BNG e PSdeG acusan á Xunta de falta de diálogo e consenso, de ausencia de análise e de favorecer o mantemento do actual monocultivo de eucalipto na maior parte de Galicia
O Parlamento aprobou este mércores cos votos do Partido Popular a revisión do Plan Forestal, que saíu adiante entre as críticas de BNG e PSdeG, que acusan á Xunta de falta de diálogo e consenso, de ausencia de análise e de favorecer o mantemento do actual monocultivo de eucalipto na maior parte de Galicia. Unha industria que foi defendida polas intervencións populares, que acusaron a nacionalistas e socialistas de estar "en guerra contra o eucalipto" e de desprezar aos milleiros de propietarios forestais existentes no país, para quen o cultivo e venda de madeira se converte "nun complemento" económico, especialmente importante no caso das persoas de idade avanzada con baixas pensións de xubilación, apuntou a deputada Elena Candia.
O martes o conselleiro de Medio Rural pechou a súa intervención anunciando unha "moratoria" nas novas plantacións de eucaliptos en determinadas zonas
Precisamente o eucalipto deu lugar o martes a un sorprendente xiro cando, sen ningún tipo de comunicación previa, o conselleiro de Medio Rural pechou a súa intervención anunciando unha "moratoria" nas novas plantacións de eucaliptos en determinadas zonas, propoñendo que "a Xunta de Galicia, da forma máis inmediata posible e co rango normativo necesario, regule unha suspensión temporal das novas plantacións de eucaliptos naquelas superficies nas que non se tiveran plantado ata o momento da suspensión. A superficie de eucalipto en Galicia non aumentará a partir desta suspensión". Con todo, o PP finalmente non incluíu a moratoria no plan forestal.
O anuncio foi recibido con escepcitismo polos grupos da oposición. "Agora temos que crer que de repente van facer o que non fixeron nos últimos 12 anos?", preguntouse o BNG
O anuncio foi recibido con escepcitismo polos grupos da oposición. Polo BNG, María Albert, puxo en dúbida o anuncio lanzado polo conselleiro de Medio Rural, preguntándose "por que non pararon a expansión do eucalipto ata agora". "Agora temos que crer que de repente van facer o que non fixeron nos últimos 12 anos?", preguntouse Albert, que lembrou que nos últimos anos o PP rexeitou apoiar moratorias e reducións na superficie ocupada polo eucalipto, como por exemplo a proposta presentada en 2018 pola ILP impulsada por Cousa de Raíces.
“No papel colle todo, até que presenten como proposta estrela unha moratoria, que non prohibición, que xa está en vigor a día de hoxe e que levan saltando polo arco do triunfo durante 12 anos incumpríndoa sistematicamente”, sinalou a deputada. Albert acusa o PP de que "este Plan Forestal está feito por e para a recepción de fondos dos PDR (Programas de Desenvolvemento Rural da UE) e co obxectivo último de poñer eses fondos europeos en mans do sector do eucalipto”.
"Este Plan Forestal está feito por e para a recepción de fondos europeos e co obxectivo último de poñelos en mans do sector do eucalipto”, denuncia o BNG
De igual xeito, Albert criticou que o plan inclúa unha falsa redución do 5% da superficie de eucalipto mesmo desenvolvéndose sen inventario forestal, é dicir, sen saber a superficie existente nestes momentos, reservándose ademais a posibilidade de aumentar ata un 3% a superficie do eucalipto no primeiro quinquenio do plan. O BNG reclamou a retirada do documento ata dispor dun inventario forestal actualizado e da apertura dun proceso participativo: "Van pasar dun plan, o de 1992, aprobado por unanimidade, a un que votan en solitario. Pregúntense por que”, dixo “Están a tempo de facer as cousas ben; escoiten a todas as voces do sector más aló dunha parte da industria; planifiquen, aínda que sexa por unha vez, máis aló do beneficio económico duns poucos e pensen non país”, concluíu Albert.
A medida, tal e como foi proposta polo goberno galego, supón “premiar ao que incumpriu a Lei plantando eucalipto onde non se podía –porque poderá seguir plantando- e castiga aos que non plantaron cumprindo a Lei –porque xa non poderán plantar máis-”, critica o PSdeG
O PSdeG, a través de Martín Seco, pediu un "plan forestal serio e rigoroso" e cualificou de "ocorrencia" a proposta do conselleiro, ao que acusaron de propoñer "o contrario do que propoñía antonte", buscando unicamente "un titular de prensa". Os socialistas reclamaron que o PP "volva ao consenso do ano 2018, que prevía unha planificación forestal imprescindible para dous terzos do territorio e que foi incumprido polo Goberno galego". Seco explicou que a medida, tal e como foi proposta polo goberno galego, supón “premiar ao que incumpriu a Lei plantando eucalipto onde non se podía –porque poderá seguir plantando- e castiga aos que non plantaron cumprindo a Lei –porque xa non poderán plantar máis-”.
"O problema do plan forestal non está só no eucalipto, senón que está na falta de diagnose, de participación, de planificación e de rigor técnico na elaboración do plan", dixo Seco
Para os socialistas, ademais, "o problema do plan forestal non está só no eucalipto, senón que está na falta de diagnose, de participación, de planificación e de rigor técnico na elaboración do plan". Seco criticou que “é un documento dunha calidade deficiente, que non analiza a situación do noso monte, que non da solución aos problemas nin planifica o futuro”, e que foi elaborado "facendo caso omiso dos colexios oficiais de Enxeñeiros, organizacións ecoloxistas ou gandeiros e agricultores".
Fronte ás declaracións dos deputados do Partido Popular, que destacaron que se trata dun plan que conta cun gran consenso, Martín Seco apuntou que "é coma se un PXOM nun concello fose elaborado co consenso das empresas que se dedican á promoción inmobiliaria e sen contar coa opinión das asociacións de veciños".
O plan forestal de 1992 que se está a revisar foi concibido para ter unha duración de 40 anos e nas últimas décadas foi constantemente incumprido por parte do Goberno galego
O plan forestal de 1992, que se está a revisar, foi concibido para ter unha duración de 40 anos e nas últimas décadas foi constantemente incumprido por parte do Goberno galego, segundo constatou o Consello de Contas, e a Xunta aínda non foi quen de rematar o proceso de actualización do mesmo que iniciou en 2016. A expansión do eucalipto e doutras masas forestais foi en paralelo coa diminución da superficie dedicada a terras de cultivo en Galicia, que descendeu 35.000 hectáreas na última década.