A comezos de decembro publicouse na revista Nature Communications unha investigación liderada por Hedley Grantham (Wildlife Conservation Society) que titulada 'Anthropogenic modification of forests means only 40% of remaining forests have high ecosystem integrity' alertaba sobre o empobrecemento das masas forestais en todo o planeta por mor da acción do home.
Galicia e a metade norte de Portugal son as áreas da Península Ibérica que presentan unha maior extensión de masas forestais de baixa calidade
O artigo afonda sobre o efecto das modificacións antropoxénicas de todo tipo (infraestruturas, plantacións forestais, presión agrogandeira, tallas selectivas...) e da fragmentación e perda de conectividade dos espazos de bosque. E conclúe que a nivel global unicamente o 40% das masas forestais do planeta teñen unha elevada calidade e manteñen a súa integridade, concentradas especialmente en Canadá, Rusia, o Amazonas, o centro de África e Nova Guinea. Destes espazos, unicamente o 27% de atopan en áreas protexidas. O estudo reclama "políticas ambiciosas" que prioricen a conservación da "integridade" dos espazos forestais.
A investigación desenvolveu un índice de calidade das masas forestais a partir de distintos indicadores e instrumentos que amosa o grao de modificación humana que sufriu esa área boscosa e que aplica sobre un mapa do planeta. O mapa permite observar as zonas que teñen masas forestais e amosa a súa "integridade" e o impacto humano que sofren.
En Galicia as excepcións a un escenario xeral de masas forestais de baixa calidade atopámolas nas serras dos Ancares, Courel, Enciña da Lastra, O Invernadoiro, Candán...
No que atinxe á Península Ibérica, a maior parte do litoral cantábrico e atlántico, de Donosti a Lisboa, está composto por masas forestais de baixa calidade. Porén, estas zonas arbóreas degradadas esténdense especialmente por Galicia e a metade norte de Portugal, zonas moi afectadas nas últimas décadas polas repoboacións de eucalipto e piñeiro. As zonas boscosas de integridade media ou alta fican limitadas ás áreas montañosas do interior (Pireneos, Picos de Europa, Sistema Central...).
En Galicia as únicas excepcións a un escenario xeral de masas forestais de baixa calidade (esencialmente plantacións de árbores e non bosques) atopámolas nas serras dos Ancares, Courel, Enciña da Lastra, O Invernadoiro, Candán..., ademais de espazos máis illados e fragmentados noutras comarcas.
Na última década medrou en 41.000 hectáreas a superficie forestal galega, maioritariamente plantacións industriais de especies como o eucalipto ou o piñeiro, precisamente o tipo masa forestal que o estudo identifica como zonas de baixa calidade
No conxunto de Galicia a superficie total ocupada por masas de eucaliptos (como única especie ou mesturada con outras) pasou das 258 mil hectáreas de 1986 ás 454 mil da actualidade. Nos últimos días o Goberno galego apuntou que este incremento da superficie ocupada polo eucalipto medrará un 3% ata o ano 2025 (12.000 hectáreas máis), para descender a partir do ano 2031.
Durante a última década descendeu notable o espazo dedicado a terras de cultivo en Galicia (35.000 hectáreas menos) e tamén a prados e pasteiros (14.000 hectáreas menos), mentres que medraba en 41.000 hectáreas a superficie forestal. Porén, esta nova superficie forestal correspóndese maioritariamente con plantacións industriais de especies como o eucalipto ou o piñeiro, precisamente o tipo masa forestal que o estudo identifica como zonas de baixa calidade ou baixa "integridade".