O mesmo número de incendios, pero moito máis feroces

Veciñanza loitando contra o lume en Cualedro © Óscar Pinal

O 2017 foi un moi mal ano para o monte galego. En total, arderon case 62.000 hectáreas, a cifra máis elevada dende as 96.000 do 2006 e as 199.000 de 1989. Porén, o número de incendios foi relativamente reducido: 3.141, unha cantidade superior á dos anos 2014, 2015 e 2016, pero inferior á dos exercicios 2009, 2010, 2011, 2012 e 2013. O pasado ano rexistrouse, de feito, a media máis elevada de superficie queimada por incendio (19.64 hectáreas) dende o ano 1989, superando por moito a cifra do terrible ano 2006.

O pasado ano rexistrouse a media máis elevada de superficie queimada por incendio (19,64 hectáreas) dende o ano 1989, superando por moito a cifra do terrible ano 2006

Non parece un fenómeno excepcional. Segundo podemos ler nas estatísticas oficiais que a Xunta fai públicas a través do Pladiga, presentado este xoves, nos últimos anos vén confirmándose unha tendencia a ter menos incendios pero moito máis feroces e destrutivos. Xa no 2016 a superficie queimada por incendio foi de máis de 9 hectáreas e entre o 2010 e o 2015 (coa excepción do 2014) a cifra moveuse entre as 4 e as 6 hectáreas queimadas por incendio. Entre 1991 e o 2010 ese ratio só foi superado nos anos 2005 e 2006.

Os e as expertas veñen advertindo da intensificación dunha serie de factores (maior presenza de especies altamente combustibles, cambio climático, despoboamento do rural...) que derivan en incendios moito máis grandes e difíciles de apagar

Os e as expertas veñen advertindo da intensificación dunha serie de factores (maior presenza de especies altamente combustibles, cambio climático, despoboamento do rural...), condicións cada vez menos extraordinarias que derivan en incendios moito máis grandes e difíciles de apagar, tal e como foron descritos polo informe que analizou a vaga de lumes sufrida por Portugal o pasado ano. O propio director xeral de Ordenación Forestal da Xunta, Tomás Fernández-Couto asumiu publicamente que a vaga de outubro e as condicións climáticas extremas esixen "unha reflexión" sobre a loita contra os incendios en Galicia. De igual xeito, o Informe sobre a incidencia do cambio climático nos incendios forestais elaborado por Meteogalicia a petición da comisión parlamentaria de estudo da política forestal alertou recentemente de que o risco de incendios en Galicia polo cambio climático aumentará ata "niveis críticos" neste século.

A pesar de todo isto o Pladiga presentado pola Xunta este pasado xoves amosa que, de momento, o Goberno galego se resiste a mudar a estratexia de prevención e defensa contra os incendios seguida ata agora polo Executivo de Alberto Núñez Feijoo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.