- ENTREVISTA | Juan González, alcalde de Nigrán: "Estes incendios déronnos a desgraciada oportunidade de cambiar o modelo forestal”
- HEMEROTECA | (16/10/2017) A eterna espera de Nigrán pola Xunta e a chuvia
- HEMEROTECA | (19/10/2017) Un bombeiro na 'zona cero' de Nigrán: "En 2006 nós íamos ao lume, aquí o lume viña a nós"
Hai hoxe un ano, o 15 de outubro de 2017, Galicia vivía un inferno. Centos de incendios arrasaron en poucas horas e nunha fin de semana case 50.000 hectáreas, a maioría delas nun tráxico domingo que xuntou todas as condicións necesarias para a tormenta perfecta: os restos dun furacán e os seus incontrolables refachos de vento, persistente seca, elevada temperatura para a época, combustible vexetal acumulado, mínima humidade... Ducias de núcleos de poboación foron postos en perigo ou destruídos cunhas lapas que mesmo chegaron ao centro de Vigo, poñendo en evidencia o caos dun monte tan mal xestionado como achegado ás casas. Catro persoas faleceron, na que foi a peor consecuencia dunha feroz e intensa vaga de lume con novas características que viñeron para quedar, froito das consecuencias do cambio climático e das particulares condicións xeográficas, climáticas e de vexetación que comparte boa parte de Portugal. Foi alí, con traxedias como a de Pedrógão Grande, desde onde se mandaron alertas sobre a virulencia dun fogo cada vez máis perigoso, inprevisible e letal e que nada ten que ver, como quedou demostrado, con trama incendiaria nin terrorismo ningún. É moito máis complexo ca iso.
Centos de incendios arrasaron en poucas horas case 50.000 hectáreas e catro vidas tras pór en evidencia a virulencia dun novo tipo de lume
Neste domingo, Nigrán celebrou unha homenaxe ás dúas persoas falecidas no concello e á xente que colaborou nos labores de extinción duns incendios que tiveron nunha das súas parroquias, a de Chandebrito, unha das zonas cero daquela vaga. Nesa localidade só sobreviviron dúas hectáreas das 232 que conforman o monte comunal. Nas Neves, cuxa traxedia foi cruamente retratada nun documental, as lapas queimaron 4.000 hectáreras en tan só 24 horas e deixaron o 90% do municipio en cinzas, levando por diante vexetación, casas e negocios. Foron, en total, máis de 350 focos en tan só unhas horas, avivados por endiañados ventos impulsados polos restos do furacán Ophelia, que espallou por Europa o fume que viña de Galicia e Portugal.
En Chandebrito só sobreviviron 2 hectáreas das 232 de monte comunal; nas Neves as lapas queimaron 4.000 hectáreas en 24 horas
Testemuños da veciñanza e de profesionais dos labores de extinción relataban o inferno vivido no medio duns incendios que mudaran radicalmente o agardado, mesmo para aqueles afeitos a enfrontalos. "En 2006 nós íamos ao lume, aquí o lume viña a nós", resumía un dos bombeiros en Nigrán. "Foi unha situación excepcionalmente dura e dramática; puido morrer máis xente. Foi moi parecido ao que sufriron en Pedrógão Grande", insistía. A evocación á traxedia que Portugal vivira só catro meses antes era continua. Daquela morreran máis de 60 persoas; naquela fin de semana de outubro, máis de 30 no país veciño.
Galicia tivo que aprender de vez as leccións que Pedrógão deixara. As semellanzas da parte norte luso e Galicia no climatolóxico, masa arbórea, política forestal ou despoboamento rural facían inevitables as comparanzas. "Hai que explicarlle á cidadanía galega que facer ante incendios como o de Portugal", dicía Juan Picos, un dos maiores coñecedores do sector forestal e dos incendios. El e moitos máis expertos advertiron da necesidade de mudar a política antiincendios por mor do cambio climático. Cambiar a forma de afrontar o lume, tal e como reclamaba o informe técnico de expertos elaborado a petición da Assembleia da República, feito público só uns días antes da vaga de outubro.
