0 Gardados para despois

A Xunta non aumenta o persoal de loita contra o lume nin introduce grandes cambios na súa estratexia

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Os incendios do pasado mes outubro queimaron 49 mil hectáreas de monte (62 mil no conxunto do ano 2017) e acabaron coa vida de catro persoas. Provocaron unha conmoción na sociedade galega e volveron poñer sobre a mesa o debate sobre as estratexias que se están a aplicar para previr a repetición de vagas de lumes semellantes. Moito máis á vista do que tamén sucedeu en Portugal, onde os expertos alertan dunha perigosidade cada vez maior dos incendios. Porén, a resposta da Xunta ante o lume será neste ano 2018 esencialmente a mesma que nos anteriores.

Entre os escasos cambios, Medio Rural só destaca que por primeira vez se cubrirán todas as vacantes do dispositivo e que contempla a posibilidade de ampliar o seu tempo de traballo. Ademais, estende ata finais de outubro a tempada de alto risco

O Goberno galego aprobou este xoves o Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), o documento que condensa todo o dispositivo de loita contra o lume en Galicia, tanto o que depende directamente da Xunta como o achegado polos concellos e polo Goberno central. O dispositivo será practicamente idéntico ao de 2017 no que respecta aos seus recursos humanos e materiais e só introduce algúns pequenos cambios na estratexia, comezando pola extensión da tempada de alto risco ata finais de outubro. Así mesmo, Medio Rural só destaca que por primeira vez se cubrirán todas as vacantes do dispositivo e que contempla a posibilidade de ampliar o seu tempo de traballo.

Porén, o persoal contratado será exactamente o mesmo que o ano anterior, 5.767 traballadores e traballadoras en período de alto risco, 2.962 en risco medio e 2.285 en tempada de baixo risco. Ao igual que o ano pasado, as cifras en momentos de alto risco poden chegar aos 7.000 traballadores e traballadoras, sumando reforzos ao dispositivo. En canto aos elementos materiais, tampouco hai cambios: un máximo de 29 medios aéreos (os mesmos que no 2017) e 358 motobombas (exactamente as mesmas que o pasado ano).

O persoal contratado será exactamente o mesmo que o ano anterior: 5.767 traballadores e traballadoras en período de alto risco

Polo demais, as novidades quedan reducidas a elementos accesorios. Este xoves en rolda de prensa a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou por exemplo a incorporación de 34 novas cámaras de vixilancia dos espazos forestais e, igualmente, dun helicóptero que transmitirá imaxes e vídeo en tempo real. Así mesmo, en materia de sensibilización referiuse aos convenios de colaboración que se asinarán con cazadores e radioafeccionados para reforzar a vixilancia e alerta de incendios.

A outra gran novidade estivo na propia presentación do Plan, no mes de abril, cando nos últimos anos o documento non era coñecido ata finais de xuño, coincidindo co inicio da tempada de alto risco. A publicación temperá do Pladiga é unha vella reivindicación dos e das profesionais do sector, de sindicatos e dos grupos da oposición, aínda que a esixencia é que o Plan se coñeza nas primeiras semanas do ano. Ademais, reclámase da Xunta que o Pladiga sexa debatido e consensuado entre todas as entidades e axentes sociais do sector e que a súa elaboración sea produto dunha análise dos resultados do ano anterior na loita contra o lume.

"Nunca se analiza que se fixo ben ou mal o ano anterior. O Pladiga debe ser un plan que aprenda dos erros do pasado para mellorar e debe ser debatido e redactado por todos os sectores implicados", salientan os traballadores forestais

Hai unha semana o deputado do BNG Xosé Luís Rivas, acusou a Xunta de volver elaborar o plan de loita contra os lumes a través do método de “corta e pega, repetindo a rutina de todos os anos” sen que houbese, coma é preceptivo, reunións de distrito coas Mancomunidades de Montes para planificar as  labores de prevención e defensa de cada unha deles. “Xa sei que en anos anteriores tampouco fixeron estas reunións previas, porque para o PP o Pladiga vén sendo outro documento coma o Plan Forestal, un mero trámite sen contido que non se toman en serio, porque non se toma o monte nin o rural en serio e así nos vai”, engadiu. "Nunca se analiza que se fixo ben ou mal o ano anterior. O Pladiga debe ser un plan que aprenda dos erros do pasado para mellorar e debe ser debatido e redactado por todos os sectores implicados", dicía en outubro Sebastián Hernández, secretario da Asociación Profesional de Bombeiros Forestais de Galicia (Apropiga).

Outras das críticas que habitualmente chega por parte dos bombeiros forestais refírese á necesidade de mellorar a coordinación e a profesionalización das persoas encargadas de loitar contra o lume, un aspecto que un ano máis o Pladiga pasa por alto. "Hai que acabar coa precariedade no sector e hai que establecer un modelo que sexa público e único, e que sexa ademais polivalente: que atenda á prevención, á extinción e tamén ás emerxencias", subliñaba Sebastián Hernández neste senso.

Este mesmo venres o PP botou abaixo no Parlamento unha moción de En Marea que reclamaba "homoxeneizar e crear un mando único efectivo" no dispositivo de loita contra o lume, "recuperando os servizos externalizados ou privatizados". A proposta, defendida por Paula Quinteiro, reclamáballe ao Goberno "que sexa a Xunta quen contrate exclusivamente ao persoal das brigadas helitrasportadas e que garanta que todos so helicópteros transporten só a brigadas de bombeiros forestais do SPDCIF".

 

O PP impulsa as agrupacións de defensa contra os incendios forestais

O Parlamento aprobou este venres unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a desenvolver a figura das agrupacións de defensa contra os incendios. “A loita contra os incendios require da colaboración cidadá, sobre todo se temos en conta que tres de cada catro lumes teñen carácter intencionado”, afirmou o portavoz popular de Montes, Silvestre José Balseiros.  “Nunca nos estamos a referir á extinción directa dos lumes, pero si a traballos de remate dun incendio ou na vixilancia dos incendios, avisando das posibles alertas”, apuntou. Entre as actuacións que o PP propón que leven a cabo estas agrupacións están "actividades de prevención e defensa contra incendios forestais nas tarefas de detección, vixilancia e disuasión, e colaboración na investigación”.

Ademais, a cámara aprobou por unanimidade unha moción do BNG, transaccionada cunha emenda do PP, que insta o Goberno galego a "impulsar un plan de actuación en faixas secundarias de xestión da biomasa cunha participación maioritaria na financiación desas actuacións pola Xunta". A Xunta comprométese a sufragar o 75 por cento dos custes das actuacións precisas en cada concello, correspondéndolle á Fegamp, aos concellos ou ás deputacións adheridas ao convenio o financiamento do 25 por cento restante. Na defensa da súa moción, Xosé Luis Rivas destacou que os concellos, sobre todo os de menos de 5.000 habitantes “non teñen capacidade para asumir  un plan de actuación sistemático e continuado e tampouco contan con persoal  persoal para vixiar e levantar actas que poidan rematar en sancións”.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.