O vento do nordés aviva a primeira vaga de incendios da primavera

Bombeiros forestais a traballar na extinción do incendio de Dodro e Rianxo o 26 de marzo de 2019 CC-BY-SA Brif Laza

Outra volta, avivados polo vento. E outra volta, elevando a atención mediática e política cando as lapas pasan do interior ao eixo atlántico, onde se concentra o maior volume de poboación en Galicia. Tras arder unhas 150 hectáreas en varias vilas das provincias de Ourense e Lugo -segundo os datos divulgados pola Xunta, que segue sen ofrecer a información completa de focos e hectáreas-, o peor pasou a estar na contorna do Barbanza, segundo a información oficial.

O incendio declarado durante a noite en Dodro estendeuse a Rianxo e roldaba as 850 hectáreas a primeiras horas da tarde nunha área con abondosas plantacións de eucaliptos

Os retallos informativos divulgados por Medio Rural indicaron despois das dez e media da noite do luns que viña de declararse un incendio na parroquia de San Xoán de Laíño, en Dodro, afectando a  "unhas 20 hectáreas". Alí estaban xa despregado un dispositivo encabezado por 7 axentes medioambientais con 8 brigadas a loitar contra as lapas cuxa orixe, segundo declaracións da Xunta á TVG, é probable que estivese nas faíscas dunha torre de alta tensión.

Apenas oito horas despois o forte vento do nordés xa contribuíra a estender o lume ao concello lindeiro de Rianxo, a comezar pola parroquia de Asados e poñendo en risco a circulación pola autovía que articula toda a comarca. Contra as 7 da mañá a superficie afectada xa se multiplicara por dez, ata "arredor de 200 hectáreas", segundo a Consellería de Medio Rural. A mediodía xa roldaba as 550, superficie que o converteu tecnicamente nun gran incendio forestal, e a primeiras horas da tarde xa chegara ás 850. Na zona hai abondosas plantacións de eucaliptos.

A proximidade a zonas habitadas obrigou a declarar a situación 2 de alerta na zona

Durante a mañá incorporáronse ao dispositivo de extinción os medios aéreos, cuxo labor se está a ver dificultado polo forte vento, e mais 199 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias. Pouco despois Medio Rural confirmaba a activación da situación 2 de alerta na zona pola proximidade ás vivendas no lugar de Meiquiz

Toda  contorna está afectada por unha mesta fumareda, tal e como é posible observar nas imaxes tomadas por bombeiros forestais da Brif de Laza que traballan na zona. Ese fume obrigou, por precaución, a desaloxar o instituto rianxeiro de secundaria Félix Muriel.

Esa declaración da situación 2 foi confirmada polo conselleiro do Medio Rural, José González, que se achegou ao posto de mando dende o que se dirixe a extinción. "A situación de vento forte non axuda" aos traballos, admitiu González, quen reiterou a sospeita de que este incendio foi "intencionado" e o chamamento a "ir a polos" incendiarios. Ata a zona desprazáronse tamén, ademais de diversos cargos de Medio Rural, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o voceiro de En Marea, Luís Villares, xunto a varios membros desta formación.

Incendios en Lousame, Noia e As Pontes

A superficie atinxida polos incendios de Noia e Lousame rolda as 80 hectáreas e o das Ponte, as 20

O peor estaba no comezo deste martes en Rianxo, pero os incendios revelados pola Xunta atinxen a máis concellos. En Tállara (Lousame), outro incendio iniciado tamén durante a noite queimara xa máis de 40 hectáreas a primeiras horas da mañá. Non moi lonxe, en Noia, outro foco en Argalo (Noia), provocara que arderan "arredor de 20 hectáreas". Segundo Medio Rural, "en conxunto, estes incendios afectan unha superficie de arredor de 78 hectáreas". Quedaron controlados arredor das doce da mañá.

Sen saír da provincia da Coruña, pero no extremo norte, o vento tamén contribúe a avivar as lapas nas Pontes, onde na mesma parroquia do Freixo xa se rexistraran dous incendios durante a xornada do luns. O terceiro foco coñecido, que segundo Medio Rural "supera as 20 hectáreas". 

Este balance é necesariamente provisional e incompleto, porque a Xunta mantén a política informativa de non divulgar todos os incendios dende hai dez anos

Este balance provisional, de máis de 900 hectáreas que se engaden ás 150 coñecidas na fin de semana, é necesariamente provisional e incompleto. A política informativa do Goberno galego, baseada en non revelar os incendios que non superan as 20 hectáreas se non atinxen a áreas habitadas ou protexidas, implica non divulgar partes de incendios completos dende hai dez anos. Non en van, o propio conselleiro admitiu que entre este luns e martes "houbo ao redor de 20 incendios en toda Galicia". A maioría, afirma, "intencionados".

A primeira vaga de incendios da primavera chega despois de que, a partir do luns, a propia Consellería de Medio Rural decretase a prohibición das queimas de restos agrícolas e forestais en toda Galicia, mesmo os permisos xa concedidos. A decisión, vixente ata novo aviso, tomouse "tras avaliar a evolución da situación do tempo e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume en tempada de alto risco", sinala a Consellería.

Risco de incendios forestais para o 26 e 27 de marzo, segundo as predicións da AEMET © AEMET

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.