Os informes de expertos en Portugal piden mudar a política antiincendios por mor do cambio climático e advirten de focos que saltan encoros e avanzan a 6 km/h
A principios deste ano, un segundo informe de expertos en Portugal debullou a orixe, causas e circunstancias dos graves fogos que asolaran o noroeste da Península Ibérica nos meses anteriores. O documento insiste en alertar do novo tipo de incendios que afronta tamén Galicia: capaces de saltar encoros e avanzar 6 km nunha hora. Avírtese, por exemplo, de que a causa de ignición máis común neste tipo de lume extremo xa non é o contacto coas lapas ou a calor de convección, senón o transporte de faíscas, o que explica a sucesión continua de focos desconectados entre si, como ocorreu en Vigo aquel domingo. Tamén na necesidade de "anticiparse" aos grandes incendios por medio das previsions meteorolóxicas.
"A grande intensidade dos incendios sobrepasa a capacidade de calquera dispositivo de extinción"
Ademais, o documento deixa clara unha circunstancia común nos tráxicos incendios e que explicaba na comisión de investigación do Parlamento galego Edelmiro López, profesor da USC e un dos doce expertos que elaborou o informe en Portugal. "A grande intensidade dos incendios sobrepasa a capacidade de calquera dispositivo de extinción, xa que ningún dispositivo do mundo é capaz, pasado un punto, de combater o lume", dicía, o que obriga a priorizar a protección das persoas. Ao tempo, insistiu na Cámara galega en que unha das claves para evitar estes grandes focos é o "control da vexetación arbustiva" que acaba sendo combustible para o lume. O feito de que tanto Galicia como o norte luso teñan amplas extensións de eucaliptais incide no perigo: o lume propágase o dobre de rápido e as faíscas destas árbores poden voar dous quilómetros.
A propia Xunta admitiu que o cambio climático obriga a mudar a estratexia contra o lume, tal e como dixera Portugal. De feito, Meteogalicia advertiu de que o risco de incendios en Galicia pola mudanza no clima aumentará a niveis críticos neste século, tal e como detalla no informe elaborado a petición da comisión de estudo da política forestal e dos incendios que se levou a cabo no Parlamento durante varios meses.
O número de incendios é semellante pero son máis feroces: o risco de lume polo cambio climático subirá a niveis críticos neste século
O número de incendios é semellante, pero son moito máis feroces. Así, no pasado ano rexistrouse a media máis elevada de superficie queimada por incendio (19,64 hectáreas) dende o ano 1989, superando por moito a cifra do terrible ano 2006. Os diferentes focos arrasaron en total en 2017 62.000 hectáreas en Galicia, o 80% delas durante a vaga de outubro. Tal foi a virulencia dos focos rexistrados nesa fin de semana de outono en Portugal que, paradoxalmente, evitaron unha catástrofe moito maior no país. A nube de convección xerada polos graves focos do centro do territorio luso fixeron de barreira: crearon "uma sombra" no norte de Portugal que amainou e fixo rolar os ventos e "explica a não formação de maiores incêndios" en terreo galego, tal e como destacaba outro dos informes de expertos.
A virulencia dos incendios de outubro en Portugal creou unha xigantesca nube que evitou unha traxedia maior en Galicia
A situación puido ser peor. O caos e a desesperación vividas en tantas localidades galegas naquela tarde e noite do domingo son dificilmente esquecíbeis un ano despois. Tamén os temores e afirmacións infundadas. A multiplicación de focos na área metropolitiana de Vigo e a súa chegada mesmo ao centro da cidade provocou escenas de pánico, alarma e moreas de rumores que os atribuían a cidadáns organizados, ben fose en moto con garrafas de gasolina ou a través de sofisticados artefactos incendiarios. Nada diso existiu segundo as pescudas dos corpos de seguridade e o Ministerio Fiscal. No seu informe, a Fiscalía desbotou que aqueles incendios se deberan a unha "actividade incendiaria homicida", como afirmara naqueles días Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta. "As brasas ou faíscas poden chegar a caer, incandescentes, a unha distancia de entre 1 e 5 quilómetros e iniciar alí de novo lume", lembrábase no documento.
