A complicidade da meteoroloxía. Foi a axuda coa que contaron este mércores os máis de cen delegados dos estaleiros e auxiliares de Ferrol e Fene nunha marcha pola supervivencia dun sector estratéxico para Galicia. O naval camiña en terra e pisa dique seco. No norte e no sur de Galicia, nos estaleiros civís e públicos, os traballadores se moven para reclamar a acción do Goberno galego fronte a unha situación "límite". A marcha dos empregados do naval de Ferrolterra culminará este xoves cunha "masiva manifestación, á que se sumarán os traballadores dos estaleiros públicos, e que está prevista para as 10:30 horas dende os arredores do estadio de San Lázaro até o complexo administrativo de San Caetano", informa a CIG.
Este mes houbo xa máis de 200 despedimentos nas empresas do sector na comarca de Ferrolterra
En declaracións a Praza, Emilio Juanatey, un dos participantes da marcha, asegurou que os ánimos eran "bos". "Tivemos bo día, que é algo", apuntou. "A xente o vai levando o mellor posible" malia que, lamenta, "para moitos compañeiros é tarde". Este mes houbo xa máis de 200 despedimentos nas empresas do sector na comarca de Ferrolterra, "e os que virán despois". Como xa indicou este diario, a escasa carga de traballo garantiza un pouco de oxíxeno algúns traballadores. "Pero despois de verán xa non sabemos".
“A xente está moi animada e facendo un grande esforzo. Non pensamos que tantos compañeiros continuasen na marcha a pé despois do esgotamento físico do primeiro día", indicou Manuel Grandal, portavoz da CIG naval na comarca. "A mensaxe para os gobernos resulta nítida: xa non caben as escusas. O sector naval da comarca quere futuro e para iso precisa do cumprimento dos compromisos adquiridos".
O dique flotante é básico para que os estaleiros poidan seguir no mercado de reparación de buques de grande porte
Dique flotante
Os traballadores dos estaleiros e das firmas auxiliares reclaman ao Goberno galego que interceda en Madrid para lograr o financiamento do dique flotante, infraestrutura "para que os estaleiros poidan seguir no mercado de reparación de buques de grande porte e como medio para dotar de carga de traballo inmediata ao sector de aceiros", repetiu o sindicato nacionalista. Amais desta medida, os empregados reclaman a acción administrativa para lograr carga de traballo.
"Ferrolterra era unha comarca de mariñeiros que medrou grazas á construción naval"
Juanatey engadiu que a negociación para un novo sistema de financiamento (ante a suspensión do tax lease) non afecta ás empresas de Ferrolterra. Nese sentido, o apoio de Mariano Rajoy para lograr un novo tax lease, garantizado tras unha pregunta de Francisco Jorquera (BNG) no Congreso, non é relevante. "Nós traballamos para os Estados", indicou. "E precisamos unha saída urxente. Ferrolterra era unha comarca de mariñeiros que medrou grazas á construción naval".