Nos últimos días, por mor da situación excepcional que se está a vivir a consecuencia da pandemia do coronavirus, moitos ollos están a xirar cara á produción de alimentos e o abastecemento da poboación. Son moitos os sectores que están salientando o incremento de pedidos, unha situación que pode ser conxuntural, relacionada co compulsivo aprovisionamento levado a cabo por moitos consumidores, pero que revela a importancia das producións agrarias para o sostemento da sociedade.
Galicia é coñecida pola riqueza natural das súas terras e das súas producións agropecuarias. Con todo, nas últimas décadas cada vez é menor a superficie dedicada a terras de cultivo, un espazo que vén sendo ocupado por outras actividades, entre elas as plantacións forestais.
A superficie agraria perdida dende o 2008 equivale a case 50.000 campos de fútbol ou á superficie total dos concellos de Vigo, Pontevedra, A Coruña e Ferrol
Así o levan denunciando dende hai anos organizacións coma o Sindicato Labrego Galego, que aínda o pasado ano afirmaba que "a Xunta segue consentindo as forestacións ilegais de terras agrarias con total impunidade". De igual xeito, Margarida Prieto (Coordinadora do SLG na Terra Cha) subliñaba en 2017 en conversa con Praza.gal que "dende o SLG levamos anos denunciando o acaparamento de terras agrarias que se está dando por parte de grandes empresas, xa sexan as mineiras, ben sexa para a plantación de eucaliptos, ben sexan os eólicos".
A Xunta segue consentindo as forestacións ilegais de terras agrarias con total impunidade", denunciaba o pasado ano o SLG
A realidade é que a superficie total das terras agrarias en Galicia descende ano a ano. As últimas cifras, correspondentes ao ano 2018, fixan a cifra nas 440.380 hectáreas, 35.000 menos que hai unha década, o ano 2008, cando as terras de cultivo sumaban 475.560 hectáreas. Estas 35.000 hectáreas menos equivalen a case 50.000 veces as dimensións dos campo de fútbol de Balaídos ou Riazor ou á superficie sumada dos concellos de Vigo, Pontevedra, A Coruña e Ferrol.
A superficie dedicada a 'cultivos herbáceos' foi a que máis descendeu, nunhas 29.000 hectáreas. Os 'cultivos leñosos' incrementaron lixeiramente a súa superficie, en mil hectáreas. As 'outras terras de cultivo' caeron en sete mil hectáreas.
Nestes dez anos tamén caeu o espazo dedicado a prados e pasteiros, mentres que medrou en 41.000 hectáreas a superficie forestal
Nestes dez anos nos que a superficie total das terras de cultivo descendeu notablemente, a superficie dedicada a prados e pasteiros tamén caeu en 14.000 hectáreas. Pola contra, a superficie forestal incrementouse en 41.000 hectáreas, superando o 60% da superficie total. As terras agrupadas en 'outras superficies' (unha categoría na que entran augas interiores, baldío, improdutivo, urbano e comunicacións) medraron en 11.000 hectáreas.
Hai dous anos a Xunta presentou os contidos da primeira revisión do Plan Forestal de 1992, un documento que traza o futuro do monte galego para os vindeiros 20 anos. O Goberno galego prevé que continúe incrementándose a superficie ocupada por masas de eucalipto (unhas 25 mil hectáreas máis que na actualidade). Tamén o fai o espazo dedicado a frondosas caducifolias e castiñeiros (59 mil hectáreas máis) e, de forma moi importante, a superficie destinado ao piñeiro, que crece en case cen mil hectáreas. A superficie total ocupada por masas de eucaliptos (como única especie ou mesturada con outras) pasou das 258 mil hectáreas de 1986 ás 454 mil da actualidade.
Este mércores o conselleiro do Medio Rural destacou que "a posta en valor das terras abandonadas aptas para cultivos ou prados suporía a creación de máis de 15.000 empregos en actividade agrícola, gandeira e forestal”
Este mesmo mércores, o conselleiro do Medio Rural, José González, afirmou que "a posta en valor das terras abandonadas aptas para cultivos ou prados suporía para a economía galega a creación de máis de 15.000 empregos (entre directos e inducidos) baseados en actividade agrícola, gandeira e forestal”. O conselleiro destacou as posibilidades que ofrecen as ferramentas de mobilización que contempla a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria, entre as que salientou os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupacións de xestión forestal conxunta e as permutas de especial interese agrario.
Destaca o caso da Terra Chá, que viu desaparecer o 19% das súas terras agrarias, perdendo máis de oito mil hectáreas en só dez anos
A evolución seguida dos últimos anos pola superficie ocupada polas terras de cultivo non foi a mesma en todo o país, con comarcas que sufriron un descenso moito máis importante e unhas poucas áreas nas que o espazo das terras agrarias se incrementou, aínda que de forma tímida.
Destaca, nomeadamente, o caso da Terra Chá, que viu desaparecer o 19% das súas terras agrarias, perdendo máis de oito mil hectáreas en só dez anos. Tamén Deza, Bergantiños ou Chantada, con descensos de entre 2.000 e 3.000 hectáreas, unha caída do 10%. Destacan igualmente os descensos que tiveron lugar en comarcas urbanas, como Lugo ou Santiago (-9%) e tamén en Ferrol (-27%) ou Vigo (-13,5%).
Tamén Deza, Bergantiños ou Chantada, con descensos de entre 2.000 e 3.000 hectáreas. Destacan igualmente as caídas que tiveron lugar en comarcas urbanas como Lugo ou Santiago
A Mariña Oriental, A Limia, Terra de Lemos ou Ordes perderon máis mil hectáreas. E a Mariña Central, Eume, A Ulloa ou A Barcala achéganse a esa cifra.
No outro extremo aparecen 11 comarcas que viron incrementada a súa superficie agraria. Entre elas destaca sobre todo a Terra de Melide (+11%) e tamén Arzúa, Xallas, Valdeorras e Sar, con incrementos significativos.