Dende o pasado 16 de marzo e ata o 15 de abril permaneceu en exposición pública o borrador da Estratexia Galega de Cambio Climático elaborada pola Xunta e o plano operativo que a desenvolve, uns documentos que deben guiar a acción do Goberno galego na loita contra o cambio climático ata o ano 2050.
ADEGA lamenta que as medidas da Xunta contra o cambio climático "non tocan nin o negocio das térmicas nin o de ENCE, que mesmo favorecen"
ADEGA presentou numerosas alegacións contra o plano operativo, que recolle as accións máis inmediatas, que deben ser realizadas ata o ano 2023, unhas propostas coas que se amosa moi crítica, comezando pola súa escasa operatividade, pois sinala que das 170 medidas que contén, o 60% carecen de orzamento asignado, ficando en simples propostas de estudo.
Mais a entidade ecoloxista denuncia sobre todo que o plan obvia entre as súas actuacións calquera previsión de peche ou limitación da actividade das centrais térmicas de carbón de As Pontes e Meirama e que, en cambio, fai fincapé en medidas de absorción do carbono que pasan pola forestación de espazos na actualidade sen árbores. Esta forestación incluiría a plantación de máis eucaliptos, como xa en moitas ocasións recoñeceu o Goberno galego, que prevé que no ano 2038 haxa 25.000 hectáreas máis desta especie.
Aínda a pasada semana o conselleiro do Medio Rural, José González, afirmou que na última década a superficie ocupada por eucaliptos non creceu en Galicia, sinalando que "é posible a convivencia das diferentes especies nos montes galegos". ADEGA lamenta que as medidas da Xunta contra o cambio climático "non tocan nin o negocio das térmicas nin o de ENCE, que mesmo favorecen"
Os documentos presentados pola Xunta comezan recoñecendo a gravidade da situación que vive o planeta, sinalando que "resulta necesaria unha transformación sen precedentes para limitar o aumento da temperatura global do planeta a 1,5ºC, pois os compromisos de redución de emisións postos actualmente sobre a mesa son insuficientes para evitar un aumento da temperatura media global de 1,5ºC". E establece como obxectivo que Galicia acade "a neutralidade climática (un equilibrio entre as emisións e as absorcións de gases de efecto invernadoiro derivadas da actividade humana) o antes posible e, a máis tardar, no ano 2050".
No 2016, as dúas centrais térmicas de carbón de Galicia foron as responsables do 34% das emisións de CO2
No 2016, as dúas centrais térmicas de carbón de Galicia foron as responsables do 34% das emisións de CO2, moi por riba do 12,9% que foron responsabilidade dos turismos (máis o 5,6% de camións) ou do 9,2% das combustións realizadas na industria. Porén, o plan operativo de accións evita reclamar unha redución das emisións das industrias máis contaminantes pola vía do abandono da xeración eléctrica con carbón.
"Transmite a mensaxe de que a responsabilidade de reducir as emisións recae na cidadanía fronte á grande industria contaminadora"
De igual xeito, critica ADEGA, "o fomento das enerxías renovábeis déixase na Estratexia á iniciativa privada, con cero euros de achegas públicas". "Prefírese dedicar o investimento público ao sector domiciliario (caldeiras de biomasa, solar térmica, xeotermia….) transmitindo a mensaxe de que a responsabilidade de reducir as emisións recae na cidadanía fronte á grande industria contaminadora", sinala a entidade. Ademais, ADEGA destaca que "se pretende reducir a xeración de CO2 asociado aos residuos pola vía da "ampliación de SOGAMA para queimar menos plásticos", cun custo de 30 millóns de euros, mentres que "o orzamento para a compostaxe e a redución dos residuos son seis veces menores, malia a ser estas medidas prioritarias de prevención"
Para acadar os obxectivos propostos tamén se fai fincapé en "potenciar a capacidade de absorción de carbono a través da xestión de masas forestais, usos do solo e conservación dos ecosistemas". A Xunta destaca "a importancia do sector forestal como un dos mellores recursos para facer fronte ao cambio climático ao actuar como sumidoiros de CO2".
"Só interesa fixar máis carbono en máis madeira o máis rápido posíbel, e a vía é o eucalipto e as especies de crecemento rápido"
O Goberno galego prevé investir 46 millóns de euros a "potenciar a capacidade de absorción no sector forestal", unha liña na que se inclúen axudas para a reforestación e para a creación de superficies forestais arboradas. ADEGA denuncia que a planificación da Xunta só fai fincapé nesa "capacidade de absorción", esquecendo "os demais servizos ecosistémicos que prestan a vexetación e os bosques naturais en termos de mantemento da biodiversidade, regulación do ciclo da auga, fertilidade do solo, loita contra a erosión, etc.". "Só interesa fixar máis carbono en máis madeira o máis rápido posíbel, e a vía é o eucalipto e as especies de crecemento rápido", subliña.
A entidade tamén denuncia que entre as políticas para "optimizar a xestión forestal sustentable como ferramenta de adaptación ao cambio climático dos montes galegos" a Xunta inclúe o investimento de 250 millóns de euros dos distintos Plans de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (PLADIGA) ata o ano 2023. "Semella que en troques de optimizar a xestión forestal sustentábel, preténdese unicamente xestionar as consecuencias (lumes forestais cada vez máis intensos e frecuentes) dun modelo forestal fortemente insustentábel", conclúe.