A Lei de Montes de Galicia apróbase para regular unha actividade que xenera o 3,5% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia, de xeito que se poida aproveitar mellor. Así a entende, polo menos, a Xunta de Galicia, que introduciu notables variacións no anteproxecto debido á presión de colectivos sociais, organizacións agrarias ou sindicais. Non obstante, segue aberta a fiestra para a forestación de terreos agrícolas. Iso si, os terreos en man común recuperan a súa condición de inalienables, algo que non estaba incluído no primeiro borrador da lei. A Xunta rebaixará, asimesmo, a distancia mínima entre o monte e as vivendas, lugares de acampada ou instalacións empresariais.
O Goberno galego entende esta lei como como unha vía legal que vai servir “para sacar o máximo partido económico e social” aos montes galegos. “Despois de décadas sen desenvolvemento normativo propio, hoxe estamos cumprindo o obxectivo de lexislatura de presentar o primeiro texto dunha lei de montes que entrará no Parlamento”, dixo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao remate do Consello da Xunta. Para el é “unha fonte de riqueza e de oportunidades” e non "unha fonte de problemas". Dentro desas oportunidades está a da forestación, algo ao que se opoñen frontalmente desde o Sindicato Labrego, que emitiu un voto particular ao ditame do Consello Económico e Social sobre este mesmo marco normativo.
Hai 500.000 hectáreas abandonadas en Galicia. E non como pasto para as vacas, senón para "o lume" e a forestación
Iso si, estará limitado (sempre e cando se respecte o negociado co sector e a lei inclúa a versión do último anteproxecto, do mes de novembro). A versión inicial, que foi sobre a cal a CIG emitiu un voto particular no CES, dicía o seguinte sobre a posibilidade de forestar terreos agrícolas (art. 61): "Só" se poderán forestar "os terreos agrícolas que non formen parte dun banco de terras agrarias ou instrumento semellante". A este respecto, e tal e como aparecía no anteproxecto, o artigo 62 falaba de "forestacións [...] en solo rústico de especial protección agropecuaria". Estas "requirirán autorización da Administración forestal, previo informe preceptivo e vinculante da dirección xeral correspondente da consellería competente en materia agropecuaria".
A Xunta rebaixará a distancia mínima entre o monte e as vivendas, lugares de acampada ou instalacións empresariais
O cambio introduciuse no artigo 61 do anteproxecto, agora lei. "Somentes os terreos rústicos de uso agrícola en estado de manifesto abandono e que estiveran adscritos a un banco de terras agrarias ou instrumento semellante por un período de polo menos dous anos, poderán forestarse previa comunicación á Administración forestal". Esta nova consideración, introducida posteriormente, non contenta a todos os sectores. Os sindicatos do agro insisten en que a forestación non é unha boa opción, máis tendo en conta que se importan anualmente 600 millóns en alimentos ou que se perderon 15.000 empregos desta área do primeiro sector. Pero, sobre todo, que hai 500.000 hectáreas abandonadas en Galicia. E non como pasto para as vacas, senón para "o lume" (como pensan en UUAA ou no SLG) e, agora, para a plantación de árbores.
As plantacións para froito de nogueiras, cerdeiras, castiñeiros ou "especies semellantes", non se considerarán como forestacións e, polo tanto, "non suporán un cambio de actividade independentemente se realicen nun terreo forestal ou agrícola", inclúe a norma.