O estudo do Parlamento sobre os incendios de 2017 tamén desbota a tese terrorista axitada por Feijóo

Área afectada por un dos incendios en San Cristovo de Cea Dominio Público MAPAMA

En decembro de 2006 o Parlamento de Galicia sacou adiante cos votos a prol de PSdeG e BNG, daquela socios de Goberno, as conclusións da comisión de estudo sobre a vaga de incendios que aquel verán arrasara máis de 77.000 hectáreas, dando lugar ao peor balance de superficie ardida en vinte anos. Aquel documento e a propia comisión, abertamente ridiculizada polo PP, deran en desbotar a existencia dunha trama organizada para queimar o monte galego en días e puntos determinados, tese á que cargos das formacións daquela gobernantes outorgaran certa credibilidade durante a vaga de lume.

Este 11 de setembro de 2018, doce anos despois, o pleno da Cámara galega aprobou definitivamente as conclusións dunha nova comisión de estudo sobre os incendios forestais, desta volta lanzada tras a vaga na que arderon 50.000 hectáreas de monte e morreron catro persoas en apenas dous días de outubro do pasado ano. O documento, ao que deron os seus votos PP e PSdeG -os socialistas subliñan que votaron a prol para "poñer deberes á Xunta"-, contén un cento de propostas en materia de prevención e extinción de incendios, pero tamén unha análise sobre o acontecido. Unha vez máis, nin rastro da trama e tampouco da tese do suposto "ataque" do "terrorismo incendiario" que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, axitou para explicar o acontecido ante a opinión pública.

Baixo o epígrafe "terrorismo incendiario" as conclusións da comisión de estudo limítanse a constatar o advertido pola Fiscalía ao arquivar as dilixencias sobre a vaga de incendios: "descarta a existencia" dunha "trama organizada" para prender lume ao monte e de "terrorismo" dende "o punto de vista xurídico"

As conclusións da comisión encadran o asunto da intencionalidade na "análise das causas estruturais dos incendos forestais en Galicia" baixo un epígrafe que convida á ambigüidade: A intencionalidade nos incendios: terroristas/delincuentes incendiarios. Das comparecencias e documentación analizada, explica o ditame, cabe reiterar a "elevada intencionalidade humana existente nos incendios forestais en Galicia", ata o punto de que a acción humana está por tras de "tres de cada catro incendios", sinala remitíndose ás estatísticas acumuladas do Ministerio de Agricultura entre 1989 e 2013. Así e todo, a "alta intencionalidade dos incendios galegos contrasta cun escaso número de detidos e investigados por este motivo".

Vista da zona ardida en Chandebrito (Nigrán) en outubro de 2017 CC-BY-SA Praza Pública

Pero, e "o terrorismo incendiario"? "Unha cuestión debatida nas comparecencias -relata o ditame- foi a da posible existencia dunha trama organizada de incendarios". Sobre isto o documento limítase a reproducir o advertido polo fiscal superior de Galicia ao arquivar as dilixencias abertas sobre a vaga de lumes de outubro de 2017: "descarta a súa existencia", toda vez que "non se puido determinar que os 352 incendios acaecidos entre o 8 e o 15 de outubro de 2017 obedezan a unha iniciativa criminal complexa de grupos de persoas ou organizacións que actúen de forma coordinada ou planificada e que persigan obxectivos supra individuais".

O ditame da comisión detense tamén en "se as persoas que causan incendios coa intención de facer dano a bens e persoas" poden "ser denominadas como terroristas", como teima en reclamar o presidente da Xunta. O documento remítese de novo ao advertido pola Fiscalía: "Dende un punto de vista xurídico, obviamente, isto non é terrorismo", con independencia de que poda ser denominado así dende un "punto de vista vulgar". Ese informe da Fiscalía detívose nunha análise concreta que xa avanzara o fiscal delegado de medio ambiente de Galicia, Álvaro García Ortiz, quen en declaracións a Praza.gal lembrara que "en anos de investigación, nunca atopamos esa famosa trama incendiaria". Esta e outras intervencións públicas de García Ortiz no mesmo sentido foran vistas con receo no Goberno galego, o PP e a súa contorna.

Feijóo axitou a tese terrorista para explicar o acontecido ante a opinión pública nun discurso que a Xunta reproduciu en varios xornais

A tese do ataque terrorista queda así fóra das conclusións da comisión parlamentaria sobre os incendios forestais, o mesmo que aconteceu nas pescudas da unidade da Policía Nacional ascrita á Xunta, a 'Policía autonómica'. Nun sentido semellante se pronunciaban os atestados manexados polo Ministerio do Interior a respecto da vaga de incendios procedentes da Policía e da Garda Civil. Diante destes pronunciamentos Feijóo dera en atribuír o pasado febreiro á Fiscalía a tese da trama ou do ataque terrorista que el mesmo defendera nun discurso que o Goberno galego publicou en diversos xornais impresos inmediatamente despois da vaga de incendios.

Traballos de extinción en Paderne de Allariz Dominio Público @BrifLaza

Na súa análise final sobre o ditame o PPdeG evitou volver sobre a tese terrorista e eloxiouno por ser "plural, multidisciplinar" e "afondar nas causas estruturais dos incendios", en verbas do deputado José González. O PSdeG, que apoiou o documento, coida que se son aplicadas as conclusións aprobadas Galicia vivirá un "cambio substancial" na política forestal e a "recuperación das políticas do goberno de Touriño e da consellería de Suárez Canal" na materia. En Marea e BNG, pola súa banda, presentaron senllos votos particulares ao ditame por non ser "valente" e non abordar mudanzas "substanciais" como o freo do eucalipto ou a xestión política da vaga de 2017.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.