A Fiscalía, Interior, a policía autonómica ou o informe final do Parlamento negaron a teoría das tramas terroristas que axitou a Xunta
Non foi o único caso polo que a Fiscalía desbotou as teses do xefe do Executivo galego, que compartía co Goberno central liderado daquela por Mariano Rajoy. O seu informe rexeitou a teoría das tramas e do terrorismo incendiario que alentou a Xunta, que falou desde o primeiro día de "actividade delitiva incendiaria para alterar a paz social". "Desde un punto de vista estritamente xurídico, obviamente isto non é terrorismo", explícase nun documento que incide na intencionalidade da inmensa maioría dos focos, pero para nada neses grupos criminais organizados aos que aludiu Feijóo tantas veces.
Aquela suposta trama incendiaria tamén fora desbotada polos atestados de Interior, pola investigación da Policía autonómica --que nin menciona esa tese-- e polo primeiro experto que compareceu na comisión do Parlamento. "Non resiste a análise", dixera Picos, meses antes de que o estudo final da Cámara rexeitase de vez calquera actividade delictiva organizada.
A Xunta pagou 77.000 a xornais impresos para publicar a declaración de Feijóo na que culpaba o "terrorismo incendiario"
Con todo, Feijóo seguiu alentando a súa teoría, mesmo pedindo mudar o Código Penal e considerar os incendios como terrorismo. Esa foi a teoría desde o día seguinte aos incendios. Así, a Xunta pagou 77.000 euros a xornais impresos para publicar a declaración do presidente sobre a vaga daquela xornada e na que culpaba a ese "terrorismo incendiario" do ocorrido.
Houbo varios investigados e acusados por prender lume naqueles días ou levar a cabo actividades incendiarias. O primeiro dos detidos, que pasou cinco semanas no cárcere, queimara unha hectárea asando chourizos nos Blancos, aínda que Feijóo pensaba que había "algo máis". A segunda investigada polos incendios foi unha anciá que queimou dúas hectáreas por neglixencia. Os focos atribuídos ás primeiras persoas investigadas por aquela vaga sumaban cinco do total de 49.000 hectáreas ardidas. As conclusións policiais insisten en que foron individuos que actuaron de xeito individual.
O debate virou cara a esa trama que Galicia leva buscando décadas e nunca atopou. No fondo, queixas polo atomizado e privatizado sistema de extinción de incendios ou por decisións como que a Xunta dispuxese xusto a semana anterior a aquela vaga de incendios reincorporar 500 brigadistas que foran despedidos. Chegaron tarde e moitos traballaron como voluntarios naquela fin de semana tráxica. Medio milleiro de operarios da empresa pública Seaga cesaran o 12 de outubro e foran requiridos o luns 16, despois da vaga da fin de semana. Ao rematar o seu labor no día festivo, vehículos, ferramentas e emisoras foran xa desmantelados. Desde as diferentes agrupacións de bombeiros ou axentes forestais e expertos insisten en reclamar máis medios e un cambio de estratexia para aumentar a eficacia.
A Xunta cesou 500 brigadistas tres días antes da vaga de incendios e dispuxo reincorporalos o luns seguinte
No entanto, a Xunta non aumentou o persoal de loita contra o lume nin introduciu grandes cambios na súa estratexia de extinción e prevención de cara ao futuro, aínda que si se intensificou a vixilancia repecto das faixas de protección contra o lume. Porque máis da metade do plan contra incendios anunciado por Feijóo logo dos focos de outubro figuraban en normas xa vixentes. "Investir máis en prevención do lume e noutro modelo para o rural permitiría cambiar a situación", dicía nunha entrevista Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural. As súas palabras coinciden coas da maioría de expertos no tema. E todos insisten na necesidade de reaccionar a tempo e na de mudar o modelo forestal, tal e como manifesta o alcalde de Nigrán, unha das zonas cero de hai un ano.
Un incendio en Mondariz, que obrigou a desaloxar varias vivendas case un ano despois, fixo revivir a pantasma da traxedia de 2017
Doce meses despois, tamén en outubro, un incendio en Mondariz obrigou a decretar a situación 2 de risco e a evacuar un cento de persoas ameazadas polas lapas. Volveu a pantasma da vaga do outono anterior. En apenas tres horas as estimacións de hectáreas queimadas pasaron das 20 iniciais a medio cento e pouco despois, a 120 e ata as 150. Nunha zona ateigada por eucaliptos, con poboación anciá e núcleos illados. Outro aviso de que os incendios xa non son o que eran. Son (e serán) peores.