0 Gardados para despois

A Xunta dispuxo a pasada semana reincorporar este luns 500 brigadistas despedidos

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


"Nunca antes houbo en Galicia tantos medios contra os incendios nun mes de outubro", dixo Feijóo na declaración institucional deste luns tras a vaga de lume que arrasa o país e provocou xa catro mortes. As anómalas condicións meteorolóxicas e a longa seca obrigaron a Xunta a estender o período de alto risco tamén a este mes e a manter un operativo propio dos peores días do verán. Segundo aclara a Consellería do Medio Rural, actualmente traballan no dispositivo contraincendios un total de 5.600 efectivos (350 brigadas, 220 motobombas, 40 pas, unha vintena de medios aéreos e 260 membros da Unidade Militar de Emerxencias). Son moitos para esta época, pero un chisco menos dos case 5.800 previstos para as etapas máis duras no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) e non todos os que se poderían ter disposto antes. Máis de 400 brigadistas foron reincorporados ao traballo o pasado día 11 tras cesar o seu contrato en setembro, mentres que a maioría dos 500 da empresa pública Seaga non tiveron orde de reincorporarse á loita contra o fogo ata este luns, día e pico despois do inicio da peor vaga de incendios desde 2006 e catro días máis tarde de que se prescindise deles. 

A Xunta cifra en 5.600 os efectivos que na actualidade traballan no dispositivo contraincendios 

O dispositivo antiincendios en Galicia baséase na atomización e na precariedade e temporalidade da maioría dos seus traballadores. O pasado 30 de setembro, como cada ano, unha parte importante dos brigadistas do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (Spdcif), con contratos fixos-descontinuos, marcharon para a casa. Son unha parte do persoal que conforma o operativo público de loita contra o lume, 436 brigadistas que traballan só durante tres meses. Do resto, 800 teñen contrato os doce meses do ano e arredor de 600 traballan nove meses, polo que deberían cesar en novembro para se reincorporar en febreiro.

Estes 436 traballadores cesaron o pasado 1 de outubro pero pouco despois a Xunta viuse obrigada a prorrogar os seus contratos. Reincorporounos o pasado mércores 11 de outubro e ata final de mes para unirse a un dispositivo contraincendios que xa levaba varios días loitando contra os importantes lumes orixinados na Serra do Xurés -e que acabaron por queimar máis de 800 hectáreas- ou os que afectaban xa a Vilariño de Conso, Vilar de Barrio e Folgoso do Courel.

Máis de 400 brigadistas cesaron no seu labor o 30 de setembro e foron reincorporados o 11 de outubro, con varios incendios importantes xa activos

"Aínda así non é suficiente, estamos desbordados", di Carlos Hermida, responsable de Acción Sindical de CCOO na Consellaría do Medio Rural, que aclara que o convenio especifica que este colectivo será contratado para o período de alto risco, que abrangue os tres meses de verán e un máis prorrogable. "Xa tiñamos cumprido este mes extra no pasado abril, onde tamén houbo importantes fogos; o Goberno galego fiouno todo ás condicións climatolóxicas e pecou outra vez de falta de previsión", explica. 

 

"Falta de previsión e continua improvisación"

Tamén de falta de previsión falan os traballadores da empresa pública Servizos Agrarios Galegos (Seaga), outros operarios fixos-discontinuos con contratos de tres meses. Tal e como informan os comités provinciais, foron preavisados xa hai varias semanas de que o seu labor remataba o pasado 12 de outubro, como así foi. Tan só un día despois, numerosos empregados concentráronse ante a Dirección Xeral de Montes para denunciar "o abandono da prevención, a falta de planificación e a continua improvisación de Medio Rural" e para reclamar a ampliación dos seus contratos. Nese mesmo día, tan só unha hora despois da mobilización, o director-xerente da compañía, Pablo Arbones, enviaba un correo electrónico aos representantes sindicais advertindo de que "ante a situación dos lumes forestais", a Consellería decidira "mobilizar" as brigadas e que esta "mobilización" estaba "prevista a partir do luns 16 e ata o 31 de outubro". 

