0 Gardados para despois

Feijóo alenta que os incendiarios sexan xulgados por terrorismo na Audiencia Nacional

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O presidente atribúe a “todas as administracións” a perda de control do lume durante “12 horas” do domingo e cifra en 32 as vivendas queimadas

A policía e a xustiza nunca demostraron coordinación ou existencia de tramas organizadas nos incendios forestais en Galicia. Porén, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo este xoves o seu discurso de equiparar os incendios co terrorismo e non desbotou a posibilidade de que como tal delito sexa xulgado pola Audiencia Nacional. Fíxoo nunha comparecencia na que anunciou axudas económicas para os afectados, atribuíu a “todas as admnistracións” a perda de control do lume durante “12 horas” do domingo e cifrou en 32 as vivendas queimadas.

Na rolda de prensa posterior á reunión do seu Goberno na que se aprobou un decreto de axudas para atender as persoas e propiedades afectadas polos incendios, Feijóo insistiu en presentar o “ataque que sufriu Galicia” como produto dunha “elevadísima actividade incendiaria” con “intencionalidade delictiva” e pediu “reabrir” o debate sobre “que un incendiario sexa asimilado a delitos de terrorismo”. Ao presidente preguntóuselle a continuación se consideraba que como tal terrorista debería ser xulgado pola Audiencia Nacional, o único órgano xudicial competente en España para ese delito, e Feijóo non o desbotou: “Esa pregunta é absolutamente procedente”, sentenciou. E cando se lle preguntou polo feito de que nunca se demostrou unha coordinación ou organización de incendiarios, a súa resposta foi que “lle corresponde á investigación concretalo” pero que “houbo accións simultáneas” e “esa é a nosa opinión”.

Feijóo cargou contra os concellos, tamén do PP, que non dispuñan de brigadas locais e que obrigaron ás autonómicas a deixar o monte para priorizar a defensa de núcleos habitados

Na súa comparecencia, a Feijóo preguntáronselle diversas cuestións relacionadas cos incendios dos últimos días ás que non respondeu por completo remitíndose á comparecencia que anunciou que realizará en datas aínda sen concretar no Parlamento de Galicia. Sobre as “12 horas” que el mesmo admitiu que se perdera o control do lume entre o domingo e o luns, Feijóo dixo que foi responsabilidade de “todas as administracións”. Ao seu ver, a perda de control produciuse cando o lume se aproximou a numerosos núcleos habitados e o Goberno galego deu a orde, ás 19.20 horas da tarde do domingo, de desviar cara eses puntos as brigadas autonómicas que ata ese momento traballaban nos montes porque non había outros medios dispoñibles. Nesa liña, Feijóo salientou que numerosos concellos non dispuñan de brigadas locais para as que a Xunta ofrecera colaboración económica antes do verán. Ese reproche xa o exemplificara o mércores no Parlamento no caso dos concellos de Nigrán e Baiona, especialmente afectados polo lume en espazos habitados e gobernados respectivamente por PSdeG e PP. E este xoves fontes do Goberno galego salientaban que o malestar da Xunta non ten cores políticas e afecta tamén a rexedores do PP.

“Os galegos saben o que fixemos na oposición”, responde á pregunta pola súa actitude na crise de 2006.

Ao presidente preguntóuselle se está arrepentido de dicir, tras a vaga de incendios de 2006, que co goberno de PSdeG e BNG daquel momento morría xente polo lume pero non co PP. “O que fixemos na oposición o saben os galegos, cos erros e cos acertos que cometemos”, dixo, para engadir que “os galegos poden comparar o que pasou en 2006 e o de 2017”, remitindo calquera outra consideración ao respecto ao debate pendente no Parlamento.

Feijóo admitiu a necesidade de avaliar a política forestal da Xunta e salientou que a actual “en Galicia aínda non fomos quen, dentro das competencias de cada cal, de aplicala”. Tamén cualificou como “modélico” o servizo de extinción autonómico, do que dixo que “como é natural todo é mellorable”, pero lembrou a continuación o cento de mortes rexistradas en Portugal.

“Un lume intencionado non pode ser o mesmo que unha riada”, di para xustificar axudas públicas por importes superiores

Sobre as axudas ás persoas afectadas polo lume, que non cuantificou, Feijóo salientou que serán superiores ás previstas habitualmente para as catástrofes naturais. Segundo argumentou, “un lume intencionado non pode ser o mesmo que unha riada”. O balance provisional que fai a Xunta de persoas e bens afectados é o das catro mortes xa coñecidas, 2.500 persoas desaloxadas nalgún momento dos últimos días e 32 vivendas “afectadas ou destruídas” polo lume.  Esas vivendas recibirán axudas aínda que non tivesen seguro e en función do nivel de afectación e de se eran vivendas habituais ou segundas residencias. Canto ás persoas, as axudas ascenderán a 75.000 euros por falecemento ou incapacidade permanente absoluta.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.