Os montes de Ourense volven arder en pleno inverno

Traballos de extinción dun incendio forestal o pasado 27 de febreiro, nunha imaxe divulgada por axentes forestais © @AxentesGz

Un inverno máis, o monte galego volve arder. Pero, máis concretamente, un inverno máis volve arder, sobre todo, o monte na provincia de Ourense. As comarcas do país que adoitan figurar destacadas nos mapas da crise demográfica ou da preponderancia das prestacións sociais como principal fonte de ingresos en moitos fogares son tamén as que, ano tras anos, destacan na cartografía dos incendios forestais. Segundo os incompletos datos fornecidos pola Consellería de Medio Rural, das arredor de 800 hectáreas ardidas en toda Galicia nos dous primeiros meses do ano, máis de 700 concéntranse na provincia de Ourense.

Das arredor de 800 hectáreas ardidas en toda Galicia nos dous primeiros meses do ano, máis de 700 concéntranse na provincia de Ourense

O incendio máis relevante dos coñecidos por fontes oficiais no que vai de ano ficou extinguido este 27 de febreiro. As lapas cruzaron dende Portugal e chegaron a Padrenda, municipio lindeiro do portugués de Castro Leboreiro. Alí levaron por diante unhas 225 hectáreas, segundo o divulgado pola Xunta. O mesmo día os servizos de extinción daban por extinguidos outros focos na Mezquita e no Carballiño e apenas cinco días antes, case 23 en Manzaneda. Unhas 300 hectáreas en menos dunha semana.

Nos días transcorridos de 2019 o lume tamén atinxiu con intensidade dispar a montes de Lobeira, Entrimo, Viana do Bolo, Chandrexa de Queixa e outra volta, A Mezquita. Nestes dous últimos concellos aínda non pasara a primeira semana do ano e xa arderan 175 e 161 hectáreas, respectivamente. Neste contexto de escaseza de chuvias, ventos relevantes e altas temperaturas os servizos de emerxencias e os propios concellos deron conta de máis focos de lume noutros municipios, pero que non figuran na información oficial da Xunta.

A provincia de Ourense acumula case a metade do medio millón de hectáreas ardidas nos montes de Galicia no que vai de século

Ourense destaca no mapa do lume ano e faino ano tras ano. Das máis de 500.000 hectáreas ardidas no conxunto de Galicia no que vai de século, segundo os rexistros do Ministerio de Agricultura a partir de datos fornecidos pola Xunta, case a metade (244.103) rexistráronse nalgún concello da provincia de Ourense. Por exemplo, no último ano co balance provisional xa pechado, 2017, das arredor de 62.000 hectáreas afectadas polos incendios forestais, 30.309,23 foron en Ourense.

A comisión que estudou os incendios de 2017 recibiu abondosas advertencias de riscos inmediatos para o monte galego, como os derivados do cambio climático

Estes datos rexístranse nun contexto no que a Consellería de Medio Rural asegura dispoñerse a aplicar as conclusións da comisión de estudo sobre incendios aberta no Parlamento tras a vaga de lume do outono de 2017, na que arderon 50.000 hectáreas en apenas dous días. Esa comisión, que desbotou formalmente a tese terrorista axitada polo propio Goberno galego para explicar aqueles incendios, recibiu abondosas advertencias dos riscos aos que se enfronta o monte galego nos vindeiros anos derivados do cambio climático e da propia estrutura do monte galego.

O actual conselleiro do Medio Rural, José González, anunciaba este mes de febreiro no Parlamento a súa intención de promover unha "nova lei de prevención e extinción de incendios forestais" e de intensificar os labores de prevención a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, un departamento de nova creación que, non obstante, ten á súa fronte a quen leva sendo responsable da política contra os incendios forestais da Xunta case vinte anos, Tomás Fernández-Couto. Este director xeral exerce este labor dende áreas con diversos nomes dende 1996 coa única paréntese dos anos do bipartito (de agosto de 2005 a abril de 2009).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.