O cambio climático leva anos afectando claramente a Península Ibérica. O que era unha sensación obvia vén avalada por numerosos datos e estudos, tamén da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) que, xunto co Ministerio para a Transición Ecolóxica, presentou este martes un avance do proxecto Open Data Climático, onde se recollen algunhas das evidencias do impacto do quecemento global nas catro últimas décadas. Outras son a desestacionalización dos incendios e o empeoramento dunhas condicións que favorecen a expansión das lapas e a maior perigosidade do lume, tal e como advertiron nos últimos anos outros informes referentes ao risco do fogo en Galicia ou Portugal.
Estoutra advertencia da Aemet sobre o impacto da mudanza climática chega a finais de marzo, con varios incendios activos en Galicia e un de enormes dimensións – case mil hectáreas afectadas – que afecta a Dodro e Rianxo. Con elevadas temperaturas para a época, fortes ventos e un monte e vexetación descoidada que exercen de perfecto combustible. Unha vez máis.
O informe da Aemet advirte de que a zona sueste de Galicia é unha das áreas da Península onde máis días, 10, se alonga o período estival por cada década
É precisamente a zona sueste de Galicia, desde a ría de Arousa cara ao sur e abranguendo tamén as provincias de Pontevedra e Ourense, unha das áreas da Península onde máis días, 10, se alonga o período estival por cada década, segundo os datos que achega a Aemet. Na mesma proporción que na costa mediterránea e nalgunha zona de Andalucía.
Segundo os datos deste informe, o verán dura agora de media en España case cinco semanas máis que a principio dos anos 80 e é, ademais, máis caloroso. Alén disto, hai máis de 32 millóns de persoas que están xa directamente afectadas polo cambio climático, como explicou a galega Beatriz Hervella, unha das meteorólogas e portavoces da Aemet, que aclara que son aquelas que viven en zonas onde os verán son máis longos e con máis calor, onde se acumulan varios anos moi cálidos nos últimos dez anos e onde aumenta a frecuencia das noites tropicais, as que teñen como temperatura mínima maior ou igual aos 20 graos durante un día enteiro.
A cifra deses 32 millóns derívase da poboación que abranguen os 37 observatorios (dun total de 58 analizados) afectados por esas anomalías climáticas. Entre eles, o de Rozas (Lugo), o de Ourense e o do aeroporto do Peinador, en Vigo.
Os influxos negativos co cambio climático son moitos e variados. No caso dos incendios, son numerosos os expertos que advirten dun perigo que xa sofre Galicia e duns riscos aínda maiores. Así, o noroeste peninsular atlántico afronta xa a “chegada da tipoloxía de incendios de sexta xeración”, episodios que Portugal xa padeceu en catro meses de 2017, un “serio aviso” para o norte do país veciño e toda Galicia, zonas que están xa “entrando de cheo nunha dinámina propia de zonas de grandes incendios, entre a terceira e a cuarta xeración”.
Un informe do Eixo Atlántico advirte de que o cambio climático e o monte descoidado asentan Galicia como zona de grandes incendios e achegan os "letais" focos de sexta xeración
Esas foron as conclusión do informe Cooperación Tranfronteiriza na prevención e extinción de incendios forestais no Eixo Atlántico, elaborado pola entidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Todo este territorio, especialmente o transfronteirizo, comparte unhas "características bioxeográficas comúns", fortes "similitudes nas súas áreas rurais e respectivos sectores forestais" e unhas condicións climáticas que, unidas ao influxo do quecemento global, fano propicio para a proliferación destes agresivos e perigosos fogos. Engádeselle a isto a "fragmentación da propiedade" e os "cambios socioeconómicos e demográficos" que veñen xerando un proceso de abandono das actividades tradicionais e de despoboamento e a acumulación continua de combustible. A dispersión e a enorme proporción dese "tecido urbano discontinuo" fan aínda máis complexa a situación.
