0 Gardados para despois

A espera eterna de Nigrán pola Xunta e a chuvia

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Rubén Rial é concelleiro de Vías e Obras e Seguridade Cidadá en Nigrán. Pero tamén é traballador do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) do Val Miñor. El foi un dos que atopou a furgoneta calcinada na que dúas veciñas de Chandebrito, parroquia da parte alta do municipio lindeira con Vigo, tentaban escapar do lume baixando en dirección á parroquia de Camos, cara o sur, de onde sopraba o vento que empurraba o lume. Pero este domingo Rubén Rial ou os seus compañeiros do GES do Val Miñor, unha ducia de traballadores que atende tamén os concellos de Baiona e Gondomar, eran do pouco que podían agardar os veciños da comarca para axudarlles a loitar contra o lume.

O alcalde de Nigrán, Juan González, do PSOE, queixábase xa na tardiña do domingo, cando confirmaba as dúas mortes, de que no seu municipio non contaran coa axuda de ningún dispositivo contra incendios forestais da Xunta. Actuaron con recursos propios, do GES ou do parque de bombeiros comarcal do Porriño. Mesmo había Policía Nacional. Pero botaron en falta brigadas especializadas en incendios forestais.

Por aquí só apareceu un tipo vestido de militar que dicía que era da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que era da zona e que estaba de vacacións, e que viña a tentar axudar”, dicía ás dúas da madrugada unha voluntaria de Protección Civil ás portas do Centro Cultural A Camoesa, de Camos, onde se concentraban os veciños e o persoal local que tentaba descansar un pouco no medio da loita contra o lume. “Probablemente era mentira”, engadía molesta. A poucos metros dela, un veciño explicaba a dous policías locais e un membro de Protección Civil onde había un pozo no que poder coller auga. Veciños e membros de Protección Civil descansaban comendo e bebendo mentres comentaban coa cabeza baixa como toda a parte alta da parroquia de Camos ardera, tamén varias vivendas.

“Por aquí só apareceu un tipo vestido de militar que dicía que era da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que era da zona e que estaba de vacacións, e que viña a tentar axudar”,

Si actuou en Baiona nalgún momento da tarde deste domingo un dos avións anfibios do Goberno central. Alí o lume, axudado pola gran cantidade de follas secas espalladas polo monte e as rúas e polo forte vento do sur, rodeou case por completo o casco urbano da vila e saltou á península que alberga a fortaleza de Monte Boi e o Parador de Turismo. Unha proba de que parte dos focos dos lumes non foron provocados senón produto de faíscas levadas polo vento está nesa vila. No centro do casco vello, o lume chegou á horta do convento das monxas Dominicas, rodeado por muros de pedra compactos de máis de catro metros de altura. Varias vivendas do municipio resultaron danadas, con mellor sorte que outras da veciña Nigrán que acabaron queimadas.

No Val Miñor, pasadas as dúas da madrugada, a temperatura seguía en 24 graos centígrados. Foi a partir dese momento cando, ao principio de xeito moi feble, comezou a chuviscar. Os montes de Nigrán, Baiona e Gondomar seguían a despedir fume na mañá deste luns, pero os focos de lume eran xa moi contados e dábanse por controlados.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.