0 Gardados para despois

A Fiscalía investiga se os incendios foron “coordinados”, pero lembra que ata agora nunca se probou

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Analizará “se existen indicios dunha planificación” malia que non se puido determinar nin na vaga de 2006 nin nas investigacións realizadas nestes 11 anos

A Fiscalía Superior de Galicia informou este mércores, a través dunha nota de prensa, que ven de abrir dilixencias de investigación penal para esclarecer se na vaga de incendios dos últimos días “existen indicios dunha planificación coordinada” na súa orixe. Porén, a propia Fiscalía engade que na vaga de incendios de 2006 tamén abriu unhas “dilixencias similares para investigar a existencia dunha trama organizada” pero que “tras a exhaustivo análise realizada non se puido determinar daquela a existencia dunha actividade criminal coordinada”.

Segundo a Fiscalía, o decreto de incoación de dilixencias asinouno o fiscal superior, Fernando Suanzes, e nel sinálanse as “graves consecuencias” dos incendios, entre elas as catro mortes. E engade que “ante a gran alarma social causada, e sen prexuízo das investigacións que tramiten os diversos xulgados de instrución do territorio para determinar os autores, partícipes e demais particularidades de cada evento criminal acoutado espacialmente, da súa exclusiva competencia, a Fiscalía considera necesario investigar se os numerosos incendios orixinados obedecen a unha iniciativa criminal complexa de grupos con intencionalidade que persigan obxectivos supraindividuais”. A Fiscalía engade que “o xeito” en que se produciron os incendios “fan pensar na posibilidade dunha actuación criminal máis alá da de simples autores ocasionais con perfís criminolóxicos coñecidos”, polo que di que é necesario realizar “as indagacións necesarias que permitan esclarecer os feitos”.

A continuación, a nota da Fiscalía lembra que “tras a vaga de incendios forestais rexistrada en verán de 2006, a Fiscalía abriu unhas dilixencias similares para investigar a existencia dunha trama organizada, aínda que tras a exhaustiva análise realizada (circunstancias nas que se produciron os incendios, zonas afectadas, perfís dos incendiarios, etc.) non se puido determinar daquela a existencia dunha actividade criminal coordinada”. Segundo a Fiscalía, “os datos da investigación foron actualizados e analizados anualmente, con idéntico resultado”. E remata dicindo que once anos despois é necesario realizar un “novo diagnóstico” para “despexar incógnitas”.

O fiscal de Medio Ambiente lembrou que “en anos de investigación, nunca atopamos esa famosa trama incendiaria”

O fiscal delegado de Medio Ambiente en Galicia, Alvaro García Ortiz, expresouse este mesmo mércores en similares termos nunha entrevista con Praza Pública. Nela, García Ortiz salienta que “en anos de investigación, nunca atopamos esa famosa trama incendiaria”. Porén, tanto a Xunta como o Goberno central, sen achegar aínda probas ao respecto, teima en presentar o incendios dos últimos días como “terrorismo”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.