O lume arrasou ao redor de 150 hectáreas de terreo tan só nos catro incendios máis importantes desta fin de semana. Nomeadamente o que afectou ao concello lucense de Muras dende a noite do sábado, que queimou unhas 75 hectáreas de monte raso. Ademais, o lume foi tamén protagonista en Chandrexa de Queixa, Padrenda e Lobeira, queimando ao redor de 25 hectáreas en cada un. O de Lobeira afectou ao territorio do parque natural do Xurés.
O risco de incendio será extremo ou moi elevado nas provincias costeiras
Vivimos un inverno de lumes e semella que a primavera mantén a mesma dinámica. Nos dous primeiros meses do ano arderon máis de 800 hectáreas en Galicia, a maior parte da provincia de Ourense. Entre os factores que levan a esta situación están a falta de precipitacións nos últimos meses, xa que a cantidade de chuvia recollida en Galicia dende decembro foi un 30% inferior ao habitual. Tamén as elevadas temperaturas diurnas das últimas xornadas e, nalgúns casos, o forte vento.
Esta situación (tempo seco, temperaturas elevadas para esta época do ano e fortes ventos) é a que se vai dar este martes, o que motivará que o risco de incendio sexa elevado en gran parte de Galicia. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía, o risco será extremo ou moi elevado nas provincias costeiras, que son as que rexistrarán os refachos de vento máis importante, e alto ou moi alto na provincia de Ourense e no sur de Lugo. O nivel de risco esperado para este martes é semellante ao de moitas xornadas de verán.
Medio Rural decretou a prohibición das queimas de restos agrícolas e forestais en toda Galicia
De feito, dende a mañá deste luns Medio Rural decretou a prohibición das queimas de restos agrícolas e forestais en toda Galicia, mesmo os permisos xa concedidos. A decisión, vixente ata novo aviso, tomouse "tras avaliar a evolución da situación do tempo e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume en tempada de alto risco", sinala a Consellería.