A investigación da Policía 'autonómica' sobre os incendios de outubro nin menciona a tese terrorista da Xunta

Fragmentos do informe sobre os incendios remitido ao Parlamento pola Unidade de Policía Adscrita CC-BY-SA Praza Pública

A Unidade de Policía Adscrita (UPA), a coñecida como 'policía autonómica', é un destacamento de algo menos de medio milleiro de axentes da Policía Nacional que prestan servizos vinculados ás competencias da Xunta, entre eles a vixilancia do cumprimento da normativa autonómica en materia de medio ambiente e prevención de incendios. No pasado 2017 UPA tivo asignados un total de 117 concellos nos que exercer labores de prevención e investigación durante a temporada de alto risco de lume, competencias que se extendeu ata o outono por mor da vaga de incendios de outubro. Esta unidade tivo que analizar case un cento de incendios desa "excepcional" semana e nas súas conclusións nin sequera menciona a que foi principal explicación da Xunta sobre o sucedido, o suposto "terrorismo" forestal.

A comisión que estuda no Parlamento as causas desa vaga de incendios e analiza medidas para previlos no futuro solicitou á UPA un informe sobre os seus labores de pescuda sobre o sucedido. O documento, elaborado pola Sección de Investigación da 'policía autonómica', chegou á Cámara este 25 de abril e nel, ademais de datos numéricos sobre cada foco, apúntanse a causas que coinciden coas sinaladas por responsables da extinción, expertos forestais e Fiscalía, pero non coas do Goberno no que atinxe á tese terrorista.

O informe policial remitido ao Parlamento pon o foco nas "causas estruturais" dos incendios, como "condicións meteorolóxicas, ecolóxicas e sociais"

Así, o corpo policial comeza advertindo de que "as causas estruturais que provocan os incendios dependen de factores intrínsecos do propio medio natural", isto é, "condicións meteorolóxicas, ecolóxicas e sociais" que tamén influíron na vaga que "arrasou unha parte considerable das provincias de Ourense e Pontevedra e tamén, aínda que en menor medida, Lugo e A Coruña". Neste sentido, cre necesario "significar" que do 9 ao 15 de outubro e "especialmente na fin de semana" na que arderon case 50.000 hectáreas "houbo localidades que rexistraron valores por riba dos 67 quilómetros por hora" de vento, chegando a "superarse os 80" en puntos como Vigo "como consecuencia do paso das últimas rabexadas do furacán Ophelia".

Gráfico de temperaturas incluído pola UPA no seu informe sobre os incendios

Altas temperaturas, vento forte e auasencia de chuvias, resalta o informe, dan como "resultado" un "cóctel meteorolóxico perfecto" que "axuda a facer que un incendio se faga incontrolable". O lume, detalla, chega a "propagarse a unha velocidade de un a dous quilómetros por hora" e "algunhas brasas" e faíscas "empurradas polo vento poden chegar a caer, incandescentes, a unha distancia de entre 1 e 5 quilómetros e iniciar alí novos lumes". Esta descrición coincide dun xeito case literal coa inserida pola Fiscalía de Medio Ambiente no seu informe sobre a vaga de incendios, o mesmo que concluíu a inexistencia de redes terroristas e se reduciu a "rumores" a suposta "actividade incendiaria homicida" en torno a Vigo que o propio presidente da Xunta chegou a dar por certa durante a peor noite da vaga.

Outras variables e a intencionalidade

Extinción dun incendio forestal en Verín / Brif Laza

As causas meteorolóxicas son clave, indica a UPA, se ben "na expansión devastadora dun gran lume hai que ter en conta outras variables", como "o tipo de vexetación e a topografía". "De feito -advirte-, a meteoroloxía puntual durante un lume é menos importante que as condicións climatolóxicas previas, as cales inciden negativamente na masa forestal e na orografía". É por iso que o informe achega gráficos de temperatura dos días previos ao peor da vaga, con reiteradas xornadas de "risco extremo" de incendio.

O informe inclúe unha única mención á intencionalidade e resalta a influencia do "tipo de vexetación e a topografía" na "expansión devastadora dun gran lume"

É neste punto no que o informe policial achega a única mención do documento á acción humana nos incendios. "Aínda que é certo que a entrada do outono adoita vir acompañada de lumes intencionados tanto para recuperar zonas de pasto como pola coincidencia da fin da campaña de incendios", admite, "non é tan habitual a virulencia, magnitude e rápida propagación" como a vivida o 14 e 15 de outubro. "Lembremos -enfatiza- que só en Galicia na madrugada do domingo ao luns se rexistraron preto de 150 focos distintos", unha quincena con impacto directo en núcleos urbanos e mentres, "tamén Asturias e (...) Portugal se vían afectadas por unha forte vaga de incendios".

A unidade policial cre que cómpre "ter en conta o abandono rural", a ausencia de prevención e "o aumento de urbanizacións illadas (...) e delimitadas por montes"

Con este pano de fondo a Unidade de Policía Adscrita á Xunta non realiza achega ningunha en materia de orde pública ou delincuencia, senón que chama a "ter en conta que o abandono rural dos últimos anos" provocou que existan diversas áreas que "carecen dunha xestión forestal preventiva". Tampouco se debe "esquecer", agrega, "o aumento de urbanizacións illadas dos núcleos urbanos e delimitadas por montes", as cales "dificultan moito as tarefas de extinción en caso de incendio".

A UPA chega a estas conclusións a partir dos datos tirados dun total de 97 incendios acontecidos entre o 9 e o 15 de outubro nos 117 municipios que tiña asignados. A maior parte destes incendios foron de pequenas dimensións, aínda que tamén tiveron que indagar nalgúns dos que arrasaron maiores superficies, como o que levou por diante 8.877 hectáreas en Ponteareas, o que atinxiu a 2.000 hectáreas en Melón ou os que tamén superaron as 1.000 hectáreas en San Cristovo de Cea e Caldas de Reis, todos eles durante a devandita fin de semana de outubro.

Vehículo da unidade policial adscrita á Xunta © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.