O pasado martes 23 de febreiro, na primeira xornada do debate parlamentario sobre a revisión do plan forestal, o o conselleiro de Medio Rural, José González, pechou a súa intervención anunciando unha "suspensión temporal" nas novas plantacións de eucaliptos en determinadas zonas, en concreto naquelas superficies nas que esta especie non fora plantada previamente. Ao día seguinte o PP aprobou en solitario a revisión do plan entre críticas da oposición e sen incluír esta moratoria no texto aprobado.
Este xoves o PP introduciu unha emenda á Lei de recuperación da terra agraria que inclúe unha proposta de suspensión temporal de plantacións de eucalipto en determinados supostos e espazos e ata o 31 de decembro de 2025
Posteriormente, o presidente da Xunta reiterou a proposta, en termos semellantes, explicando a Xunta que "os propietarios de montes de plantacións legais de eucaliptos poderán seguir traballando con normalidade e replantar con esta especie" pero que nos terreos que non estean dedicados ao eucalipto neste momento, o Goberno galego pedirá que non se planten “porque esa madeira cada vez valerá menos e porque non podemos permitírnolo desde o punto de vista do ecosistema", apuntou Núñez Feijóo. Este xoves, na rolda de prensa posterior ao Consello de Xunta, o presidente anunciou que o PP ía introducir estas propostas como unha emenda á Lei de recuperación da terra agraria, que está a tramitar o Parlamento galego.
En efecto, este xoves pola tarde, pouco antes de que se prechase o prazo para a incorporación de emendas ao texto lexislativo proposto polo PP, o propio Partido Popular introduciu unha nova emenda que inclúe unha proposta de suspensión temporal de plantacións de eucalipto en determinados supostos e espazos e ata o 31 de decembro de 2025.
Permitiranse as plantacións de eucalipto que xa estiveran en tramitación ou as que 'compensen' a substitución desta especie por outras
O texto indica que "con carácter transitorio, ata o 31 de decembro de 2025, só estarán permitidas as repoboacións con especies do xénero Eucalyptus" nunha serie de casos. A primeira excepción refírese ás "repoboacións previstas en instrumentos de ordenación ou xestión forestal que foran aprobados pola administración forestal antes da entrada en vigor desta disposición" ou cuxa solicitude de aprobación "atopárase en tramitación con anterioridade á entrada en vigor desta disposición".
Tamén se poderá plantar eucaliptos a través de "repoboacións que, en superficie, sexan equivalentes a outras xa existentes e que teñan unha ocupación dominante de individuos do xénero Eucalyptus, e cuxos titulares decidan transformalas noutras formacións específicas, sexan masas de coníferas ou de frondosas caducifolias". É dicir, se un propietario decide substituír nos seus terreos o eucalipto por outras especies, a cambio poderá plantar unha superficie equivalente de eucalipto noutro lugar.
Poderá plantarse máis eucalipto naquelas zonas nas que xa estivese presente esta especie de maneira absoluta ou maioritaria (superior ao 50% das árbores existentes) e sempre que as plantacións anteriores se levaran a cabo de acordo coa lei
En terceiro lugar, as reforestacións con eucalipto estarán permitidas "cando a ocupación anterior do terreo obxecto da reforestación constituíse unha masa pura ou mixta dominante deste xénero, e sempre e cando as plantacións anteriores se tivesen realizado respectando o disposto na lexislación sectorial vixente". É dicir, poderá plantarse máis eucalipto naquelas zonas nas que xa estivese presente esta especie de maneira absoluta ou maioritaria (superior ao 50% das árbores existentes) e sempre que as plantacións anteriores se levaran a cabo de acordo coa lei.
A emenda engade que a data final da moratoria (o 31 de decembro de 2025) "poderá ser obxecto de revisión" en base aos datos consolidados obtidos polo inventario forestal continuo de Galicia e á revisión das medidas establecidas no Plan Forestal de Galicia 2021-2040.
"A moratoria non terá valor ningún se non se establecen a través dun regulamento de medidas específicas para aplicala de maneira efectiva impedindo novas plantacións de eucalipto mediante un reforzamento das medidas de control e vixilancia"
Nas últimas semanas Greenpeace celebrara o anuncio do Goberno galego, sinalando que a moratoria "supón o recoñecemento dos problemas de planificación e xestión destas plantacións" e urxiu á Xunta a "dar forma xurídica vinculante a esta proposta". E, de igual xeito, este xoves a Plataforma 'Por un monte con futuro' fixo público un comunicado que, en termos semellantes, celebraba que "por fin o Goberno Galego recoñeza o grave problema económico e ambiental que ten Galiza polo monocultivo do eucalipto", pero demandaba "concreción" nunha proposta que de momento non é máis que unha promesa.
A plataforma, que agrupa varias ducias de entidades ecoloxistas (ADEGA, Verdegaia, Ecoloxistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega, Greenpeace...), agrarias (SLG, FRUGA...), de montes (Organización Galega de Comunidades de Montes, Asociación Monte Galego...) e asociacións ambientalistas locais, subliñaba as "lagoas" existentes na moratoria proposta. A entidade denunciaba que "a moratoria non terá valor ningún se non se establecen a través dun regulamento de medidas específicas para aplicala de maneira efectiva impedindo novas plantacións de eucalipto mediante un reforzamento das medidas de control e vixilancia".
A plataforma sinala que o plan fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de hectáreas de piñeiros e eucaliptos en 2040
A plataforma destacaba que a proposta lanzada polo Conselleiro de Medio Rural coincidiu coa aprobación dun Plan Forestal "que responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado" e que "pon a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais e deixa de lado o interese xeral". A plataforma sinalaba que o plan fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de hectáreas de piñeiros e eucaliptos en 2040. Ademais, prevé o aumento de 3 millóns de m³ de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de m³ de cortas/ano.
Así mesmo, lembraba que o anterior plan forestal, aprobado no ano 1992 foi amplamente incumprido, pois establecía que no ano 2032 as plantacións de eucalipto ocuparían 245.000 hectáreas, mentres que xa no ano 2018 a superficie de monocultivos de eucalipto ocupaba 300.500 hectáreas, máis outras 121.700 hectáreas de masas mixtas (nas que o eucalipto se mestura con outras especies). O novo plan forestal prevé incrementar as superficies xa existentes.
O novo plan forestal "non fai máis que agravar a situación actual", sinala a plataforma
O novo plan forestal "non fai máis que agravar a situación actual", sinala a plataforma, engadindo que o propio goberno galego "recoñeceu" isto co anuncio da moratoria. A plataforma solicita ao Parlamento Galego a devolución do novo Plan Forestal Galego ao Consello Forestal "para realizar unha nova redacción axeitada ás necesidades do país e na que poidan participar todas as organizacións relacionadas co monte e co medio rural".