0 Gardados para despois

Feijóo atribúe agora á Fiscalía as sospeitas dunha “trama incendiaria” inexistente que alentou o PP

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


“Sobre a intencionalidade dos incendios non temos dúbida, o que non sabemos é se é unha trama ou se están coordinados”, “o sucedido non é resultado da casualidade”, “atacáronnos indiscriminadamente” ou “terrorismo incendiario”. Todas esas son verbas do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre a vaga de incendios vivida en Galicia en outubro. Porén, este xoves, despois de que o fiscal de Medio Ambiente avanzase que a investigación que está a piques de rematar non atopou probas desa suposta trama, o presidente negou a maior e puxo o foco sobre a propia Fiscalía. “Non atoparán declaracións miñas de que había unha trama incendiaria”, di agora Feijóo, para engadir que “quen decidiu investigar se había unha trama incendiaria ou non foi a Fiscalía, e foi de oficio, non a petición da Xunta”.

“Non nos sorprende o informe final da Fiscalía de Medio Ambiente, porque basicamente é o que vai dicindo todos os anos”, di o presidente sobre a investigación que novamente non atopou probas ao respecto

Tras a última vaga de incendios, e como fixeron antes outros gobernos autonómicos de toda cor, a Xunta, o Goberno central e o PP xustificaron a súa gravidade lanzando acusacións e sospeitas de coordinación entre os mesmos e facendo ver que tras deles había algo máis que incendiarios individuais, mesmo gastando cartos públicos para publicitar nos xornais a postura do Goberno galego. Cando se lle preguntou directamente ao propio Feijóo pola ausencia de probas sobre unha suposta trama incendiaria, o presidente sempre optou por non negar a súa existencia, malia carecer de probas para afirmala, e mesmo por alentar dúbidas con frases ambiguas ao respecto. O mesmo fixo o Goberno central, que admitiu a posibilidade da existencia desa “trama incendiaria”. Porén, agora Feijóo só admite a responsabilidade propia de cualificar a situación como “terrorismo incendiario”, sen aclarar se ese terrorismo é froito de supostos “lobos solitarios”: “Os actos dos incendiarios son propios de actos terroristas, iso si o dixen e o reitero, e alá quen prefira minimizalos e reducilos a gamberradas ou tolemias”, di o presidente.

Na súa visita a Pazos de Borbén o presidente Rajoy presentouse como o responsable de ordenar detencións dos autores de algo que non consideraba unha "casualidade"

E ante o anuncio do fiscal de Medio Ambiente de que a súa investigación está próxima a rematar sen poder acreditar a existencia de ningunha trama incendiaria, o presidente atribuíu esa responsabilidade á propia Fiscalía. “Quen decidiu investigar se había unha trama incendiario ou non foi a Fiscalía, e foi de oficio, non a petición da Xunta”, dixo, e engadiu que “foi a Fiscalía Superior de Galicia, e a Fiscalía de Medio Ambiente di que polas probas que ten non pode acreditalo”. Unhas verbas que contrastan coas pronunciadas polo propio presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, que na súa visita con Feijóo o 16 de outubro a unha das zonas cero dos incendios, Pazos de Borbén, salientara que dera ordes á Garda Civil de "deter" os autores dunha vaga de incendios que segundo dicía "non se produce por casualidade".

“Tampouco nos sorprende o informe final [da Fiscalía] de Medio Ambiente, porque basicamente é o que vai dicindo todos os anos”, reprochou tamén Feijóo, que leva meses criticando que as forzas de seguridade e a xustiza só son quen de deter e condenar a unha parte moi pequena do total de incendiarios. “O que nos gustaría é que tiveramos máis éxito para por a disposición os incendiarios”, insistiu este xoves.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.