Xa que logo, Medio Rural deu orde o pasado venres de incorporar os 500 brigadistas do Seaga este luns, despois da fin de semana e coas previsións meteorolóxicas que facían previr o peor durante o sábado e o domingo, tal e como aconteceu. "Esta é toda a previsión e o esforzo que os responsables políticos da Xunta fixeron para enfrontarse a unha vaga de incendios forestais previsible", lembran os comités de empresa das diferentes provincias. Pero ademais, á falta de medios unírase outra circunstancia prexudicial. 

Os 500 brigadistas da empresa pública Seaga cesaron o 12 de outubro e foron requiridos este luns, despois da vaga da fin de semana

Ao anunciar o cesamento da actividade dos traballadores do Seaga, o pasado xoves 12 de outubro, a maioría de vehículos destas brigadas retornaran xa ás bases provinciais para retirarlles a ferramenta e os equipos de protección individual antes de devolvelos á empresa á que llos aluga a Xunta. O día seguinte, desmontáronse as emisoras instaladas neses vehículos. 

 Ao rematar o labor o 12 de outubro, vehículos, ferramentas e emisoras dos brigadistas foran xa desmantelados

Ante a gravidade dos lumes, e sempre segundo os propios brigadistas, o Seaga púxose en contacto con traballadores para que se reincorporasen antes, aínda que a inmensa maioría xa fixeran todo o posible por volver ao seu labor "ante unha situación excepcional". Pero os medios non estaban preparados na maioría dos casos. Había que volver instalar as emisoras, incorporar a ferramenta e os equipos, distribuílos por todo o territorio, avisar o persoal e facer as quendas de traballo

"O domingo non había operativas nin un 20% das brigadas do Seaga", asegura un traballador, que aclara que "non se puido artellar antes" o operativo "porque a Xunta xa o desmantelara". Con todo, foron moitos os operarios que acudiron a traballar voluntariamente ou que se presentaron nos concellos afectados para colaborar. Ante estas dificultades, desde o cadro de persoal calculan que "non habería nin cen operarios do Seaga traballando" durante esta fin de semana. "O groso do dispositivo empezou este luns", insisten. 

Operarios traballan nun incendio forestal

Operarios traballando nun incendio forestal / CC-BY-SA CIG

Desde os comités de empresa de cada provincia aclaran que en Lugo o operativo de reforzo funcionara xa o domingo, mentres que en Pontevedra as quendas de traballo iniciáronse este luns, aínda que houbo persoal que se incorporou voluntariamente o domingo e xa dispuña de dous vehículos e de material. Na Coruña e en Ourense o persoal do Seaga tiña previsto reincorporase tamén este luns, pero no caso da última das provincias, a mediodía aínda se estaba agardando polos coches e as ferramentas necesarias. Con todo, advirte tamén o persoal, non serán 500 os operarios do Seaga que acaban reforzando o actual dispositivo porque algúns, ao saberen xa de hai tempo que ía cesar o seu contrato, "xa tiñan buscados outros empregos". 

Moitos dos brigadistas que intentaron adiantar a súa volta ao traballo non puideron facelo por non estar os medios preparados

"Non se pode ser máis incompetente, irresponsable e mentireiro", aseguran os representantes dos traballadores en referencia ás declaracións da Xunta sobre os medios dispoñibles contra o lume. Desde este colectivo, así como desde diferentes asociacións de brigadistas e desde os sindicatos levan anos reclamando un servizo de extinción "único e público", que acabe coa atomización e cos elevados custos dos servizos privatizados. Denuncian que as brigadas municipais, que funcionan á marxe, acaban sendo utilizadas por moitos concellos como "arma caciquil e electoral" para contratar "xente sen experiencia". Ademais, advirten de que non se cobren todas as vacantes da xente xubilada, das vacacións ou das baixas "por razóns orzamentarias", polo que algunhas brigadas "acaban estando compostas por tres ou catro persoas en lugar de por sete". 

E todo, como aclaran, por un soldo medio neto de 1.200 euros ao mes e xornadas de oito horas que, en situacións excepcionais e tendo en conta as condicións estipuladas, pode ser ampliada ata catro horas máis por día. "E hai compañeiros que traballan 14 ou 15 se a situación o require", explica un brigadista, que advirte das acusacións que en moitos casos recibe o colectivo de estar mesmo detrás dalgún lume. "Non ten sentido ningún, e menos cando cobramos o mesmo esteamos máis ou menos horas", remata. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.