Incendios ata doce veces máis veloces
Galicia, como advirte este informe da Eurorrexión, e sobre todo o sur, xa está a asentar eses episodios de incendios de terceira e cuarta xeración. “Xa non temos un problema de montes senón unha emerxencia de protección civil; as prioridades vense dominadas pola defensa e pérdese a iniciativa”, dicía o documento no que os expertos sinalaban un “feito grave”: “Cada vez necesitamos condicións menos adversas para teren estes grandes incendios”.
O risco de incendios de sexta xeración implica focos que conseguen aceleracións puntuais que aumentan “entre 6 e 12 veces a velocidade de propagación esperable”. Ao ocorrer isto en focos de tamaño considerable, o incremento da velocidade de propagación en todo unha fronte extensa xera progresións superiores ás 4.000 hectáreas por hora. Nos incendios de Portugal de outubro de 2017, chegaron a manter as 14.000 hectáreas por hora.
Porque o risco de incendios seguirá aumentando en Galicia durante este século por mor do cambio climático. As mudanzas meteorolóxicas obrigan a modificar a estratexia contra as lapas, tal e como advertiu o informe de expertos encargado por Portugal e como asumiu a Xunta. E o novo lume --máis incontrolable, máis perigoso e máis daniño-- xa está aquí.
“As proxeccións climáticas apuntan a un aumento do risco meteorolóxico de incendios en Galicia ao longo do século XXI”, avisou Meteogalicia no Informe sobre a incidencia do cambio climático nos incendios forestais elaborado a petición da comisión de estudo da política forestal e dos incendios que se levou a cabo no Parlamento. E isto, "asumindo un escenario de emisións nin demasiado optimista nin pesimista".
O risco de incendios en Galicia polo cambio climático aumentará ata niveis críticos neste século, segundo Meteogalicia
Os resultados das análises do estudo conclúen que en Galicia “o patrón espacial do incremento de risco é similar ao patrón do seu valor absoluto en clima presente”, é dicir, que se prevé “o maior incremento en Rías Baixas e o menor na Mariña lucense”. É unha conclusión coherente con outros informes sobre a evolución futura do anticiclón das Azores e que advirten da maior frecuencia de situacións “cuña” nos veráns galegos por mor dos ventos de nordés: unha humidade relativa alta na costa norte e baixa na sur para a época.
Todas estas advertencias e outras son as que levaron a Xunta a asumir que había que cambiar a estratexia de loita contra o lume polo cambio climático, tal e como advertiu tamén desde Portugal a comisión de expertos impulsada pola Assembleia da República tras a catástrofe de Pedrógão Grande. Aquel informe, feito público só horas antes doutra tráxica vaga de incendios no outono de 2017 no país veciño e en Galicia, deixaba unha conclusión clara: “Os sistemas atuais de combate a incêndios não estão preparados para enfrentar um novo problema com raiz nas alterações climáticas". O cambio climático obriga a mudar a loita contra o lume.
Por que? Por moitas razóns. Un segundo informe dos expertos en Portugal tras as lapas de outubro de hai dous anos avisaba do que teñen que enfrontar Galicia e o territorio luso: unha nova tipoloxía de lume --máis incontrolable, máis perigoso, máis virulento e máis daniño--, que pon en alerta toda a área ao norte do río Texo polas novas condicións climatolóxicas derivadas do cambio climático, a deficiente xestión do monte, a elevadísima acumulación de combustible vexetal e o uso neglixente das lapas, características todas elas comúns a esta área.
Os informes de expertos en Portugal insisten na necesidade de mudar a política antiincendios polo cambio climático e na virulencia do novo lume que deberá afrontar tamén Galicia
A causa de ignición máis común neste tipo de incendios xa non é o contacto coa fronte de lapas ou a calor de convección do lume, senón o transporte de faíscas. Poden mesmo saltar encoros e avanzar a unha velocidade de 6 quilómetros por hora. Así, a intensidade das lapas “sobrepasa a capacidade de calquera dispositivo de extinción” e obriga a prioirzar a protección das persoas. Por todo isto, e por moito máis, os expertos insisten na necesidade de “anticiparse” aos grandes focos por medio das previsións meteorolóxicas, ademais da evidente prevención e dos necesarios cambios na xestión forestal. Avisos hai dabondo.