundo denuncian o Sindicato Labrego Galego e a asociación ecoloxista Adega, nos últimos días persoas propietarias de fincas que están a realizar "novas plantacións para eludir a moratoria mesmo en fincas de uso agrícola", intensificando e acelerando as plantacións de eucaliptos "tanto ilegais como legais para ocupar a máxima superficie posible con esta especie antes de que se faga efectiva a moratoria". 

Plantación de eucaliptos nunha zona de prado © SLG

Esixen ao Goberno galego que aplique a moratoria "de maneira inmediata, cun regulamento concreto e claro para o seu desenvolvemento, e con suficientes recursos para garantir o seu cumprimento"

As dúas organizacións denuncian que se está a producir un efecto "chamada" ou "rebote" e esixen ao Goberno galego que aplique a moratoria "de maneira inmediata, cun regulamento concreto e claro para o seu desenvolvemento, e con suficientes recursos para garantir o seu cumprimento". O SLG reclama "que se intensifiquen as tarefas de seguimento e control das plantacións ilegais (en terreos de uso agrícola, en parcelas poboadas por frondosas, en zonas de espazos protexidos, etc...)".

Adega alerta de que "as présas por repoboar son manifestas polo volume de traballo das empresas do sector que están traballando nas plantacións, ata de noite" e denuncia que o anuncio da Xunta non fixo máis que intensificar o proceso que se dá dende hai anos de substitución de pastos e masas de árbores autóctonas por eucaliptos.

"Moratoria ficticia"

Para Adega, a "moratoria ficticia" anunciada pola Xunta resulta "insuficiente se non se recuperan as terras ilegalmente ocupadas". "Non podemos esquecer que durante todos estes anos de desleixo por parte da Xunta, proliferaron no noso territorio unha inxente cantidade de plantacións ilegais de eucalipto que incumpren claramente a Lei de Montes, a Lei de prevención de incendios e a lexislación sobre os espazos naturais protexidos", lembra a organización ecoloxista.

Para Adega, a "moratoria ficticia" anunciada pola Xunta resulta "insuficiente se non se recuperan as terras ilegalmente ocupadas"

"Unha moratoria de novas plantacións non sería suficiente para restaurar ou reparar o dano exercido pola expansión descontrolada do eucalipto en Galiza. A Xunta debería promover medidas que permitisen recuperar os milleiros e milleiros de hectáreas que foron ilegalmente ocupadas por esta especie", sinala Adega.

Eucaliptos nunha zona arrasada polo lume © ADEGA

Mobilizacións este domingo

A Plataforma Por un Monte Galego con Futuro convoca este domingo 22 concentracións en demanda da paralización do Plan Forestal e da aplicación efectiva da moratoria

A Plataforma Por un Monte Galego con Futuro convoca este domingo 21 de marzo, coincidindo co Día Mundial da Árbore, unha mobilización ás 12 horas en demanda da paralización do Plan Forestal aprobado polo PP. En total, haberá 22 convocatorias en cidades e vilas galegas nas que, ademais, se reclamarán "medidas específicas, a través dun regulamento, para aplicar de maneira efectiva a anunciada moratoria do eucalipto, impedindo novas plantacións mediante o reforzamento das medidas de control e vixilancia e en defensa dun monte con futuro".

Para a plataforma, este plan "que responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado" non fai "máis que agravar a situación actual". Denuncia que o plan pon a ordenación dos usos do monte "en mans das empresas madeireiras e forestais e deixa de lado o interese xeral"; ademais, sinala que "fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras"

  • Betanzos, Praza de García Hermanos
  • Ferrol, diante do Edificio Administrativo da Xunta
  • Santiago de Compostela, Praza do Obradoiro
  • Melide, Xardíns do Cantón de San Roque
  • Lugo, diante do Edificio da Xunta
  • Becerreá, diante do Concello
  • Chantada, Praza do Cantón
  • Vilalba, Praza do Templete
  • Ourense, diante da Delegación Provincial do Medio Rural (será ás 11 horas)
  • Verín, diante do Concello
  • Xinzo de Limia, na Praza Maior
  • Vigo, sede da Xunta, praza da Estrela
  • Pontevedra, na Praza da Ferrería
  • Cangas, diante do Concello
  • Bueu, diante do Concello
  • Moaña, diante do Concello
  • Vilaboa, diante do Concello
  • Marín, diante do Concello
  • Vilagarcía, praza de Ravella
  • Cercedo-Cotobade, Praza do Concello
  • Tomiño, Praza do Seixo
  • Nigrán, Explanada de San Campio, A Ramallosa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.