“A revisión do Plan forestal debuxa con valentía e xenerosidade un modelo claro de futuro para o monte galego”. O director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, presentou este martes no Parlamento os principais contidos da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia de 1992, un documento que traza o futuro do monte galego para os vindeiros 20 anos de forma “valente e xenerosa coa produción sustentable de madeira", destacou Fernández-Couto.
Na súa comparecencia, Fernández-Couto afirmou que o plan da Xunta "controla" a expansión do eucalipto “sen demonizalo”
Entre os elementos que máis chamaron a atención do texto está o feito de que o Goberno galego prevé que continúe incrementándose a superficie ocupada por masas de eucalipto (unhas 25 mil hectáreas máis que na actualidade). Tamén o fai o espazo dedicado a frondosas caducifolias e castiñeiros (59 mil hectáreas máis) e, de forma moi importante, a superficie destinado ao piñeiro, que crece en case cen mil hectáreas. Diminúe, pola contra, o espazo de prados, matogueiras e arborado ralo, que pasará das 622.720 hectáreas actuais a unhas 496.831.
Na súa comparecencia, Fernández-Couto afirmou que o plan da Xunta "controla" a expansión do eucalipto “sen demonizalo” porque xera "un volume de rendas importantes para un sector relevante da poboación galega". Este control significa un aumento de 25.000 hectáreas (un 8%), que lle dá continuidade ao incremento xa rexistrado nas últimas décadas e que nos vindeiros anos tería como protagonista á variedade nitens, máis resistente ao frío e ao vento.
A presentación da Xunta coincidiu coa publicación do ditame da Comisión Científica do Ministerio, que recomenda a inclusión do eucalipto no Catálogo de Especies Invasoras
A presentación da Xunta coincidiu coa publicación do ditame da Comisión Científica do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente, que recomenda a inclusión do eucalipto no Catálogo Estatal de Especies Exóticas e Invasoras, controlar calquera nova plantación e realizar "medidas de erradicación antes de que se produza a invasión, sempre que se observe naturalización. "A que agardan Xunta a Ministerio para incluír o eucalipto no Catálogo e comezar a erradicalo?", pregúntase ADEGA nun comunicado. E, de igual xeito, o biólogo ambiental Xabier Vázquez Pumariño subliña nun artigo que "a partir de hoxe, calquera actuación da Xunta de Galicia ou outras administracións do Estado que vaia en contra do ditame estará cometendo unha prevaricación clara. Retirará hoxe mesmo a Xunta de Galicia a súa revisión do plan forestal?".
O plan da Xunta prevé que Galicia continúe incrementando a súa superficie arborada, que nas últimas décadas xa veu experimentando un crecemento moi importante. Se no Mapa Forestal de 1986 a superficie total era de algo menos dun millón de hectáreas, na actualidade a cifra rolda os 1,4 millóns e no 2038 podería superar os 1,5 millóns.
A superficie total ocupada por masas de eucaliptos (como única especie ou mesturada con outras) pasou das 258 mil hectáreas de 1986 ás 454 mil da actualidade
O aumento deuse en todas as especies: por exemplo as caducifolias pasaron de 200 mil hectáreas en 1986 a 412 mil en 2017 e a Xunta prevé un incremento ata as 472 mil no 2038. Con todo, o crecemento máis importante produciuse na superficie ocupada polo eucalipto: en 1986 as masas puras desta especie só sumaban 36.384 hectáreas (máis outras 222.062 en masas mesturadas con outras árbores), en 2011 a superficie de masas puras xa se situara nas 174.210 hectáreas (mantendo as 222.000 hectáreas en masas mixtas), en 2017 as masas puras xa suman 307.984 hectáreas (máis 145.932 en masas mesturadas) e para o 2038 as masas puras previstas pola Xunta aínda aumentarán un pouco máis, ao tempo que diminúen as masas mixtas.
A superficie total ocupada por masas de eucaliptos (como única especie ou mesturada con outras) pasou das 258 mil hectáreas de 1986 ás 454 mil da actualidade. , Cómpre tomar estes datos con precaución, á hora de comparar as cifras duns anos e outros, dada a diferente metodoloxía empregada en cada estudo. En todo caso, a multiplicacion da presenza do eucalipto, hectáreas arriba ou abaixo, é clara (e ademais evidente á vista).
A superficie ocupada por eucaliptos e piñeiros sumaría 855 mil hectáreas, 974 mil se lle sumamos as masas mixtas que comparten con frondosas, o 63,4% da superficie arborada total. E o 48% da superficie total do monte galego
Agora, o Goberno galego prevé un notable incremento da superficie ocupada por piñeiros, que crecería en case 100 mil hectáreas. "Os piñeiros, por moito que pechemos os ollos ao problema, teñen unha problemática asociada só lixeiramente menos grave que a dos eucaliptos", lembra Xabier Vázquez Pumariño neste artigo. En conxunto, a superficie ocupada por eucaliptos e piñeiros sumaría 855 mil hectáreas, 974 mil se lle engadimos as masas mixtas que comparten con frondosas. Isto representaría o 63,4% da superficie arborada total. E o 48% da superficie total do monte galego.