0 Gardados para despois

Xabier Vázquez Pumariño

Bomba forestal

No prazo dunhas horas acumúlanse novas estreitamente relacionadas que en conxunto veñen a aclarar o panorama territorial en Galicia.

A trama/mafia non sería un grupo de desaliñados, mirada torba e chisqueiro rápido senón de traxeados señores que se deslizan con habilidade á vista de quen queira mirar por selectos despachos e empregan como órgano de comunicación oficial, o DOG

Por unha parte, a Fiscalía de medio ambiente rexeita, unha vez máis, que exista unha trama, mafia ou organización terrorista que plante os lumes. Compre dicir que xa no magnífico Informe sobre investigación de incendios forestales en Galicia. Verano 2006 a Garda Civil descartaba a existencia destas tramas/mafias. Pero en outubro do pasado 2017 mentres a metade de Galicia e o norte de Portugal era incinerados tanto o Presidente Feijoo como o Delegado do Goberno de Galicia apuntaban á ficticia trama/mafia tal e como fixera no seu día o bipartito ou a administración de Fraga. Ignorancia, manipulación ou ambas cousas simultaneamente?

Agora ben, como xa se leva apuntando dende hai moito a trama/mafia non sería un grupo de desaliñados, mirada torba e chisqueiro rápido senón de traxeados señores que se deslizan con habilidade á vista de quen queira mirar por selectos despachos e empregan como órgano de comunicación oficial, o DOG. A Xunta de Galicia é o brazo executor dos desexos dun pequeno feixe de empresas, o apoio magister dixit de titulados das universidades galegas e o favor de varios medios de propaganda, antes coñecidos como medios de comunicación. Non hai misterio ningún.

Incrementaría nunhas 50.000 hectáreas a superficie de piñeiros. Os piñeiros, por moito que pechemos os ollos ao problema, teñen unha problemática asociada só lixeiramente menos grave que a dos eucaliptos

O último comunicado desta metafórica trama/mafia témolo mesmo na web do Parlamento de Galicia. Trátase dun Plan Forestal (sic) que subirá nun 8% a superficie do eucalipto en 20 anos  (25.000 hectáreas) que pasaría a ocupar un total de case 333.000 hectáreas. Pero aínda hai máis, incrementaría nunhas 50.000 hectáreas a superficie de piñeiros. Os piñeiros, por moito que pechemos os ollos ao problema, teñen unha problemática asociada só lixeiramente menos grave que a dos eucaliptos. E dicir, imos incinerar o futuro de xeito máis que transparente. Quero isto dicir que cando ardan estas hectáreas no futuro, entre os 10 e 20 anos seguintes aos da súa plantación debermos buscar os culpables no DOG de 2018. Polo medio perderemos biodiversidade, paisaxe, posibilidades de actividades económicas alternativas, chan, calidade dos medios acuáticos, dispoñibilidade de auga, perdas nas rías, sumidoiros de CO2, millóns de euros para apagarlles o lume a estas empresas e aos propietarios e posiblemente vidas humanas.

No mesmo plan dise que se van estender as superficies de frondosas. Non deixa de ser un despropósito máis. Non é o mesmo estender frondosas que ter bosques. Os bosques en Galicia, ao contrario que di a propaganda oficial e a ignorancia popular, son moi escasos

No mesmo plan dise que se van estender as superficies de frondosas. Non deixa de ser un despropósito máis. Non é o mesmo estender frondosas que ter bosques. Os bosques en Galicia, ao contrario que di a propaganda oficial e a ignorancia popular, son moi escasos. Para ter bosques deberamos protexer os que xa temos, incluso aqueles que son moi pequenos, incluso aquelas árbores que conforman lindes que poden actuar como xermolo de superficies maiores. Pero tamén deberamos protexer o monte baixo pois é nel onde a vexetación segue o seu curso natural para chegar a ser un bosque. Pero é xustamente nas superficies de monte baixo onde eucaliptos e piñeiros son plantados. Un didáctico exemplo á vista de todo o mundo é precisamente o denominado bosque de Galicia (sic), unha superficie onde había un prebosque e agora hai un triste cultivo que dificilmente cumprirá as funcións ecolóxicas dun bosque. Iso si, un bo grupo de xente gañou cartos drenados do sistema público a petos privados. Mesmo hai unhas semanas que anunciaban (no DOG, que ironía) a desprotección dunha especie autóctona e pioneira, característica das orlas dos bosques, o acivro.

Ao mesmo tempo a Xunta de Galicia pecha as consultas para a elaboración dunha estratexia contra o cambio climático e o Goberno de España presenta uns orzamentos nos que a partida para a loita contra o mesmo caen drasticamente. Xusto cando coñecemos unha nova publicación científica que pon de manifesto como os bosques maduros contribúen ao almacenamento de CO2 atmosférico e como podemos estragalo con diferentes actuacións; pódese resumir nunha frase: deixade o carbono nos bosques!

A partir de hoxe, calquera actuación da Xunta de Galicia ou outras administracións do Estado que vaia en contra do ditame estará cometendo unha prevaricación clara. Retirará hoxe mesmo a Xunta de Galicia a súa revisión do plan forestal?

Mentres coñeciamos que o Comité Científico de Flora e Fauna Silvestre do Ministerio de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente recomenda a inclusión das especies do xénero Eucalyptus no Catálogo Estatal de Especies Exóticas e Invasoras, faino ademais por unanimidade e ofrece unha boa recompilación bibliográfica sobre a que sostén a súa petición. O ditame nace dunha consulta realizada polo Concello de Teo ao que, sen dúbida, temos que felicitar e agradecerlle o traballo realizado. Non é que o mundo da ciencia descoñecera que os eucaliptos son especies exóticas e invasoras, sábese perfectamente pero non fora antes posto de manifesto por un organismo científico oficial para todas as especies do xénero en España. Nas Universidades, tamén nas galegas, hai xente que leva anos facendo propaganda do contrario e, inda que pareza incrible, mesmo o discurso chegou a calar en determinadas organizacións antes-coñecidas-como-ecoloxistas, algunhas de gran tradición e mesmo dimensión internacional, que ben se pode resumir nese "non hai que demonizar ningunha especie" que ven a ser un "eu non me meto moito contigo e mentres seguimos a saír nos medios de comunicación e o equipo técnico segue a cobrar unha paguiña a final de mes".

Incluír estas especies no Catálogo de invasoras suporía, idealmente, non permitir a súa plantación e comezar a erradicalas do medio. Vaise facer? En calquera caso, a evidencia científica é aplastante. Ninguén debera estar en condicións de negala ou ignorala. Neste senso, a partir de hoxe, calquera actuación da Xunta de Galicia ou outras administracións do Estado que vaia en contra do ditame estará cometendo unha prevaricación clara. Retirará hoxe mesmo a Xunta de Galicia a súa revisión do plan forestal?

Publicidade

{C}{C}{C}{C}

Acerca de Xabier Vázquez Pumariño

Xabier Vázquez Pumariño (Lugo, 1969) é biólogo ambiental. Vencellado ao movemento ecoloxista dende principios dos 80 traballa como consultor ambiental dende Santiago de Compostela en diferentes eidos, dende a ornitoloxía ao desenvolvemento sostible e a cooperación ao desenvolvemento en diferentes países latinoamericanos