As prestacións sociais xa son máis da metade da renda da veciñanza nunha trintena de concellos

Vista da praia de Mera e a súa contorna, en Oleiros, o concello con máis renda de Galicia © Turismo de Galicia

Nas primeiras semanas de 2018 algún titular de prensa editada en Madrid puxo o foco en Ourense: nesa provincia galega xa había máis pensionistas que poboación a cotizar na Seguridade Social. O presentado como novidade realmente non o era tal. En rigor, a provincia ourensá encadea case unha década nesta situación, froito do incremento da esperanza de vida combinada coa baixa natalidade e a escasa captación de inmigración. Intimamente ligado con esta realidade está o crecente peso das prestación sociais, fundamentalmente das pensións de xubilación, nas rendas dos concellos máis envellecidos do país. Así, nunha trintena de municipios máis da metade do diñeiro que manexa a veciñanza xa provén destas prestacións.

O Instituto Galego de Estatística vén de publicar os resultados do seu estudo sobre as rendas dos fogares, un traballo estatístico datado no ano 2015 que desta volta torna en radiografía de dúas crises: a demográfica e a económica. Nas portas da actual década, no ano 2010, este estudo rexistraba que en só seis concellos máis do 50% da renda dispoñible bruta da súa veciñanza -os cartos dos que dispón para o consumo cotián ou o aforro- viña das prestacións sociais: Porqueira, Calvos de Randín, Lobeira, Vilardevós, Parada de Sil e Castrelo do Val. Apenas cinco anos despois son xa 26 os concellos nesta situación, varios deles -Calvos de Randín, O Irixo, Porqueira ou Vilardevós- aproxímanse ao limiar do 60% e un, Lobeira, xa o superou. A maioría están na provincia de Ourense e catro (A Pobra do Brollón, Folgoso do Courel, Pantón e Sober), no sur de Lugo.

Oleiros volve ser o concello 'máis rico' do país e a súa renda media por persoa multiplica por catro a do 'máis pobre', Negueira de Muñiz

Atendendo ao estudo do IGE estes concellos ourensáns con enorme preponderancia das prestacións sociais están tamén entre os que rexistran, en xeral, unha menor renda dispoñible por habitante. Isto é, en termos simples, entre os concellos 'máis pobres'. Ou, o que é o mesmo, na banda oposta dos municipios nos que estes subsidios apenas pesan o 20% do total da renda da veciñanza. É o caso do concello con maior renda por habitante do país, Oleiros, onde o peso das prestacións sociais queda no 18%.

A Coruña e Vigo concentran case unha cuarta parte da renda bruta dispoñible do país, máis de 8.600 millóns de euros anuais

A veciñanza oleirense volve ser, como en anteriores edicións deste traballo, a que maior renda manexa en toda Galicia: 24.230 por habitante que supoñen cuadriplicar folgadamente os recursos que manexa a veciñanza do concello máis pequeno e con menos renda per cápita, Negueira de Muñiz, que supera por pouco os 5.500 euros. Concellos urbanos e con gran presenza empresarial ou administrativa seguían en 2015 nos primeiros postos en renda por habitante por tras de Oleiros: A Coruña (17.804 euros por habitante e ano), Santiago (17.328), As Pontes (16.996) ou Ourense (16.418).

O IGE resalta, non obstante, a concentración de poboación en torno aos sete concellos máis poboados -"máis dun 35% dos habitantes de Galicia" reside nestas cidades, destaca- provoca tamén concentración de rendas. Así, nas sete cidades acumúlase o 42% da renda do país e só nas dúas maiores urbes, A Coruña e Vigo, está o 23% do total da renda: algo máis de 8.600 millóns de euros anuais.

A veciñanza duns 80 concellos manexaba en 2015 menos renda que antes do inicio da crise económica

A serie histórica destes traballos estatísticos permiten tamén observar o impacto da crise económica nas rendas dos concellos galegos -agás os fusionados Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade- e como no ano 2015 en case 80 deles as rendas da veciñanza aínda eran inferiores que no ano 2007, considerado o previo á crise. Sempre atenendo ás bases de datos do IGE, a maior diferenza en termos negativos de 2007 a 2015 deuse no concello da Pastoriza, onde a renda dispoñible bruta por habitante era en 2015 de 2.875 euros menos que en 2007. Tamén estaban por riba dos 2.000 euros menos por ano as rendas en Rodeiro e por riba dos 1.000, en Santiso, Taboada, Dozón, Pol, Guntín ou Lalín.

Na banda contraria os concellos cuxa veciñanza xa manexaba en 2015 un volume de cartos, de media por habitante, substancialmente maior que antes da crise. O rexistro encabézao tamén neste caso Oleiros, cun incremento da renda por habitante e ano de máis de 6.000 euros neses anos. A continuación, pero a unha ampla distancia, estaría o municipio de Ribeira, con 3.665 euros máis de renda media dispoñible por habitante e ano en 2015 que en 2017. A Illa de Arousa, Cenlle, Toén, Montederramo ou Ortigueira experimentaron tamén avances superiores aos 2.000 euros de media por habitante e ano.

No indicador no que existe maior homoxeneidade entre concellos é na orixe maioritaria das rendas da veciñanza. No 62% dos concellos galegos, segundo o IGE, a principal fonte de renda son os salarios. Así e todo, a tendencia nesta cifra é á baixa: no ano 2010 eran 227 os concellos nos que os salarios preponderaban como fonte de renda e no 2015 eran xa 196. Mentres, as prestacións sociais eran a comezos da década a principal fonte de renda en 81 municipios e o dato máis recente, o de hai tres anos, indica que xa o son en 109.

Vista da parroquia de San Xes, en Lobeira, o concello con maior peso das prestacións sociais nas súas rendas © Turismo de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.